Ao fondo á dereita

Autora: Alba Reigada


Este artigo comezou sendo unha comparativa con Xogo de Tronos , evolucionou con outra comparativa sobre enterros e gaivotas, e finalizou sendo o que ides ler a continuación.

Cando entras en calquera bar ou restaurante para ir ao baño e preguntas por onde está ese baño, a resposta é a de sempre: ao fondo á dereita. Converteuse xa nunha expresión propia do país, algo que se di case medio en broma, medio en serio, pero que resulta máis ca evidente. Quen a di, sempre a acompaña cun medio sorriso que implica evidencia e amabilidade, e que provoca outro medio sorriso en quen fixo a pregunta. Parece que é unha frase que só se pode aplicar para unha situación en concreto, pero o certo é que podes aplicala para unha situación política concreta. E ben actual.

Que o PP non está no seu mellor momento é unha evidencia. Pasaron de sentarse en reservados de primeira categoría (o último máis célebre, o das 8 horas de Mariano Rajoy en plena moción de censura), de comer a pracer os pratos máis elaborados, os postres máis fantásticos e os viños máis finos, a ter que chamar para pedir mesa e que lles dixeran que todo estaba completo ata nova orde.

Sen precedentes foi o limbo xerárquico no que estiveron sometidos as últimas semanas. Un presidente do partido neutral e escapado á súa praza de funcionario en Santa Pola, unha batalla pola presidencia que deixou imaxes moi patéticas entre compañeiros e compañeiras escenificando unha ruptura de correntes enorme e a demostración obvia de que a suposta militancia de cifras astronómicas non era tal, e que eses e esas máis de 800.000 en realidade eran froito duns números engrandecidos por un menú de orgullo narcisista, aderezado cun vinagre de mal perder.

Os pratos que viñeron despois non foron moito mellores. De entrante, a batalla entre Soraya Sáenz de Santamaría e María Dolores de Cospedal que foi en realidade entre Mariano Rajoy e Jose María Aznar, xa que o segundo prato de tan insólito banquete consistiu nun duelo entre o pupilo de Aznar, Pablo Casado e Soraya. Hai que dicir que nalgún momento, nese congreso celebrado esta fin de semana máis dun e dunha de que seguro que pensou na Boda Vermella de Xogo de Tronos e nunha desfeita, non mortal literalmente, pero si políticamente mortal. E veremos en que queda.

As receitas que intentaron vender tanto Casado coma Soraya non resultaban convincentes obxectivamente falando. Pero se algo fixo de maneira intelixente Pablito foi darlle ao PP máis rancio o seu postre favorito. Un discurso forte cos valores familiares e con esa patria que, curiosamente, néganse a romper no politico e territorial, pero da que se fan donos e señores absolutos entre eles coma se literalmente lles pertencera. Lembremos que Cospedal di ser “doblemente española” por ser do PP (en fin).

E unha vez pasados os postres e cos comensais de tan ilustre celebración empachados, chegou o café co que espabilaron logo de tanto popularismo (que non populismo) e dirixíronse a votar a quen sería a cara das próximas eleccións xerais.

451 foron os votos que separaron a Pablo e Soraya, 451 máis que lle deron o favor ao que xa é o presidente do Partido Popular. Ese mesmo con estudos en tela de xuizo (Cifuentes tivo que dimitir polo ‘mastergate’), ese mesmo que despois de tomar os chupitos da victoria e saboreando a efusividade do triunfo, pode responder o mesmo ca responden cando preguntas onde está o baño nun bar.

-¿Onde está o PP agora?

-Ao fondo á dereita

Capítulo 53: Peche de tempada.

En Orballo Revista de Cultura e sociedade seguimos traballando , tamén no derradeiro programa deste ano 2018 e onde poñemos fin a tempada non ía a ser menos ; desta volta comentamos todo o sucedido na moción de censura o goberno e analizamos o comportamento dos partidos tanto nacionais como a nivel galego  e onde grazas ao graduado en ciencias da cultura Lucien Petitjean tivemos a oportunidade de facer unha comparativa entre a forma tanto actual como histórica da composición das cortes francesas e españolas aumentando desta maneira a prespectiva tanto a nivel obxetivo ( datos ) coma a nivel reflexivo e descriptivo do panorama nacional actual.

Nunha segunda parte os comentarios foron dirixidos tanto por David Sabucedo , Roi Nómade e Pablo G.Portas de cara a análise dun ano que remata ou máis ben dunha tempada e onde falamos da experiencia en Vitoria-Gasteiz, dos eventos no local O´Renque, das discusións e da experiencia vivida e tamén dos artigos , poetas, poemas  e demáis participantes nesta tempada que voltará a andar de cara a setembro. Despedímonos  pero non e un adeus se non  un atan pronto:

O consello de redacción de Orballo » Revista de Cultura e sociedade»