Archivo de la categoría: Relato curto

LIAM, O GERREIRO DA ESPERANZA

Autora: Ariadna Covela Iglesias

Ilustración: Mar Ocampo


Cando a alegría tocou na porta da tristura, ela xa saira.

Tomaba café negro sen azúcar e encaraba as mañás cunha mistura de fortaleza e resignación. Camiña soa, pensamento dicotómico, todo en branco e negro. Isto non lle impide sorir, ou mesmo rir de si mesma. Caeu no túnel da depresión endóxena fai anos, namorou un cento de veces e odiou a cada home por saír sen despedirse. Amantes ingratos, sexo por desidia, alcohol con pílulas.

O día a día entre bocetos e receitas pseudoveganas. Pasaba dos 40, a presión da cultura da imaxe importaballe pouco, sen embargo, o pulmón apretaba por unha bronquiectasia diagnosticada e non tratada. Subía montañas e baixaba aos infernos se se terciaba, para amamantar de enerxía ao pequeno Liam.

Calmaba multitudes anoxadas polo panorama social da pequena cidade onde moraba mirandoos de frente. Difícil era achegarse a ela, pero cando a coñecías, custaba despedirse dunha alma tan pura.

Cando tiña 18, rapou a cabeza, subiu a un autobús e pasou nel 3 días para coñecer Bruselas, xusto despois da mención Cum Laudem do Bacherelato. Bicou a mamá, prometeu escribir, chamar e coñecer outra terra sen prexuizos.

Repetiu a fuxida, 10 anos despois, esta vez a Suramérica, terra dos incas, Perú máxico, Perú inquietante, Perú inmensamente violento. Experimentou a pobreza en estado puro, a necesidade, o desterro. Namorou de novo, eterna fuxida, pinturas e acrílicos dun home experimentado. Si, experimentado na mentira, no interés e na cobiza. As virtudes deste home apareceron anos despois, cun cento de amantes, e algo de reflexión. A depresión non ía arrastralo, ela caeu e levantouse. El esperou un tren, o da partida emocional. E deixoulle un recordo de por vida, Liam, só Liam. O guerreiro.

O pequeno guerreiro deu luz e vida nun país complexo. Natureza desbocada, almorzos de palta e chicha, certa prosperidade. Algo de calma. Cero pílulas. Crianza e experimentación. Tempus fuget.

A maternidade colmouna de paz, deulle sentido a súa propia existencia, cun senso poida que agocentrista, poida que non, pero ben seguro, o cordón co seu pequeno mudou a esta muller de ferro, marioneta perplexa, ánima de nómada. Liam demanda,si. Peito a demanda, canción de berce, leito de esperanza. Liam medra entre dous pais que non se aman xa, e lonxe de comprenderse acusan un vacío como amantes, e pior aínda, como amigos, que se cheira ao lonxe.

Ela baixou ata os 43 kilos, con 30 anos caeu enferma. Subiu a un avión e regresou soa a querida terriña. Desenfocada, ausente, alma en pena. Deixou a Liam coa tribú. Deixou un cachiño de vida no Perú. Destetou ao seu anxo e fuxiu, novamente. Tocar terra en Madrid despois de 5 anos en terra dos incas, foi para ela como Regreso al Futuro, como caer nun ovni, como ver en 3D..

Sacudida enormemente pola separación do pequeno, entrou en bucle, intento de suicidio, terapia, máis pílulas, eloxios dos terapeutas. Oh! que grande e intelixente, gran sensibilidade, alma de poetisa. Merda consumida encapsulada. Así se sinte ela.

Merda pinchada cun pau. Toca empezar de novo. Aluga e arranxa un apartamento, consegue un traballo, ou tres, camiña a diario a carón do Miño, e a diario chora por Liam, e a diario consegue videochamalo e ser parte da súa crianza, nos moldes do século XXI, a distancia i por correo. Infinitamente real, infinitamente afogante. Infinitamente triste.

Consumese o fume do cigarro, consumeselle a alma, pasaron 4 anos, Liam segue coa tribu, ela mantén o seu fogar e as súas finanzas a duras penas, nunha cidade de caciques, lonxe da tribú. Nun entorno de postureo vomitivo, nunha especie de espiral de caléndulas, hedras e crisantemos.

O barullo desmedido non deixa que ela se perda, a xente de ben volve pouco a pouco, desconfiada pola certa loucura dela, atraída polo profundo sentimento de lealdade, e pola tranquilidade que emana cando está ben. A enfermidade non é doada, semanas de subida, semanas de baixada. 10 días de euforia, 15 de cama adentro, e 7 de equilibrio. Funciona así, en ciclos diverxentes. Pucos entenden, algúns se quedan pese a todo. O único permanente, a ansia por recuperar a Liam, as bágoas e o sentimento de valeiro.

