Todas las entradas por ORBALLO

Revista Cultural da cidade de Ourense de contido cultural e social,

Crise en Podemos

Crónica dunha partida de xadrez

Autora: Alba Reigada


Algo ía pasar en Podemos, cocíase, sabíase.

Sabíase dende que os 6 conselleiros de Manuela Carmena foran suspendidos de militancia en novembro, por non concorrer ás primarias do partido para conformar as listas ao Concello de Madrid; sabíase despois da perda de 3 escanos de Adelante Andalucía, e sabíase tamén que, se pasaba, era agora. Aínda queda un tempo prudencial ata unhas municipais e autonómicas que, na capital do Estado semellan case a batalla final polo Trono de Ferro, así que de facer algo, era o momento. Por certo, Xogo de Tronos volve o 14 de abril.

O escenario actual é o dunha dereita avanzando inexorable, cun partido en pleno auxe que esperta a peor ideoloxía, a máis rancia e con máis recorte en dereitos (especialmente para as mulleres), proxectando a posibilidade da sombra dun tripartito da morte planeando sobre as nosas cabezas. Nesta tesitura, un rapaz con pinta de ir facer o exame de selectividade deu unha patada a un taboleiro morado que, a verdade sexa dita, levaba moito tempo aguantando coma un simple peón.

No xadrez sempre se di que o rei é a peza máis importante, pero ao mesmo tempo, a máis débil, e máis cando o rei está de permiso de paternidade.

Primeiro Torres, logo Reis

Houbo un tempo no que Pablo Iglesias e Íñigo Errejón eran dúas torres que, coma no xogo, movíanse tantas casas como quixeran, cara adiante, cara atrás, cara os lados. Avanzaban, sumaban, representaban. Protexíanse mutuamente facendo fronte a todos os intentos que facían outros partidos e axentes para desacreditalos. Ían xuntos.

De cara á galería o que se exteriorizou coma o principio do fin foron máis ben cuestións de diálogo con outras forzas, e sistemas de diálogo interno. Diferenzas á hora de pactar cos socialistas, discusións no hemiciclo captadas polos fotógrafos… Quedou moi claro que as torres deixaron de protexerse mutuamente, e convertéronse en dous reis. E coma xa se sabe, non pode haber máis dun rei ou raíña sen que a sangue chegue ao río.

Vistalegre II

Xa para sempre, esta será recordada (e probablemente estudiada) como a batalla que escenificou o jaque mate de Pablo a Íñigo.

Nun momento de derrota, un rei soamente ten 3 opcións para escapar: moverse a unha casa segura, bloquear o jaque interpoñendo outra peza do seu propio bando, ou capturar a peza que o ameaza.

Errejón moveuse (ou movérono) a casa segura. Unha casa con forma de cambio de posto no Congreso e de escano tamén, pero cunha ventá aberta para el só. Segundo a carta de Pablo de onte, “en muchos partidos, quién pierde un congreso se va a su casa o abandona la primera línea. Yo quise que en Podemos eso no fuera así y hablé con Íñigo para que, si los inscritos así lo querían, fuera nuestro candidato en la Comunidad de Madrid”.

Foi elixido candidato á Comunidade, pero non sen que quedaran claras as diferenzas co secretario xeral de Podemos en Madrid, Ramón Espinar. A reconciliación Errejón-Espinar representouse cunha rolda de prensa conxunta con Pablo no medio. Pero claro, cando algo non é real, resulta bastante evidente, sobre todo nas expresións e xestos que non se poden controlar. A linguaxe non verbal dicía máis que calquera dos discursos que se pronunciaron ese día.

Despois disto veu o que aconteceu cas listas ao Concello de Madrid. Esta loita polos postos de saída rematou ca actual portavoz no consistorio Rita Maestre, e outros cinco concelleiros e concelleiras suspendidos de militancia. E iso, ata onte.

Máis ou menos Madrid?

