Unha obra de Manuel J. Maside
(O fillo chantado na mesma beirarrúa, pedindo esmola sentado no chan)
Fillo: Hostia, vaia día de merda, i enriba chove a cachón, isto é unha merda. Se non fose porque me botan do caixeiro cando abren a oficina botaba durmindo toda a mañá, total para isto
(Mírase a man e tira ao chan varias moedas de poucos céntimos. Olla ao seu redor. Entra en escena Charlie)
Charlie: Boas, meu amigo!
Fillo: Véseche moi ben, Charlie, fodiches onte ou que?
Charlie: Onte? Menuda tola!! Foime tocar unha pirada. Levoume do brazo a un baixo, falándome moi ben, e cando chego, un montón de tolos berrándolle a deus cousas moi raras. Vaia seita!! Se o chego a saber quedaba contigo.
Fillo: Pero fervíache a pirola, non si?
Charlie: Fervíame, pero non son tan guapo, soamente son un parvo, incrédulo, pero parvo.
Fillo: Menos mal que es ateo, que se te enganchan…
Charlie: Marchei de alí botando raios pola boca,chamáronme tolo, a min! Os tolos son eles, malparidos…
Fillo: I ela?
Charlie: Ela ría a cachón, a moi filla de puta. Fíxoo a propósito, seguro que quería gastarlle una broma ao xefe ou a algún dos pirados eses
Fillo: (Ri) Estache ben. Acaso pensaches que te ías liar cunha moza tan guapa e elegante estando na rúa? Iluso.
Charlie: A esperanza é o último que se perde, i eu non quero irme de putas.
Fillo: Porque non te chegan os cartos
Charlie: E por moral, non terei teito, pero non son un putero.
Fillo: Eses desa congregación xa non nos dan máis esmola cando pasen por aquí. (Ri)
Charlie: Pois que non dean, non lles pertencemos.
Fillo: Non lle pertencemos a ninguén
Charlie: A ninguén (Brindan con cuncas invisibles e botan a rir) Apetecíame un cubata, ter un pracer polo menos.
Fillo: Prefires iso a comer?
Charlie: Hoxe si. Comer está sobrevalorado. Ademais somos mendigos, non? O propio e beber a cachón, é o que pensan todos, que so bebemos ou metemos pola tocha, ou en vea. É o noso.
Fillo: Pero nós tomámolo con máis filosofía, e a nosa imaxe, que pasamos desas merdas.
Charlie: Bo!, por un día.
Fillo: Entón, o de hoxe vaise en cañas?
Charlie: É venres, non? (Comeza a bailar. Escóitase un berro de lonxe)
Berro: Tolos, drogados!!
Charlie: (Para de bailar) Ves? Tolos e drogados, por bailar! Só por bailar! Non temos nin dereito a bailar??
Fillo: O carallo, son uns fascistas.
Charlie: Vagos e maleantes somos. Nada máis.
Fillo: Mira, oxalá eles estivesen tolos de verdade, oxalá eles tivesen que foder a vida con pastillas, logo con psiquiátricos. Deberían vivilo un mes para sufrilo, malparidos, so un mes!
Charlie: Vivir na rúa, que soubesen o que é iso.
Fillo: Ven ao Paulo drogado todo día, pedindo por aí coma un noxento, insultando. Eles pensan que é unha elección, pero se caeu nas drogas caeu, non todo é culpa súa, sabe deus o que pasou na casa, todo o que tivo que vivir, non todos os drogadictos o son por snobismo, hai quen caeu porque a vida foi moi puta con eles.
Charlie: Pensan que somos uns apestados porque si. A cona que os fixo, e nin esmola dan. Non entendo a esta sociedade deshumanizada.
Fillo: Sabes o que lle diría a todos eses que pasan e miran con noxo?? (Berra á rúa) OXALÁ LLE PASASE AO TEU FILLO!! Iso lle diría, noxentos.
(Pausa. Os dous chocan as cinco, logo Charlie séntase ao carón do fillo e conversan)
Charlie: Sabes? No fondo da igual o que fagamos ou berremos, dar imaxe de tolos, ou de boa xente, vannos dar a mesma esmola, se nos ven e senten empatía daranche algo, e se non lle entras polo ollo, pois nada, seremos invisibles para eles inda que pasen cinco veces ao día diante nosa.