Mudou ao cha verde con mel, e encaraba as noites cunha mistura de perplexidade e euforia. Durme soa. Soña cun futuro alentador perto do seu fillo. Loita e desesperase. Medicada, confundida, aterrada. Saiu do túnel da depresión. Non quere amantes, busca complicidade en quen lla ofrece, sen sobrepasar os límites da liberdade persoal.

Non foi Ourense, tampouco foi Bruselas ou Perú. Foi ela, eterna viaxeira, louca da vida. Fuxida desmedida Dade conta dos vosos actos, e sede consecuentes. Cando fuximos por dentro, un guerreiro pode saír lastimado.

Ela xa non o permite. Xa non fuxe, xa non berra. Dade conta da vosa propia loucura, que os nenos comprenden, que eles son guerreiros da nosa fuxida, nos rescatan dos infernos, nos trasladan ao circo da relaidade, póñennos en contra de nosoutras mesmas, e devólvennos aire para respirar e sonrrisas para regalar. Quedade loucos e loucas, que cando a nostalxia toca na porta do presente, de vernos sanos e enteiros, serán os nenos, os guerreiros, quenes pechen por dentro.

A Liam, o guerreiro. Con amor, mamá.
Ilustración Mar Ocampo

o semáforo

Autora: Ariadna Covela

Fotografía: Andre Pérez Justo


Pasaron casi dous anos dende a primeira vez que crucei co seu sorriso e arte malabar nunha rúa do centro de Ourense. Case instintivamente evitaba o seu ollar, pois era tan tenro que mancaba, e mancaba moi adentro xa que traía a min lembranzas primitivas, infantiles, nostálxicas e de sentimento puro e duro. Inevitable .

Sen embargo, as máis das veces, cando unha é muller, i é desas mulleres que cantan, bailan, len e fan moita autocrítica o difícil sería non ter conta dos sentimentos engaiolados e deixalos fluír sen medo. Medo a que? Medo ao amor, que cando ronda tan perto como me ocorreu a min, unha foxe para non pasar de novo, o desamor, que tamén, as máis das veces, é un acto consecuente ao amorío desenfreado.

Xa dixen que o seu sorriso me esnaquizaba a alma, pero o que eu non sabía é que certo día, ía ocorrer un feito fortuito para dar ao tacto de dúas mans nocturnas un sentido trascendental e máxico. Irremediable.

Noite de novembro de 2017, zona Lagoas, bar de cultura e xente diversa. 23.50 horas. Así recomeza o encontro entre o trasno de ollos doces e esta artista que xa non sufre por amor. Eu.

Deambulo pola cidade, metade morta de frío, metade confusa na compañía dun bo amigo, deses que o tempo mantén perto a ratos, porque unha quérelle e compréndelle as miserias a partes iguais. Cando a empatía nolo permitía tomabamos un café, intercambiavamos verbas e algún poema. Decidimos recollernos nese local peculiar que atopamos no camiño esa noite.

Confundida e atraída polo ambiente universitario de boga en Ourense, baixo escadas e abro a porta…Ambiente lúgubre, rock e luz baixa. Imos logo!

Aínda non dera un paso e tiña un “boa noite” saíndo do peito cando alá na ala esquerda (sempre esquerda para cousas boas) do local, vislumbro unha melena atada en coleta e un xesto crítico e honesto. O trasno de ollos doces falaba animado cun posible técnico de sonido, cervexa en man, argumento que resolvín en centésimas de segundo pois moita xente desmontaba material do que parecía ter sido un concerto de xoves noite, tal noite, tal estrago.

Quixen dar volta, saír á porta e berrar: “¡eu non sufro por amor!” pero o meu acompañante xa estaba na barra a pedir lk. E debo dicir, que non sufro por amor fai xa tempo, porque evito darlle a oportunidade de se me coar polas veas. Experimentaba o amor dende outras pequenas perspectivas, ata esa noite. Irreversible.

Completamente virada na barra, evitando calquera contacto visual brindo co colega e dou un grolo…entón algo que ocorrera só uns días antes vénseme á cabeza.

Si, eu parara ao trasno de ollos doces, horas antes na rúa céntrica de Ourense, cun discurso improvisado, buscando certo contacto. “Oe disculpa…, como consegues sorrir todo o tempo cando o feedback da xente nesta cidade semella tan negativo?”…

O trasno acércase e sorrí…, “non é para tanto, aínda queda xente boa, e eu búscome a vida deste xeito”. Malabares e sorrisos, fórmula perfecta, penso eu, para atopar sustento e de paso, alguna princesa perdida, das que xa non sufren por amor. Se á formula lle sumas varios trucos interesantes é posible que saques Bingo.

Cando abre a luz do semáforo dos peatóns el desaparece, e eu continúo o meu camiño, ata a miña vivenda habitual, sitúada soamente uns metros despois desa luz verde intermitente, que cando abre, regala sorrisos e alguna mirada cómplice a un público poida que estático, e non sempre colaborativo coas artes de rúa. Sen embargo, converteuse nun acto de rebeldía e empatía, na que o trasno de ollos doces, atopaba ben seguro, paz e calma.

