VOLVER A EMPEZAR OUTRA VEZ

“A escola procede directamente da escritura”

Samuel Noah Kramer

Setembro é o mes de volver comezar, cando éramos nenos durante a segunda quincena de agosto o anuncio de certa tenda de roupa amargábanos os derradeiros días das vacacións con certa canción que dicía “volver a empezar otra vez”, o que nos lembraba que os día de lecer do verán chegaban a súa fin. O igual que os rapaces que neses días volven a escola en Orballo comezamos un novo curso que será moi importante polas novidades que traerá.

Para este meu primeiro artigo trala volta ao “choio” quérovos mostrar un texto moi especial, que fala da vida dun mozo que vai á escola, que lle da importancia a este estudante? Pois que viviu en Sumeria (no moderno Iraq) alá polo 2000 a.C., co que ten a honra de ser o primeiro escolar. Samuel Noah Kramer recompilou na súa obra A historia comeza en Sumer, historias da vida cotiá que aparecían narradas nas táboas de escritura cuneiforme, e entre elas atópase a “rutina” deste rapaz, veredes coma non se diferencia moito da vida dun estudante de hoxe en día:

-Onde fuches dende a túa máis tenra infancia?

-Fun á escola.

-Que fixeches na escola?

-Recitei a miña táboa, enchina de escritura, remateina;

despois indicáronme miña recitación, e, pola tarde,

indicáronme meu exercicio de escritura.

Ao rematar as clases fun á miña casa,

Entrei nela e atopei a meu pai que estaba sentado.

Falei co meu pai do meu exercicio de escritura,

despois reciteille a miña táboa,

e meu pai quedou moi contento…

Cando espertei, ao día seguinte,

pola mañá, moi cedo,

volvinme cara miña nai e díxenlle:

“Dáme meu almorzo, que teño que ir a escola”.

Miña nai deume dous boliños e púxenme en camiño.

Na escola o vixiante díxome:

“Por que chegaches tarde?”

Asustado e co corazón latexando,

fun ao encontro do meu mestre

e fíxenlle unha respectuosa reverencia.

Fagamos un pequeno alto na historia, xa que aquí Kramer deixa de narrar os feitos e explica que o coitado do mozo foi varias veces castigado por varios mestres ese día por mor de erguerse na clase sen permiso, charlar cos compañeiros e non facer correctamente as tarefas: “ A túa escritura non é satisfactoria”, dille o mestre. O castigo foi físico, parece ser que foron lategazos (non esquezamos na época na que se enmarca a historia). Tras ese día calamitoso o alumno pensou que debería convidar ó mestre a casa, polo que propúxollo a seu pai:

Ao que dixo o alumno,

 seu pai prestou atención.

Fixeron vir ao mestre da escola e,

cando houbo entrado na casa,

fixéronlle sentar nun sitio de honor.

O alumno serviulle e colmouno de atencións,

e de todo o que aprendera na arte de escribir sobre táboas

fixo ostentación perante seu pai.

Prosegue o autor contando que o pai ofreceulle viño o mestre e agasallouno: “ Vestiuno cun traxe novo e púxolle un anel nos dedos”. Parece ser que o mestre impresionado polo bo trato recibido na casa de seu pupilo e os coñecementos demostrados por este, queda moi satisfeito e pasa por alto o mal día que tivera, polo que o motiva a seguir traballando con estas verbas cas que rematamos:

Rapaz:

Posto que non desgabache miña palabra,

nin botáchela no esquecemento,

deséxoche que poidas alcanzar o pináculo da arte da escrita

e que podas alcanzalo plenamente…

Que poidas selo guía de teus irmáns

e o xefe de teus amigos;

que poidas conseguir o máis alto rango entre os escolares…

Cumpriche ben cas túas tarefas escolares,

e velaquí que transformácheste nun home de saber.

 

Redacción e tradución do texto: David Sabucedo Cardero

Para saber máis:

La historia empieza en Sumer, Samuel Noah Kramer, 1956.