Todas las entradas por ORBALLO

Revista Cultural da cidade de Ourense de contido cultural e social,

ESTIGMA, ESCENAS VI E VII

Unha obra de Manuel J. Maside


ESCENA 6

 

(Un banco na  rúa  mirando ao público. Nel, sentados, o fillo e Xoana, lixeiramente avellentados. Están moi serios. Óuvese o mar de fondo batendo contra rochas dun cantil)

 

Xoana: Que podemos facer?

 

Fillo: Non sei, levalo ao psiquiatra e darlle todo o noso amor.

 

Xoana: Vai ser un apestado, vaino pasar tan mal.

 

Fillo: Se o saberei eu…

 

Xoana: É tan triste… É bo rapaz, moi bo rapaz, pero vano crucificar solo porque é diferente. Meu pobre. (Pausa. O fillo bota a chorar) Que che pasa, cariño?

 

Fillo: Non é evidente o que pasa? É culpa miña, lévoo no sangue, un pai borracho e unha nai tola, e toda esa merda herdouna do meu sangue. É culpa miña…

 

Xoana: Cariño, estas cousas non se prevén! Son xenéticas, si, pero unha lotería tamén. Ti non lle pegaches a enfermidade ao teu fillo querendo.

 

Fillo: Pero Xoana, recoñeces que eu lla peguei.

 

Xoana: Tamén eu púidenlle pegar triglicéridos, ou enfermidades coronarias na súa de vello.

 

Fillo: Pero por culpa disto quizais non chegue a adulto.

 

Xoana: E por que non? Tomará unhas pastillas e será coma calquera pola rúa.

 

Fillo: Eu vin á miña nai, non era normal, non era normal…

 

Xoana: Queríala?

 

Fillo: Por suposto!! Era cariñosa ata o fin dos tempos…

 

Xoana: Pois el será igual, so que con pastillas para controlalo, e para que sexa feliz.

 

Fillo: Será así?

 

Xoana: Seguro.

 

Fillo: E se sae borracho coma min?

 

Xoana: Precisará forza de vontade. Ti tivéchela, levas moitos anos sobrio. Por que el non vai ser coma ti? Iso tamén puido herdalo.

 

Fillo: Son mala sangre, non debín ter fillos. Coma Hitler a miña estirpe debe ser aniquilada.

 

Xoana: (Sorprendida) Aniquilarías ao teu fillo??

 

Fillo: (Seguro) Xamais!! É o mellor que me pasou xamais. Ollo os seus ollos e síntome en paz. Cando fala sinto tanta intelixencia que me sento asoballado… (Volve á tristura) Pero non podo deixar de pensar que ai ter unha vida moi dura.

 

Xoana: Coma todos! Non foi dura a túa vida dabondo? Todos sufrimos, pero tamén todos vivimos con paixón cando nos toca.

Fillo: Alguén o amará?

 

Xoana: Seguro. É un rapaz marabilloso.

 

Fillo: Non paro de pensar en como sería a súa vida sen isto. Xoana, sería libre! E agora é un individuo sen fe no futuro.

 

Xoana: É o que ti pensas. El pode ser feliz, ao igual que ti o fuches. So fai falla unha pinga de sorte.

 

Fillo: Unha pinga de sorte?

 

Xoana: Si, unha pinga de sorte, coma todos. Todos precisamos unha pinga de sorte, todos! Ti, eu, todos… el a terá.

 

(Pausa)

 

Fillo: Amar e ser amado, unha casualidade tan grande… Non todos teñen a sorte.

 

Xoana: Moitos, moitos máis dos que ti pensas. O amor é marabilloso, ten a capacidade de xuntar o imposible.

 

Fillo: E os que non cren nel?

 

Xoana: Ti cres que o teu fillo non cre nel?

 

Fillo: Penso que si, pero non sei se é iluso.

 

Xoana: Non é iluso, sabe no que pensa, cre nel, cre en que é un rapaz complexo e interesante, escribe os seus poemas, vive a vida. É bo rapaz, non se acomplexa co seu. Sabe que debe vivir como a vida manda. Nada máis.

 

Fillo: Haberá rapazas para el agora mesmo?

 

Xoana: Seguramente. Sempre hai un roto para un descosido, sempre hai vida para outras vidas… Por que che importa tanto o plano do amor?

 

Fillo: Sentirse amado. Quizais o máis importante da vida.

 

Xoana: Séntese amado, por ti e por min. E sentirase amado por todos e todas os que o rodearán na vida.

 

Fillo: Oxalá

 

Xoana: Seguro.

 

(Pausa)

 

Fillo: O demais dáme igual. Só quero que sexa amado.

 

Xoana: Ti fuches amado, pola túa nai, polos teus amigos… I el non é inferior a ti, serao tamén.

 

Fillo:Sei que non é inferior, como se expresa… ten todas as calidades que eu nunca tiven, e o admiro por iso. Pero son o seu pai, permíteme que me preocupe (Ri)

 

Xoana: (Sorrí) É normal, es un bo pai. Pero tranquilo, todo sairá ben.

 

(Pequena pausa)

 

Fillo: Sei quer soa estúpido, pero Xoana, es a miña roca.

 

Xoana: (Ri) Grazas! É bo oílo.

