Archivo de la categoría: Artigos

AS HORAS DIMINUTAS

 

“A memoria, onde se lle toque, doe”
Giorgios Seferis

 

Sabe a man pechada

do tacto

que é figura na memoria?

 

**

I

Baixo as miñas bágoas
xaz un corazón de can
que teme abandonos.

II

Entre as horas diminutas
ningunha conmove esta penumbra.

III

Un sospiro nasce e espeta contra o día.

Hai un intre no que a fatiga prevalez
e se teme o tempo.

IV

Aparentemente inzado
de rotinas,
descansa o irrevogable.

Que a súa fame de non falar escriba unha carta.
Pero de resplandor,
sen que amaneza.

V

Acompaño o pesadelo que coñezo e sei.
Gárdome da impotencia
ante a eficacia da dor.

VI

Eu quixen nadar no estremezo do instinto
pero cambia de lugar
coa brevidade do humano.

 

VII

Lembremos,
lembremos sen aviso
en que xeito fomos pasos entre as follas,
necesaria dor que repasara os vieiros.

 

(É escuramente delicada a memoria)

Amauta Castro

Fotografía : David Novoa

(LOBIS)MULLERES SALVAXES

UNHA OLLADA ECOFEMINISTA ÁS ESQUECIDAS LOBISMULLERES

Autora: Nerea LC


Nos relatos galegos acontece un feito diferencial destacábel: nunha parte importante dos mitos relacionados cos lobishomes, os protagonistas non son homes-lobo, senón mulleres-lobo, é dicir, lobismulleres. Son mulleres que son transformadas por algún feito concreto, normalmente porque se rebelan contra un sistema patriarcal que as oprime. De xeito simbólico, piden máis comida, máis carne, máis alimentos e non só por fame, senón tamén para reivindicar o seu espazo na sociedade galega. Na antoloxía Lobos, lobas e lobishomes compilada por Xosé Ramón Mariño Ferro, aparece recollido o relato «O lobishome no sequeiro». Nel, o lobishome é o arquetípico «lobo da xente» de Vicente Risco.

Este «ecomito» parte da perspectiva ecofeminista, pois pode entenderse a través das relacións entre ecoloxía e feminismo co fin de afastarse da dominación patriarcal imposta sobre as mulleres e a natureza. Dende a década de 1970, as correntes feministas comezan a reformular a valoración da muller vinculada á natureza e atribúense novos paradigmas sociais, como son a oposición da agresividade masculina en relación co seu medio natural fronte a ética feminina do coidado que dá lugar á esperanza da conservación da vida humana. Polo tanto, mediante o ecofeminismo, non só se subverte o control muller-home, senón tamén o humano-natureza.

LOBO CASTELAO
Lobo de Castelao

A protagonista do relato anterior é unha «moza de pel branca, e de cabelo solto e longo deica a cintura, moi fermosa» (Mariño Ferro 2001: 60). Esta rapaza é vítima da fada que lle asigna a súa nai: «Vaite da casa, mala muller! ¡Mala filla! ¡Loba! Permita Deus que te volvas loba e que como os lobos andes arrastrada polo monte» (Mariño Ferro 2001: 61). Na pasaxe citada aparecen reflectidos dúas cuestións moi relevantes. Dunha banda, obsérvese a connotación negativa do alcume «loba», que revela un significado heteropatriarcal por se referir a unha muller de atributos estéticos favorábeis e, supostamente, de vida licenciosa. Doutra banda, cómpre tomar en consideración a rebelión da rapaza contra a opresión do sistema dominante.

A lobismuller quedou orfa de pai cando meniña. A súa nai volveu casar cun home que, mentres a rapaza foi cativa, nin falaba con ela, pero, ao medrar, segundo di a propia nena narradora, «acabou dándome a min máis agarimos que a mi madre» (Mariño Ferro 2001: 60). O intento de violación rematou en fracaso, xa que a valentía da rapaza permitiu que se zafara do seu agresor cortándolle unha man coa fouce. A proxenitora, máis que nai, actúa como meiga, lanzándolle a dita maldición de converterse en loba á súa propia filla, vítima dun intento de abuso sexual. Xorde así o estabelecemento dunha relación entre un personaxe dominante, un opresor, a súa nai, e un oprimido, a rapaza que sofre xa non unha soa violación aos seus dereitos, senón dous: unha por parte do violador e outra por parte da súa nai, ao negar o dereito da súa filla á verdade.