Se as formas de anunciar a candidatura conxunta con Carmena foron ou non as correctas, iso queda para a opinión de cada un. Pero todo hai que dicilo, quedou evidente que nin o deberon ser, nin había intención de que se negociaran no marco dun escenario xa dinamitado pola conformación dunhas listas, (tanto para o Concello como para a comunidade), máis impostas ca negociadas.

De feito, un extracto da carta conxunta de Carmena e Errejón di que “es más necesaria que nunca otra manera de hacer política que escuche más que grite, que proponga más que imponga, que colabore más que compita”.

Aínda que Más Madrid soa moi lóxica como plataforma para concurrir seguindo o modelo doutros Concellos (repetido onte unha e mil veces por Errejón nunha entrevista en Hora 25), o certo é que o movemento viuse coma unha forma de devolver a Pablo os meses de castigo e de purga despois de Vistalegre II.

Despois disto, convén recordar que no xogo do xadrez existen 5 razóns polas que unha partida pode quedar en tablas.

Que a posición chegue a un punto morto no que é o turno dun xogador pero que non pode facer ningún movemento reglamentario; que non haxa suficientes pezas no tableiro para forzar un jaque mate; que un xogador declare tablas se a mesma posición se repite 3 veces, que se efectuen 50 movementos e ningún dos dous xogadores mova un peón nin capture unha peza, ou que, simplemente os xogadores acorden tablas e deixen de xogar.

Chegados a este punto da partida, pode que esta última opción sexa a mellor se queren gañar Madrid.

NHU

O grupo que cambiou a escena musical galega nos anos 70

Autor: Philips Jeffries


NHU. Acrónimo de Una Hermosa Noche (ao revés), xurdindo o nome coma unha homenaxe ao grupo de rock psicodélico de San Francisco It’s a beautiful day, foi un grupo pioneiro do rock en Galicia e, para moitos, o máis importante deste xénero no noso territorio, grazas a cantidade de barreiras que tirou abaixo.

O grupo aparece nos anos setenta, en Santiago de Compostela, é só publica un disco, no ano 78, que foi homónimo. O que neste álbum podemos atopar é unha mestura de xéneros, predominando o progresivo, o sinfónico e o psicodélico, con moitas influencias do jazz fusión. Supón un son completamente novo e distinto con respecto ao que aquí se fixera ata o momento, estando as voces (escasas, pois a maioría do tempo estamos ante música instrumental, pero en galego!) sepultadas baixos capas e capas instrumentais, moi na onda do que posteriormente farían grupos coma Los Planetas coa voz de J. Nas cancións podemos atopar continuos cambios de ritmo, e unha predominancia absoluta do órgano Hammond, xunto a guitarra de Roberto Abal, sendo o resultado un son que os faría moi doado de identificar.

Pero antes de volver ao disco, é necesario ir cara os inicios da banda, porque a de NHO é unha historia peculiar, de principio a fin.

O grupo, sempre formado por auténticos virtuosos, nace no ano 74 coa mera ilusión de facer música, sen buscar ningún tipo de recompensa persoal os seus integrantes, máis alá de lograr a difusión do que estaban a facer. Entre as súas influencias podemos atopar, de forma moi marcada, a King Crimson, tendo tamén a música do grupo, por momentos, reminiscencias ao son de Genesis. Pese a isto, se hai un artista ao que todos os membros lle conceden unha importancia fundamental, asegurando que o escoitaban a todas horas, ese é Frank Zappa.

A banda comeza a ensaiar nunca casa okupa, situada na estrada que levaba ao sanatorio psiquiátrico do Conxo, en Santiago de Compostela. Nesta época o equipo co que tocaban resulta especialmente caro, o que se xunta coa intención do grupo de melloralo de forma progresiva. A solución que atoparán é a seguinte: Montar un repertorio de 100 cancións, entre clásicos galegos e temas de moda na época, e percorrer o noso territorio interpretándoas en festas de pobo, vodas e calquera outro lugar no que foran reclamados. Podemos falar de que, nesa época, existen, literalmente, dúas bandas; ambas cos mesmos integrantes e o mesmo equipo, pero con distintos repertorios. A que tocaba para sobrevivir, e a que o facía por puro pracer musical, interpretando o que chamaban “La obra”, material propio que tocaban por goce, sempre da súa peculiar maneira, sen concesións cara o público, estando ausentes os bises ou as interrupcións no que estaban a tocar, habendo improvisacións por todas partes, e non existindo nin as presentacións dos membros do grupo nin das cancións que interpretaban.

