Capítulo 24: Imos de festival!

Xa está dispoñible o último capítulo do Programa Orballo (24-03-2017)!

Podcast Programa Orballo 24 (Para escoitalo podcast preme aquí)

Neste programa:

Entrevista a Paulo vocalista do grupo LISKA! que nos falará polo miúdo da publicación do seu novo disco República 1.0.

Liska!
Grupo LISKA!

No faladoiro de hoxe: Especial «O mundo dos festivais musicais«, hoxe mergullamonos no mundo «festivaleiro» co gallo da nova tempada que está a piques de comezar.

_vinarock2015luiscrownn34_2014f0e6
Concerto durante o Viña Rock

Lembrade que podedes escoitar en directo o programa cada venres no 107.2fm ou online na web de Radio Allariz de 17-18:30h. Non o perdades!

 

Se hai unha deusa

Se hai unha deusa

esíxolle que se encarne

que sinta a dor da conciencia

que pouse os pés na area da praia

para que atravesen ós seus dedos coma estrelas

que saboree as bágoas das árbores

cando sexa outono e todas choremos

que molle os seus cabelos de desexo

nunca satisfeito

que veña de onde sexa que more e sufra o tempo

que viva na miña pel e se lamente

por min

por ti

por tódalas miñas compañeiras

Esíxolle

que berre de pracer non censurado

que pase fame

frío

morte

que te mire ós ollos e deteña o tempo

que derrube os templos erixidos no nome da ignorancia

que se desgarre na existencia

que baile tangos coa túa pel de barro

que probe as ondas salgadas das túas costas

Se hai unha deusa

que veña e que dance

que xirando me explique

por que me alegro de coñecerte

por que non choro e me desgarro

e a maldigo e lle cuspo

por atoparte tan tarde e tan pronto.

Se hai unha deusa

que me regale un cabelo

para atar o meu desexo á túa cintura

que me abra o peito para sacar o que sinto

e regalarcho en San Xoán salpicado de sardiñas

Se hai unha deusa

esíxolle que se encarne

para chorar comigo

a túa presencia de pantasma.

poema 1

Autora: Lourdes Blanco

Fotografía: Cris Armadanzas