Fillo: E podes culpalos? Eles traballan, son produtivos, e nos non. (Pausa) Quero dicir, eles gáñanse os cuartos, e nos non, non facemos máis que por mala cara e por a man.
Charlie: E logo, ti queres traballar? Eu xa estou afeito a isto, non quero trocar.
Fillo: Eu non, eu inda teño esperanzas…
Charlie: Esperanza, que bonita palabra…
(Quedan pasmando uns segundos. Entra en escena Pepiño e séntase nunha esquina en silencio. Estende a man. Os outros dous quedan ollando cara el, que nin se inmuta.)
Fillo: Aí está Pepiño…
Charlie: O tolo de Pepiño, dirás…
Fillo: Non chames tolo á xente, a toda a xente que é algo diferente
(Pepiño fala con alguén imaxinario)
Pepiño: Ola Charlie, canto tempo! Xa facía que non nos víamos…
(Pepiño continúa a escoitar e falar, máis en silencio, mentres os outros dous falan)
Charlie: Pois ti dirás que non está tolo, pero, me cago en tal… (Move a man con violencia)
Fillo: Ben non está, pero leva moitos anos na rúa, so, é normal que desenvolvera cousas coma estas.
Charlie: Ti que es, psiquiatra?
Fillo: (Medio ido) Non, non son psiquiatra.
Charlie: Pero…
Fillo: Pero nada. Oxalá fose psiquiatra, de verdade, e dende fai moitos anos, dende neno. Pero non o son, non son máis que un pailán que non sabe nada, un desgraciado.
Charlie: (Cínico) Como está o patio… (Deixa ao fillo en estado de shock e vaise onda Pepiño, que segue ao seu) Pepiño! (Sen resposta, berra un pouco) Pepiño!! (Nada, máis alto, mentres toca o ombreiro de Pepiño) Pepiño!!!
(Pepiño esperta do seu soño e olla desconcertado a Charlie)
Pepiño: Que… que ocorreu?
Charlie: Foder, nada Pepiño, só viña a saudar.
Pepiño: Ah, pois grazas… (Míranse en silencio) E que?
Charlie: Que de que?
Pepiño: Non sei… Como vai?
Charlie: Ben, e a ti?
Pepiño: Fodido, máis ben. Non dan moita esmola ultimamente.
Charlie: Certo, mais ti andabas pola igrexa parroquial de Santa Susana, aí dicían que se daba ben a vida.
Pepiño: Estaba ben, ata que me botaron os romaneses Son moitos, era unha batalla perdida, non puiden volver dende fai un mes.
Charlie: E agora?
Pepiño: Agora que?
Charlie: Que agora como te vai, onde paras?
Pepiño: Ah… Pois vai fodido, botáronme os romaneses da igrexa de Santa Susana, agora ando por aí de caixeiro en caixeiro e pedindo nas portas.
Charlie: Xa… En fin vémonos.
Pepiño: Si claro, ata logo.
(Charlie marcha de onde Pepiño, que volta ao seu mundo. Charlie vai de novo onda o fillo, retoman a conversa)
Charlie: Pepiño coma sempre, na póla. E ti, meu? Xa se te pasou a merda da testa?
Fillo: Si, estou mellor, soamente estaba rallado. Xa sabes, a testa dá voltas e fode as veces.
Charlie: Seino, manter esta fachada non é sinxelo. Eu teño os meus problemas.
Fillo: En serio, “Charlie sorrisos” ten malos pensamentos?
Charlie: (Serio) Si, téñoos. Maldita sexa… non pensaches nalgún intre no día da redención?
Fillo: Para min o día da redención é cada día, cada día temos a oportunidade de redimirnos, e non o facemos, soamente ollamos á vida e lamentamos.
Charlie: Saloucamos coma aves a piques de morrer.
Fillo: Quizais xa non nos quede demasiado, non levamos unha boa vida.
Charlie: Ou quizais nos quede inda unha oportunidade para trocar de vida.
Fillo: Deixar de saloucar.
Charlie Facer algo por nós… (Suspira) Vivir…
Fillo: (Érguese) Vivir!!
(Quédanse coma estatuas, o fillo en pé, con face de esperanza, Charlie sentado ollando para el. Pepiño murmura para si. Apáganse as luces)

Fotografía de David Novoa