 

(Quedan os dous en silencio, van rebaixando as súas risas ata a seriedade. Serios xa, mirando ao público fixamente, apáganse as luces)

David Nóvoa Sequeiros
Escena VI, fotog: David Novoa

ESCENA 7

 (O fillo, xa vello, sentado nunha cadeira de rodas, en silencio, ollando o público. O neto, o seu fillo, sentado nunha cadeira normal, en silencio ollando ao público. Cando falan, falan pausado)

 

Fillo: (Impertérrito) Estou ben.

 

Neto: (Impertérrito) Estou ben.

 

Fillo: Non falo moito.

 

Neto: Pero opino de máis.

 

Fillo: Ela xa non está.

 

Neto: Ela xa non está.

 

Fillo: Era a cordura.

 

Neto: Era a sabedoría.

 

Fillo: Agora estamos sós.

 

Neto: O un co outro.

 

Fillo: Sós.

 

Neto: Sós.

 

(Pausa)

 

Fillo: Levitamos.

 

Neto: Mais non levantamos un centímetro do chan.

 

Fillo: Soñamos.

 

Neto: Pero nunca soñamos de máis.

 

Fillo: Fillos da lúa.

 

Neto: Fillos do sol

 

Fillo: Son o teu pai.

 

Neto: Son o teu fillo.

 

(Xíranse, óllanse e danse a man. Longo volven á posición inicial)

 

Fillo: Ámote ata a sepultura.

 

Neto: A túa ou a miña?

 

Fillo: A miña, agardo.

 

Neto: Que hai logo da morte?

 

Fillo: Ninguén o sabe. Se o soubésemos, a vida non tería sentido ningún.

 

Neto: Por que?

 

Fillo: Porque se soubésemos o que hai despois, para que vivir esta vida? Sería ridículo.

 

Neto: As veces, logo de meterme na cama para durmir, éntrame o medo de non espertar á mañá seguinte, e permanezo cos ollos ben abertos ata que o sono me vence. (Pequena pausa) E á mañá, cando esperto e vexo a luz do día a través da xanela, síntome estúpido, pero ao mesmo tempo aliviado. Estou tolo por iso?

 

Fillo: Explícame fillo, que non está un pouco tolo nesta vida? Dende o yupi que se droga con traballo e cocaína ata as trancas, ata a ama de casa que ante a súa escravitude dáse golpes ca testa contra o mundo, mais non di nunca nin mu. A cantidade enorme de xente que está deprimida…  Todos estamos un pouco tolos, meu fillo, todos. Ti tomas unhas pastillas e estás ben, outro non teñen tanta sorte; ou non teñen cartos nin familia ou amigos para levalo ao medico e tomar pastillas, outros porque cren que están sans, cando están coma unha choca. A vida é unha tolemia, que che quede claro, o único é saber como levar esa tolemia nos ombreiros.

 

(Pausa)

 

Neto: Onde estará a nai?

 

Fillo: O seu corpo no cemiterio, a súa alma non o sei, quizais ollándonos agora mesmo, ou quizais nun ceo, sabe deus…

 

Neto: Bótoa de menos.

 

Fillo: É lóxico. Eu tamén, moitísimo.

 

Neto: pero témonos o un ao outro.

 

Fillo: Témonos o un ao outro.

 

Neto: Ela era moi boa muller.

 

Fillo: Era. Oxalá tiveras coñecido á túa avoa.

 

Neto: A túa nai?

 

Fillo: Si. Ela estaba tola, segundo o que os médicos e a sociedade di. E porén, era a mellor persoa que vin xamais, sen contarte a ti e á túa nai. Supoño que ti levas xenes das dúas, por iso es tan bo.

 

Neto: E teus?

 

Fillo: (Dubida) Supoño, a xenética é así, dáche cousas boas e malas.

 

Neto: É normal ter medo?

 

Fillo: Medo de que?

 

Neto: De moitas cousas, do futuro por exemplo, ou do amor.

 

Fillo: Claro! A vida é unha incerteza, pero dende ese medo, ao superalo, chegas ás cousas boas da vida.

Neto: Estar aquí é un sentir case máxico, isto é unha vitoria?

 

Fillo: Dende logo, Olla ao fronte e xoga ca túa mente, agardo que nos quede moito por dicir.

 

Neto: Agardo…

 

(Soan os acordes iniciais de Yellow de Coldplay. Fican quedos coma estatuas, ollando ao público, mais nas súas faces debúxase un perceptible sorriso: Apáganse as luces, lentamente)

 

FIN

es7
Escena VII, fotog: David Novoa

Fotografía de David Novoa

O FERREIRO E O DEMO

Autores: Nagore Fernández e David Sabucedo


Historia Orballo nº2: O ferreiro e o demo (Capítulo 55 do Programa Orballo)

Home-7-1
Imaxe do filme Errementari, el herrero y el diablo (2017)

 

No mes de outubro a plataforma dixital Netflix estrenou o filme Errementari, El herrero y el diablo, estrenada en 2017 e dirixida por Paul Urkijo, sendo este o seu primeiro largometraxe. Para elo inspirouse no seu conto da infancia favorito, Patxi Errementaria, un conto tradicional vasco recollido no século XX. Mais, ¿sabías que esta historia foi recollida tamén en Galicia un século antes? ¿e que ten relación ca celebración de Halloween?