Ó longo da vida, moitas xentes que van facendo camiño nela senten que van queimando etapas. Algunhas delas serán dignas de gardarse nun oquiño da mente, para ser lembradas nun futuro para aqueles que queiran saber delas. Outras, quizais sexa mellor borralas para sempre, coma se nunca tiveran lugar, agochándoas no máis profundo do noso ser. Non obstante, no cómputo global, cando chegue ese final que a todos nos tocará transitar, o que debemos deixar para que perdure no tempo, é esa loita que conformou o que vivimos. Hai quen di incluso que a vida non consta de etapas, a vida é todo un, e non hai máis que malos e bos momentos.
Toda esta parrafeada é a introdución perfecta para explicar o novo tempo que comeza para a Revista Orballo. Poucos son os meses que leva de vida, pero as xentes que a integran e as que se van sumando ó proxecto, están a facer posible que o camiño se siga a percorrer na dirección correcta, avanzando sempre cara adiante e dando pasos que, por pequenos, non deixan de ter gran importancia. A todos os que están, e os que están por vir, agradecerlles que o día de mañá poidamos escribir que este proxecto conseguiu a súa finalidade de, ante todo, traballar dende a humildade e a honestidade, algo que semellan non perseguir moitos dos que hoxe son os nosos coetáneos.
É por elo, que nos comprace anunciar que a revista vai intentar dar un pasiño máis aló, e ampliar a súa voz a través dun programa de radio, unha voz que non a compoñen só os integrantes propiamente ditos da revista, senón que é unha voz conformada por todos aqueles que teñan algo que dicir e queiran aportar algo a quen poidamos chegar.

Por tanto, como viñamos anunciando días atrás, a partires deste venres 7 de outubro, de cinco a seis da tarde, e así será tódolos venres, realizaremos o noso programa en Radio Allariz, que se pode sintonizar na 107.2 FM. O programa será en directo, para quen queira comentar sobre o que se estea a falar ou queira propor algún tema para comentar. A idea é conseguir un espazo no cal poidamos interactuar cos oíntes, para acadar uns contidos que susciten un certo interese e amosen as inquietudes de aqueles que nos escoitan. Tamén coa idea de ir facendo que cada emisión sexa mellor que a anterior.

Se non podes escoitala analoxicamente, sempre poderás seguirnos en directo a través da rede, amén de que cada semana se subirá o podcast á revistaorballo.wordpress.com.
Agradecidos enormemente a Radio Allariz, en especial a Carlos, por facernos un oco na súa parrilla e darnos a oportunidade de facer medrar este proxecto.
Lembrade pois, que tódolos venres tedes unha cita en Radio Allariz con Orballo. Contamos con vós!!!
Un comentario en “ORBALLO CHEGA ÁS ONDAS”