14 de abril de 1931, amence en España un movemento que cos seus primeiros raios de luz intentaría que a cultura neste país prosperara.
Todo isto podémolo observar no intento de creación de 27.000 escolas para a educación dos nenos ou das coñecidas “Misións Pedagóxicas”, que mostraban a cultura a moita xente analfabeta en modo de recitarios de poesía ou bibliotecas ambulantes.
Non só niso, as obras españolas iluminarían a época. García Lorca converteríase en referente no teatro, mentres que a poesía viríanos mostrada, entre outros, por Luís Cernuda ou Rafael Alberti. Pero se nalgo nos fixo especial ben foi na liberdade dos pobos dentro do estado español, que se tornaría en signos de identidade das comunidades do País Vasco, Cataluña e Galiza; que conseguirían ter estatuto propio nas dúas primeiras e a proposta firme no terceiro caso. A cultura Galega tería moita importancia debido aos autores que resaltarían como Castelao ou Otero Pedrayo entre moitos outros.
Todos estes intentos se verían frustados polo solpor que viría da man do levantamento golpista do 18 de xullo de 1936. Cinco anos. Cinco anos bastaron para que unha sociedade sumida no analfabetismo comezara a ter a súa propia luz, para que o interese pola cultura e o arte tiveran un apoio maior, etc. O que non coñecemos é o que houbera pasado se este réxime durara máis tempo, soamente podemos imaxinalo ou soñalo, e mentres o facemos, saúde.
Daniel Luís Otero