Nestes primeiros anos, os cambios de formación, por desgracia, serán continuos, ben por tensións internas, por decidir algún membro o marchar para rematar os seus estudos ou polo servicio militar.

O conxunto que finalmente chega á gravación do álbum é o formado por Roberto Abal (guitarra), Tino Grandío (baixo), Xosé Ferreiro Garea (voz, batería e frauta traveseira), Xurxo Pérez (teclados) e Xulio Ferreiro Garea (percusión).


Álbum de estudio de NHU, publicado en el año 1978

O disco, aínda que conta coa aprobación do público, recibe unha distribución moi escasa, polo que economicamente resulta un desastre, converténdose co paso do tempo nun vinilo practicamente imposible de conseguir (acadando, de feito, o récord de ser o disco en galego máis caro vendido en poxa da historia, alcanzando os 240 en Ebay, de acordo a Sono-tone), ao ser toda unha xoia musical, converténdose nunha auténtica peza de coleccionista.

A discográfica recibira, por parte de persoas próximas ao grupo, promesas de que no disco habería gaitas, a pesar de que isto era algo ao que a banda sempre se negou, querendo vender os executivos da mesma a NHU coma unha especie de grupo folk – rock exótico; un produto saído de Galicia que puidera chamar a atención no resto do país. Cando os directivos viron que non se cumprira o que se lles prometera, decidiron ignorar o álbum que tiñan nas mans.

Xosé Ferreiro, que foi batería do grupo, comentaría de forma posterior: “Había tendas en toda España que tiñan o noso disco no escaparate, pero só a caixa, non lles chegara exemplar ningún. Non nos axudaron a movelo”.

O que neste álbum atopamos é 39 minutos dunha música, distribuída en 6 temas, que ninguén ata entón se atrevera a facer en Galicia, introducindo todo un novo estilo de música ao completo, cunha marabillosa portada deseñada por V. Cores, moi en consonancia co contido do disco.

A pesar do golpe a nivel promoción e distribución e, por tanto económico, que a banda leva tras este primeiro lanzamento, o grupo continúa a traballar, tanto en directo coma no estudo. O tempo vai pasando e chega un punto no que NHU conta con material suficiente como para poñerse a producir un segundo disco, pero sendo conscientes do difícil que é darlle saída á súa obra, deciden separarse, a finais do ano 79 (a pesares dunha aparición que farían na TVG no ano 87, onde Xurxo Pérez aseguraría que a intención da banda seguía a ser publicar ese segundo LP. Parece que sempre quedará a curiosidade por saber que foi desa música e como soaba, que finalmente quedou no limbo, a pesar dos intentos do grupo por darlle saída).

Nos últimos anos puidemos ver certa reivindicación deste marabilloso grupo, tanto a nivel reedicións (o disco homónimo do grupo foi lanzado por RCA en CD no ano 2000 e, en vinilo, por Polyrock, en 2015) coma no que a recoñecemento público se refire (no 2014 recibiron o Premio Honorífico na segunda edición dos Premios Martín Códax da Música). Pese a iso, segue a ser un gran descoñecido para o público, e moita xente aínda non sabe que toda a posterior escena musical galega de sons máis contundentes ten a súa base nesta banda tan especial.

Un grupo de culto, que sen dúbida algunha colocou unha das primeiras pedras do que sería a evolución musical en Galicia, sendo auténticos pioneiros, e tendo que separarse porque a escena do momento aínda non comprendía o que estaban a facer, afastados de calquera tópico ou cliché, o que lles granxeou a indiferenza das mesmas discográficas que terían que haberlles axudado, inconscientes da calidade da música que tiñan ante eles. En poucas palabras: Uns revolucionarios adiantados aos seus tempos.