Archivo de la categoría: Artigos

Ao fondo á dereita

Autora: Alba Reigada


Este artigo comezou sendo unha comparativa con Xogo de Tronos , evolucionou con outra comparativa sobre enterros e gaivotas, e finalizou sendo o que ides ler a continuación.

Cando entras en calquera bar ou restaurante para ir ao baño e preguntas por onde está ese baño, a resposta é a de sempre: ao fondo á dereita. Converteuse xa nunha expresión propia do país, algo que se di case medio en broma, medio en serio, pero que resulta máis ca evidente. Quen a di, sempre a acompaña cun medio sorriso que implica evidencia e amabilidade, e que provoca outro medio sorriso en quen fixo a pregunta. Parece que é unha frase que só se pode aplicar para unha situación en concreto, pero o certo é que podes aplicala para unha situación política concreta. E ben actual.

Que o PP non está no seu mellor momento é unha evidencia. Pasaron de sentarse en reservados de primeira categoría (o último máis célebre, o das 8 horas de Mariano Rajoy en plena moción de censura), de comer a pracer os pratos máis elaborados, os postres máis fantásticos e os viños máis finos, a ter que chamar para pedir mesa e que lles dixeran que todo estaba completo ata nova orde.

Sen precedentes foi o limbo xerárquico no que estiveron sometidos as últimas semanas. Un presidente do partido neutral e escapado á súa praza de funcionario en Santa Pola, unha batalla pola presidencia que deixou imaxes moi patéticas entre compañeiros e compañeiras escenificando unha ruptura de correntes enorme e a demostración obvia de que a suposta militancia de cifras astronómicas non era tal, e que eses e esas máis de 800.000 en realidade eran froito duns números engrandecidos por un menú de orgullo narcisista, aderezado cun vinagre de mal perder.

Os pratos que viñeron despois non foron moito mellores. De entrante, a batalla entre Soraya Sáenz de Santamaría e María Dolores de Cospedal que foi en realidade entre Mariano Rajoy e Jose María Aznar, xa que o segundo prato de tan insólito banquete consistiu nun duelo entre o pupilo de Aznar, Pablo Casado e Soraya. Hai que dicir que nalgún momento, nese congreso celebrado esta fin de semana máis dun e dunha de que seguro que pensou na Boda Vermella de Xogo de Tronos e nunha desfeita, non mortal literalmente, pero si políticamente mortal. E veremos en que queda.

As receitas que intentaron vender tanto Casado coma Soraya non resultaban convincentes obxectivamente falando. Pero se algo fixo de maneira intelixente Pablito foi darlle ao PP máis rancio o seu postre favorito. Un discurso forte cos valores familiares e con esa patria que, curiosamente, néganse a romper no politico e territorial, pero da que se fan donos e señores absolutos entre eles coma se literalmente lles pertencera. Lembremos que Cospedal di ser “doblemente española” por ser do PP (en fin).

E unha vez pasados os postres e cos comensais de tan ilustre celebración empachados, chegou o café co que espabilaron logo de tanto popularismo (que non populismo) e dirixíronse a votar a quen sería a cara das próximas eleccións xerais.

451 foron os votos que separaron a Pablo e Soraya, 451 máis que lle deron o favor ao que xa é o presidente do Partido Popular. Ese mesmo con estudos en tela de xuizo (Cifuentes tivo que dimitir polo ‘mastergate’), ese mesmo que despois de tomar os chupitos da victoria e saboreando a efusividade do triunfo, pode responder o mesmo ca responden cando preguntas onde está o baño nun bar.

-¿Onde está o PP agora?

-Ao fondo á dereita

Ti a Sanxenxo, e eu a Moncloa

Alba Reigada


Xa está todo dito, escrito, analizado…non vos vou descubrir a pólvora con este artigo, nin vos vou facer unha predición por moito que sexa de terra de meigas. Pero fareivos unha curiosa comparativa que espero que vos leve a reflexionar.

….

Hoxe vivimos a primeira moción de censura que prospera en democracia en España. Houbo un acordo maioritario da cámara, (a Sánchez aínda lle sobraron votos) con 180 síes que soaron forte no hemiciclo e que nombraron a un novo presidente e destituiron ao anterior.

Esa foi a realidade, está é unha posible interpretación:

Na película de ‘Tú a Londres y yo a California’ (The parent trap, 1998) dúas irmás xemelgas, Hallie Parker e Annie James, encóntranse cara a cara de casualidade nun campamento. Non saben da existencia da outra ata que se ven e son conscientes de que xa nada será o mesmo.

Hallie e Annie son moi diferentes. Descóbreno en multitude de enfrontamentos.

Pois ben, algo así pasou entre Sánchez e Rajoy.

Moi distintos entre sí, con traxectorias completamente opostas e con encontros, canto menos, incómodos.

Rajoy, vello gran xestor, presenciou toda a historia importante, de Alianza Popular primeiro e do Partido Popular despois. Home sen carisma, pero cuadriculado e de decisións meditadas. Igualiño ca Annie a xemelga pija da película, que se criara entre algodón e porcelana e que tiña un forte sentido do deber, pero falta de espontaneidade e toma de decisións.

Elecciones_generales_2015-Mariano_Rajoy_Brey-Pedro_Sanchez-PP_Partido_Popular-PSOE-Espana_101751027_1087889_1706x960
Rajoy négalle o saúdo a Sánchez (fotg: El País)

Hallie, a xemelga impulsiva e simpática, vese representada por Pedro Sánchez.

Home que despuntou no PSOE coma un terremoto de altura de xogador de baloncesto (chegou a xogar no Estudiantes) e con rictus serio pero de fortes conviccións.

Moi distintos, sí. Pero moi iguais.

O cruce de camiños foi malo, de choque de trens, con velocidades distintas pero cun mesmo destino.

Hallie e Annie rétanse na película a unha loita de esgrima, e gaña Annie.

Na primera volta Annie/Rajoy gañou, recordades aquela foto na que o presidente lle negou o saúdo a Pedro Sánchez abrochándose a chaqueta? 12 de febreiro do 2016, momento no que o executivo de Rajoy facía ronda de contactos para conseguir os votos da investidura.

Esa imaxe representa a mala relación entre eles.

Na loita de esgrima, a gañadora clara foi Annie/Rajoy. Pero Hallie/Sánchez, devolveulle a xogada retándoa a tirarse ao lago núa. Cousa que fixo, para roubarlle a roupa despois.

Despois diso as xemelgas intercambiábanse na película. Annie ía a California e Hallie ía a Londres. Sóavos?

Sánchez está camiño da Moncloa e Rajoy irá cara Sanxenxo, xa sabemos como lle gustan os paseos por alí no verán.

No filme, as xemelgas encontrábanse de novo, os pais remataban xuntos e vivían “felices los 4” que diría a canción?

Pois ao fin, o máis importante é que os 4 grandes partidos (e os que sexan) poidan chegar a un diálogo produtivo, a unha transparencia absoluta, a unha corrupción cero e sobre todo a unha boa convivencia.

Hoxe pasou que ás veces hai un cese temporal da convivencia porque a relación non funciona. E outras veces, inténtanse terapias novas que poden resultar ou non.

Na película, o experimento das xemelgas é dun intercambio de papeis para coñecer mellor ao proxenitor perdido en cada caso e conectar.

1527778155586.jpg
Rajoy abandona o Congreso (fotog: El Periódico)

Ti a Sanxenxo e eu a Moncloa.

Neste caso o proxenitor perdido, co que hai que conectar é o país.