Camarón e Lorca: Ti a letra e eu a música

Se pecho os ollos aínda podo ver aos meus compañeiros e a min mesma nos nosos pupitres, escrutando, cos lapis en ristre, unha a unha as páxinas do Romancero Gitano ata case quedarmos birollos. É certo que daquela, o noso interese por Federico era máis ben interesado. Enchíamos os nosos cadernos de anotacións sobre as súas metáforas para aprobar lingua castelá, e ter un aniño tranquilo sen castigos nin malos rollos con proxenitores ou mestres. Era así, pero polo camiño sempre se aprendía algo, e o bacharelato, ademais de estresarme enormemente, abriu para min portas que ata daquela descoñecía. Federico foi unha delas.

Sendo totalmente honesta, entender o demo dos poemas era complicadísimo, precisabamos case ca un dicionario para entender unhas palabras que a pesar de vilas empregando desde había case 16 anos presentábanse inescrutables, cun significado ben diferente, oculto aos nosos ollos de non iniciados. A sensación que me quedou daquela da linguaxe lorquiana era que a maioría das metáforas non eran máis que outra maneira de referirse a morte e outras desgrazas e traxedias. Por esta mesma razón, non puiden máis ca empatizar con Camarón cando descubrín as súas dificultades para entender os versos do granadino cando lles puxo voz no seu álbum La leyenda del tiempo, o momento en que se desvela a debilidade dun mito. Para quen lle guste o flamenco ou a música en xeral, saberá que a día de hoxe este disco considérase pouco menos ca unha obra mestra e que encumbrou definitivamente a José Monge como principal símbolo do flamenco novo e innovador. Porén, as cousas non foron tan fáciles e bonitas alá polo 79.

La leyenda del tiempo de Camarón

foto-1-camaron-durante-a-gravacion-de-la-leyenda-del-tiempo-en-1935
Camarón na gravación de La leyenda del tiempo.

Ricardo Pachón, o produtor deste álbum, incluído en todas as listas dos mellores de todos o tempos, rescatou do seu baúl dos recordos unhas composicións nas que convertía en cancións algunhas das poesías de García Lorca. “Teníamos que grabar yo le pregunté a Camarón si él tenía algo, me dijo que no, y yo decidí echar mano de algunos temas que tenía de los años 60”, asegura Pachón nun documental. Darlle ao play para escoitar La leyenda del tiempo por primeira vez é toda unha experiencia aínda que non che guste o flamenco, ou se cadra pensas que non che gusta e ao escoitalo tes que tragar moito do que tes dito sobre este estilo musical e finalmente abrazar a evidencia, porque o Camarón deste disco é outro rollo. É escoitar nunha das mellores voces algunhas das mellores letras endexamais escritas. A pesar, ou se cadra grazas ao surrealismo. “Camarón me confesó que no entendía mucho a lo que se referían las canciones”, recoñecía o produtor en 2009. Porén é certo que soubo, como so os xenios das artes son quen de facer, levar estas letras endiañadas ao seu terreo. E aínda que non tivese nin a máis remota idea do que estaba cantando, cantouno con moita verdade. Transparente. Fermoso.

O disco parecía así de primeiras, contar con tódolos ingredientes do éxito. Error. A xente devolveuno en masa nada máis escoitalo e as ventas foron ridículas. “Los gitanos llegaban a las tiendas a entregarlo y le decían a los dependientes, deme usted el dinero que esto no es Camarón”, recorda Pachón ao rememorar aquel fracaso inicial. “Le enseñé el disco a Paco de Lucía y le gustó, así que yo me quedé tranquilo. Pero se desinfló todo cuando se vio que no se vendía nada”, continúa o productor sevillano. El que foi o primeiro en atreverse en poñerlle baterías e guitarras eléctricas ao flamenco, revolucionando esta arte e desatando a rabia dos puristas e as súas críticas máis despiadadas. O pobre cantaor, despois de que o se círculo lle dixese que estaba completamente tolo e que iba tirar a carreira que levaba pola borda ao lanzar este disco, quedou tan asustado que lle dixo a Pachón: “Ricardo el próximo solo con guitarrita y palmas”. O xenio do flamenco pensou que o mellor traballo de todos os tempos fora un disco malo.

La leyenda del tiempo de Lorca

foto-2-federico-garcia-lorca-no-seu-escritorio-en-1935
Lorca no seu escritorio en 1935 nunha imaxe tomada por Blanco Amor.

O tema que da nome ao álbum de Camarón, para o meu gusto unha das mellores cancións do disco, é tamén subtítulo dunha obra de teatro escrita por Lorca en 1931 “Así que pasen cinco años”, que ven seguido da poesía que da letra á canción. Esta peza que desborda surrealismo por todos os poros forma parte do que se coñeceu coma o seu “teatro imposible”.

Se houbo problemas e o común dos mortais necesitamos case trinta anos para comprender o proxecto de Camarón e Pachón, o pobre Lorca aínda o tivo máis complicado. Así, ante a frialdade da recepción que recibiu este texto por parte dos seus achegados o poeta acuñou o termo do “teatro imposible”. Ou cando menos, imposible para o seu tempo, e aseguraba que se valoraría cando pasasen cinco décadas. Precisamente, non sería ata 1986 cando a compañía Atalaya estréase a primeira versión en España. Como lector ou público desta peza teatral un dase conta deseguido de que as dotes premonitorias de Lorca deixan a Nostradamus e aos guionistas dos Simpson como afeccionados, por desgraza. O granadino firmaba o manuscrito en 1931, xusto un lustro antes de que lle pegaran un tiro nunha cuneta. Xusto nese ano, abriuse en España o “pozo” do que falaba na obra o Amigo 2º: “Dentro de cuatro o cinco años existe un pozo en el que caeremos todos”. Moitos seguen alí, sen que ninguén os rescate ou descubra como é que chegaron alí, e en moitos casos onde demo están dentro do pozo. A cousa é arrepiante.

Moitos seguirán sen entender. Non pasa nada, son eles os que viven con esa vergoña. Tal e como dixo Camarón despois de lanzar o disco nunha entrevista: “Los que lo hayan escuchado y no les gusta mucho pues yo creo que tienen que escucharlo más porque está muy bien conseguido”. E punto. Un consello que vale para as dúas Leyendas del tiempo.

María F. Romero

Imaxe principal: Portada do disco de Camarón La leyenda del tiempo (1975)

Un comentario en “Camarón e Lorca: Ti a letra e eu a música”

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.