Todas las entradas por ORBALLO

Revista Cultural da cidade de Ourense de contido cultural e social,

OurenRock Sound Festival

3 E 4, XUÑO 2016 – BEMPOSTA – SEIXALBO (OURENSE)
 
Na cidade de Ourense nace un novo festival, o OurenRock Sound Festival, que a “Cidade dos muchachos”, ou tamén coñecida como Bemposta, acollerá os vindeiros 3 e 4 de xuño.
O OurenRock Sound Festival chega con 13 bandas coas que se proporcionará unha gran dose de Punk, Ska, Rock, Metal e Reggae.
Ademáis disto, conta con:
  • Acampada gratuita
  • Bus lanzadeira
  • Postos de comida
  • Mercadillo
  • Talleres de alfarería
  • Sesión vermouth
  • Charlas
  • Proxección da webserie PIB – Producto Interior BRUTO
  • Transporte ata o recinto con Festymas
  • Parking gratuito
…E todo por 16€ anticipada, 20€ en taquilla! Un festival 100% galego e con apoio completo á escea galega!
 
PUNTOS DE VENTA FÍSICOS:
OURENSE: Peggy Records, Faíscas, Bar Chiripa
ALLARIZ: Fandiño Tapas
VIGO: Tipo Vigo Música Tattoo Piercing
SANTIAGO: A Reixa Tenda
CORUÑA: Cazuza Orzán, Discos Portobello
LUGO: Don Disco
OFICINAS DE CORREOS DE TODA ESPAÑA
 
– VENRES 3 DE XUÑO
 Costas – Os Festicultores – AcidProyect – 80 Voltios – Bergallazo – Bababoom Soundsystem
– SÁBADO 4 DE XUÑO
Heredeiros da Crus – Dakidarría – Terbutalina – Superoito – Arrhythmia – Konflikto – Xituma Batuke
Contacto para más información: comunicacion@ourenrocksound.com

O cuco cuqueiro.

Manuel María
Manuel María

“O cuco, cuco cuqueiro
o cuco, cuco, cucón.”

Manuel María

Subindo pola estrada a San Pedro de Moreiras (vindo dende a Valenzá) xusto ao saír do lugar de As Airas e antes da revolta de Outeirodoso, está o monte de Rabadán, antano nese monte había un piñeiro que estaba inclinado cara a estrada, unha poliña chea de follas aguilladas caía del facendo a forma dun bambán, eu coñecía aquel piñeiro coma o “columpio do cuco”. Pois deste paxaro tan curioso vai este artigo, o cuco no folclore galego, e que sirva de paso coma a miña particular homenaxe a Manuel María, ao que tamén este animal inspirou para elaborar os versos do seu poema O cuco.

Madrugón e cantareiro
cantareiro e madrugón.”

O cuco ten o cantar máis característico de tódolos paxaros. Seica pode adiviñar cantos anos tarda en morrer unha persoa ou cantos lle quedan para casar, para iso haille que formular correctamente a pregunta: “señor cuco, cuco rei cantos anos vivirei?” ou “cuco que estás no outeiro cantos anos me das de solteiro?”, e el responde cantando un determinado número de veces, sendo cada cu-cu un ano, iso si para facerlle a pregunta ten que ser pola mañá cedo e estar en xaxún. Tamén seu canto anuncia o tempo que vai facer, se o canto é fungo anuncia choiva, e se canta de seguido é sinal de bo tempo.

 “Oise pola carballeira
ó vello cuco souril
ó nacer a primaveira
antre o Marzo i o Abril.”

O cuco ven pola primavera e marcha pola verán, meu avó sempre dicía que ven pola romaría do San Benitiño de inverno, 21 de marzo, e marchaba polo San Benito de verán, 11 de xullo. Di un refrán “entre marzo e abril, ou o cuco, ou a fin”, senón ven o cuco non habería primavera o que indicaría a fin dos tempos. Hoxe seguro que se ides ao monte ou á aldea escoitades o seu alegre canto.

“¡O vello cuco cucou
emoito máis cucará!
¡O cuco non me capou
enunca me capará!”

Disque ouvir o cuco por primeira vez no ano en xaxún da mala sorte, o que se coñece por capar, para evitalo hai que saír da casa sempre almorzado e con algo de prata enriba, así non haberá fame nese ano nin faltarán os cartos, despois de ouvido unha vez xa non existe este perigo.

“Polas mañás ben cediño
o cuco canta cu-cu.
¡Como o teño de veciño
eu trato o cuco de tu!”

Soamente vin unha vez o cuco na miña vida, sendo neno vino cantar na pola dunha cerdeira. Disque este paxaro gústalle que o traten de ti, nunca de vostede, e que responde os nomes de Martiño, Pedro ou Antón. Tamén se di que non ten nai, xa que esta morreu queimada, ou que a calor do cuco non é suficiente para chocalos ovos, o certo é que este paxaro pon seus ovos en niño alleo, por iso a xente que lle chamaban cucos era por ser uns aproveitados.

Agora seguro que xa non escoitaredes o canto deste paxaro da mesma maneira, e ao ler o poema de Manuel María entenderedes o que sentiu o autor ó escribilo e o que quixo dicir nel. Pero lembrade se vedes o cuco e estades tentados a facerlle unha pregunta pensade dúas veces se queredes sabela resposta.

“O cuco o cuco cuqueiro
o cuco,  cuco, cucón.
Madrugón e cantareiro
cantareiro e madrugón.”

David Sabucedo Cardero

 



 

Para saber máis:

Os soños na gaiola.
Manuel María
Ed. Xerais, Vigo, 2000.

Suso Vaamonde: O cuco cuqueiro