Dende unha lectura ecofeminista, pódese visualizar as contraposicións home/muller e humano/animal. Mais como é típico das lobismulleres galegas, esta relación entre humana e animal non se comprende dende a agresividade típica do lobishome masculino, senón que esta «loba» é unha vítima amábel e agradecida, claramente moi afectada pola fada que non quería nin escolleu ter. Convén esclarecer un detalle que pode pasar desapercibido: o rexeitamento prodúcese cara á fada lanzada pola nai, mais non cara á súa condición de loba, que, de feito, é considerada cun lixeiro aprecio, tal como se mostra na seguinte frase: «¡Váleme, a miña pel querida! (Mariño Ferro 2001: 60). Posibelmente, os choros da rapaza non só se xustifiquen na súa condición híbrida; é evidente que a dor emocional pode ser máis forte cá dor física do sentir queimar a súa pelica.

Ademais, sábese que as características físicas do lobo adoitan ser o que o enmarcan dentro do papel demoníaco. Porén, como se demostrou no parágrafo anterior, esa condición demoníaca non se visualiza en ningunha parte deste relato. Adxectivos como «de pegadas grandísimas e invulnerable ós tiros […] pata descomunal, negra e arrepiante. […] un fuciño longo, de grandes  dentes blancos, […] tan peludo» (Mariño Ferro 2001: 60-61) permiten atribuír —a través da implantación do medo na sociedade— significados e simbolismos negativos ao lobo. As primeiras lecturas antropocéntricas sitúan ao lobo como un animal esteticamente «arrepiante» e á humana como unha muller «fermosa», pero se se ten en conta a visión ecofeminista, isto pode representar unha crítica moi directa á presión que sofren as mulleres e os animais polo feito de posuír —ou non— determinadas características físicas, consideradas polos códigos heteropatriarcais e antroplóxicos como favorábeis ou desfavorábeis. Deste xeito, as concepcións que sitúan ao lobo como un animal negativo son reforzadas polo sentimento de medo e fobia social, cun sentimento de frustración de fondo polo feito de non seren capaces os seres humanos de exercer un dominio completo sobre el e sobre o xénero feminino.

LOBO (L.M.F.P) - copia
Lobo /fotog: Luis Miguel Fandiño Pico

As peeiras ou fadas dos lobos eran as mulleres que defendían e acompañaban aos lobos. Encarnan unha visión moito máis cordial do animal. Adoitan transformarse ou ben por unha maldición materna ou paterna ou por nacer a sétima filla dunha parella. Así o demostran os relatos «A pieira de Cotobade», «A maldita comedora de carne» ou «A Lobeira de Moraña», recompilados en Lobos, lobas e lobishomes, de Mariño Ferro. Engádase a coñecida bandoleira «Pepa a loba», que é parte do imaxinario compostelá. A raíña Lupa, Luca, Lopa, Loba ou Luparia foi a muller que acolleu no seu castelo lupario, situado en Teo, os restos do Apóstolo Santiago e, aínda que parcialmente obrigada, segundo conta o Liber Sancti Jacobi, axudou á construción do seu sepulcro. No libro de Mariño Ferro pódense atopar varios relatos como, por citar algúns exemplos, «Lupa e o Apóstolo», «A Raíña Loba en Figueirós» ou «Lupa no Pico Sacro», nos que se representa algunhas veces o prototipo de muller vingativa e sanguinaria e, outras veces, o arquetipo de salvadoras dos pobres.

En definitiva, a lobismuller pode ser entendida de moitas maneiras; a maioría non ten unha simple explicación sen mais. Como puidemos comprobar, adoita expresar varias metáforas e simbolismos que poden ser comprendidos coma un intento de ensinanza e reeducación da sociedade patriarcal, ademais de ter moi presente o espazo natural e tratalo dende un punto de vista ético e sostible. Este tipo de relato pon de manifesto a necesidade de romper coas vellas concepcións patriarcais que aínda hoxe en día, tristemente, seguen dominando. Mais nós, non esquecemos a nosa natureza salvaxe, tan só temos que deixar que a nosa lobismuller emerxa dende o máis profundo do noso ser.

Para saber máis:

Mariño Ferro, Xosé Ramón. 2001. Lobos, lobas e lobishomes. Pontevedra: Edicións do Cumio