Se hai unha deusa
esíxolle que se encarne
que sinta a dor da conciencia
que pouse os pés na area da praia
para que atravesen ós seus dedos coma estrelas
que saboree as bágoas das árbores
cando sexa outono e todas choremos
que molle os seus cabelos de desexo
nunca satisfeito
que veña de onde sexa que more e sufra o tempo
que viva na miña pel e se lamente
por min
por ti
por tódalas miñas compañeiras
Esíxolle
que berre de pracer non censurado
que pase fame
frío
morte
que te mire ós ollos e deteña o tempo
que derrube os templos erixidos no nome da ignorancia
que se desgarre na existencia
que baile tangos coa túa pel de barro
que probe as ondas salgadas das túas costas
Se hai unha deusa
que veña e que dance
que xirando me explique
por que me alegro de coñecerte
por que non choro e me desgarro
e a maldigo e lle cuspo
por atoparte tan tarde e tan pronto.
Se hai unha deusa
que me regale un cabelo
para atar o meu desexo á túa cintura
que me abra o peito para sacar o que sinto
e regalarcho en San Xoán salpicado de sardiñas
Se hai unha deusa
esíxolle que se encarne
para chorar comigo
a túa presencia de pantasma.
Autora: Lourdes Blanco
Fotografía: Cris Armadanzas
Reblogueó esto en Tinta de Escribir.
Me gustaMe gusta