Arriba o boi!
Esta semana xentes de todos os recunchos de Galicia, e de parte do estranxeiro, acoden á vila de Allariz á celebración da Festa do Boi. Durante as festas os bois corren polas rúas da poboación tras dos corredores que proban a súa coraxe (moitos reforzárona previamente con valor líquido) correndo diante do animal. Seguro que moitos de vós fostes algún ano ao Boi pero, cantos sabedes como xurdíu esta celebración? Se ti es de Allariz seguro que xa o sabes, os demais debedes seguir lendo.
Parece ser que as orixes da festa remóntanse á Idade Media, concretamente ao século XIV, hai dúas lendas que fan referencia a isto, as dúas falan de feitos diferentes pero teñen coma nexo de unión o mesmo protagonista, o cabaleiro Xan de Arzúa.
A primeira lenda conta que en Allariz estaba prohibido entrar a cabalo, por un privilexio do que gozaba o burgo, un día Xan de Arzúa quixo entrar na vila montado no seu cabalo pero os gardas da porta impedíronllo, amolado o xinete baixou do seu corcel e foi coller un boi que pacía preto de alí, acto seguido montou nel e cruzou as portas percorrendo a vila ata o convento. Para conmemorar este feito de astucia, Xan de Arzúa entregoulle moitas terras a Allariz para que os veciños celebrasen tódolos anos un feito idéntico, mais desta vez en troques do cabaleiro colócase un boneco enriba do boi.
A outra historia recorda a convivencia entre xudeus e cristiáns na poboación do Arnoia. Allariz tiña unha das comunidades hebreas máis importantes de Galicia, conta a tradición que durante as procesións do Corpus os xudeus burlábanse dos cristiáns, producíndose moitas veces enfrontamentos violentos entrámbalas dúas comunidades. Disque un ano un devoto cristián chamado Xan de Arzúa quixo rematar cas falcatruadas dos ismaelitas, polo que un ano durante a procesión apareceu montado nun boi có que arremeteu contra os burleiros, mentres os seus criados tirábanlles á cara cinza e formigas, tras estes actos non houbo máis enfrontamentos nin burlas durante o Corpus. O morrer Xan de Arzúa deixou moitas terras da súa facenda ós veciños, cá condición de que tódolos anos celebraran a festa dos bois.
A festa celebrouse dende o século XIV, sempre coincidindo cás celebracións do Corpus, sendo cancelada durante a Guerra Civil e recuperada polos mozos en 1983. Unha procesión recordar a fazaña de Xan de Arzúa (agora representado por un boneco que pendura toda a semana no edificio do concello) nela as xentes da vila vístense con roupas do medievo, divídense nos distintos gremios e percorren as rúas acompañando ao boi e o “cabaleiro”.
Xa sabedes! se este fin de semana acudides ao Boi xa podedes presumir diante dos vosos amigos que sabedes como comezou a festa, seguro que están desexando coñecela historia…
Redacción: David Sabucedo Cardero
Fotografía: Antón García
Para saber máis:
Lendas de Ourense.
Mosquera Pans, Miguel.
Ed.Cumio, Pontevedra, 2011.
Páxina Web: festadoboi