Reflexionei ata a porta da casa, sobre como as persoas, cun vidro por diante, (o do carro), podía visualizar trucos de mazas ou pelotas, segundo o día, e o humor do malabarista, que me falara de sorrisos gratuítos e desinteresados na procura dun mundo mellor.

Xente “vip” de Ourense nun Mercedes ou xente común nun Fiat Panda indistintamente, tiraba a testa fóra, cuns céntimos que sabían a despedida as máis das veces. Descubrino nese instante. A mirada do trasno falaba de experiencia vital, de recollemento, de árbores e de terras labradas, Tamén de escape e autocoñecemento. Falaba da posibilidade de sorrir e vivir o sorriso en clave de humor, falaba do tempo…e falaba de amor.

Xa case acabei o trago de lk, neste local no que parece que as miradas e as conversas converxen a un ritmo que eu descoñezo. Estou absorta. Teño medo. O meu interlocutor leva case 10 minutos nunha espec ie de monólogo sobre o “mal de altura” e o moito que lle afecta físicamente o cambio de clima. Está enfermo. Leva 10 anos enfermo, e precisa reafirmalo con frecuencia. Dime que precisa sentarse, que lle doen os ósos, polo que xiro e busco un lugar tranquilo, nin tan perto nin tan lonxe do malabarista que parecía ter desaparecido. Respirei tranquila. O amor non me visitará esta noite…Será noite de arte, de música e de dores partilladas. Incomprensible.

Nada mais lonxe da realidade, pois aínda non conseguira sentarme cando escoito un “ Oes! Ti eres a que me falou na rúa o outro día!!!”, obviamente cun gran e intenso sorriso por diante.

Non me sae a voz…, “son, son…”, sóltolle virando cara o meu acompañante que parecía desconcertado coa miña tosca actitude. O que él non sabía e que eu, perdo a calma polos sorrisos sinceros.

“Tomemos unha”, insiste o malabarista. “Veño acompañada”, digolle eu.

“Imos logo!”, solta o terceiro interlocutor, o home enfermo e desconcertado. Trago a tres, máis licor e máis empatía momentánea. Menudo panorama. Os tres na barra, eu no medio, sen poder soltar palabra, pero algo máis relaxada, coma de costume, observo e escoito. Eles falan do tempo.., dos Suaves,non sei moi ben de que, pois teño a mirada clavada nese sorriso máxico. Así foi como o chupito entre o malabarista e eu foise nun só grolo, Mentres o meu acompañante, saboreaba o licor e comeza a comprender a situación.

Eu fuxo aos servicios, deixandoos nunha pseudo-conversa que perdeu interés para min, pois estou tan inmensamente receptiva ao malabarista que quero saír correndo, pois xa vos expliquei, que eu, fai tempo que xa non sufro por amor. E non sufro porque non me expoño.

Recollo o meu bolso e acércome sixilosa a porta de saída. Cando case toco no pestillo, unha man furtiva toca na miña e agarra os meus dedos. Non me fixo falta virar, esa man tocaba sorrindo.

Aparteina e apreteina por igual. Saín, camiñei enbravecida, confundida. Aterrada. Camiñei moi apresa escoitando a voz ao lonxe xa na vereda do home enfermo: “ A onde vas???!!. Que che pasa?, estáse ben aquí…

Merda!, xusto nese intre ,eu, muller e artista, precisaba experimentar soidade. Soidade sonora. Paz vulnerada, sentimento de afogo, ataque de pánico.“Vou para o carro!” , berrolle… Eu marcho.

Os días sucesivos trascorreron cun sentimento interno de frustración. Baixaba ao semáforo cada dúas horas. Quería velo, buscábao pola cidade. Incluso cheguei ata o local lúgubre de luz baixa, coa idea de reencontralo. Non sucedeu. Pasaran case 4 días, estaba obsesionada. Parei e determineime. Podo sufrir por amor de novo? Si, hai seres que o merecen, e este era un deles. Inconfundible.

Voltamos a vernos cando o ano novo deixaba choiva suave e nostalxias varias esparexidas pola cidade de Ourense. Así comeza una historia de sorrisos e de medos, de caricias e de silenzos compartidos cun semáforo como celestino.

Que moderno! Amizade da boa sazonada con doses de amor clandestino. Hai neste mundo persoas con puzzles vitais que se cruzan coma se noutra vida xa se tiveran coñecido, Foi algo así o que deu saída a esta historia de verbas compartidas, de soños eternos e de mágoas enteiras. O tacto e a enerxía flúen sen saber moi ben cara a onde van. Ninguén espera demasiado do outro. É mellor así. Non se condiciona a liberdade nin a soidade persoal de cada quen. Só así podemos avanzar, retroceder ou decidir definitivamente parar.

Eu xa non sufro por amor, pero non podo evitar que o amor, despois de moito tempo, me atope a min. Impredecible