A ATLÁNTIDA GALEGA

Pódese afirmar que non hai lagoa en Galicia que non teña súa cidade asolagada

(Dicionario dos Seres Míticos Galegos)

O outono pasado a escaseza de chuvias provocou que o nivel dos encoros baixase tanto que moitas das vilas e aldeas que “o progreso” asolagou quedaron ó descuberto, moitas delas levaban sen verse dende que as augas as tragaran. Este feito fixo de imán para milleiros de turistas que non quixeron perdela oportunidade de ver os restos desas antigas poboacións. Tal foi a masificación de visitantes que chegouse a temer polos desperfectos que nestes “xacementos subacuáticos” puidesen ocasionar.

Moito antes de que Porto Marín fose cuberto polo encoro de Belesar xa había en Galicia cidades asolagadas. Estas ninguén as vira xamais, xa que ocorreran naqueles tempos da guerra contra os mouros ou naqueles outros no que as bestas falaban, mais non había lagoa na nosa Terra que non tivera a súa.

O mito das cidades asolagadas

Entre os mitos do noso folclore hai un que abonda por todo o territorio, as cidades asolagadas. As lendas soen ser moi semellantes: unha vila ou cidade, que soe chamarse Valverde, é visitada por unha divindade (a Virxe María, Xesús ou un santo que soe ser San Pedro) que vai pedindo esmola ou pousada polas casas; os habitantes son persoas pagás e pecadoras, que sempre tratan moi mal ós visitantes, incluso un zapateiro (que debe ser unha representación do xudeu) chega a agredir á Virxe ou ó Neno Xesús cunha ferramenta. O comportamento destas xentes soe espertar a sede de vinganza dos seres divinos (a Virxe ou Xesús mostran un comportamento máis propio do Deus vingativo do Antigo Testamento) polo que provocan un cataclismo que fai desaparecer a cidade, facendo que as augas cúbrana por completo quedando unha lagoa no antigo emprazamento. Os superviventes soen ser unha familia pobre (os únicos cristiáns da comarca) que viven nas aforas destas poboacións  e si aceptan dar acubillo a Xesús ou a Virxe. Destas cidades desaparecidas queda unha lembranza, no amencer San Xoán ou na medía noite de Nadal aínda se poden escoitar ás campás das igrexas ou o canto dos galos baixo as augas.

Lagoa-de-Cospeito
Lagoa de Copeito, di a tradición que baixo súas augas está a mítica cidade de Veria ou Verial.

O longo da nosa xeografía hai numerosa lagoas asociadas a este mito: no lago de Doniños en Ferrol está a cidade de Valverde; na lagoa de Alcaián en Coristanco está a cidade tamén chamada Alcaián; na lagoa de Cospeito en Lugo está a cidade de Veria, tamén chamada Verial ou Valverde; na lagoa de Carragal en Ribeira está a cidade de Malverde ou Valverde; na lagoa de Antela na Limia está a cidade de Antioquía;  tamén hai cidades asolagas en San Martiño do Lago en Maside, na lagoa de Boedo en Guitiriz, etc. Fóra das nosas fronteiras tamén hai mitos semellantes asociados os lagos de Carracedo no Bierzo e o de Sanabria en Zamora que serían o antigo emprazamento da cidade moura de Lucerna.

Entre as explicacións que se lle da a estes lendas están a dos achados arqueolóxicos preto das lagoas o que o pobo interpretaría coma restos dun poboado; mitos importados dende Francia, onde tamén son moi abundantes, a través do Camiño de Santiago; o Códice Calixtino atribúe a Carlo Magno a destrución da cidade de Lucerna da que só quedou unha lagoa de augas negras. No que a maioría de teorías coinciden é que responde ó mito común a tódalas civilizacións do diluvio, a do cataclismo enviado polos deuses para castigar a humanidade, é que a tradición popular trasladou a nivel local.

A Atlántida da Limia, Antioquía

No lugar que hoxe ocupa a lagoa de Antela houbo noutros tempos unha cidade chamada Antioquía… os seus veciños asoballaban ás xentes dos arredores e non tiñan caridade con ninguén. Quixo Deus castigalos, mais Xesús propúxose salvar ós xustos que houbese. E veu á terra, e foi a Antioquía na figura dun esmolante e tentou a caridade enteira da primeira a última casa pedindo esmola e non achou a ninguén que sequera lle dixese : “Deus che axude”. Postreiramente, cando xa marchaba co corazón atristurado, entre uns carballos viu unha casarella coa porta suchouza e unha velliña agarouchada a carón dun lumiño que máis afumaba que aquecía. Xesús arrimouse e pregou:

-Unha esmola polo amor de Deus.

-Pase quen sexa-dixo a vella. E Xesús pasou. E a muller sentouno ao lume e muxía unha cabra que tiña e deulle unha cunca de leite e un anaco de bica. E despois deitouno na súa camiña de farrapos. Cando á alba do día espertou, Xesús díxolle á velliña:

-Ven quero que olles o que foi Antioquía.

E a velliña quedou sorpresa cando viu que no lugar que ocupaba Antioquía se estendía unha lagoa que asolagaba a vila. E ningúen se salvara fóra dela. Na mañanciña de San Xoán, cando o primeiro raio de sol relampra na lagoa, alá embaixo, moi fondo albíscase o campanario da igrexa. E a noite de Nadal, ás doce en punto, óese cantar os galos.

chivite1
Dr. Xesús Taboa Chivite

Esta lenda foi publica por Xesús Taboa Chivite en Las leyendas de la laguna de Antela. Poida que esta sexa a máis célebre historia deste tipo que hai en Galicia, moi arraigada na terra da Limia onde hai incluso un instituto que leva o nome de Antioquía.

Moitos investigadores relacionaron esta cidade mítica con Limica, capital do pobo galaico dos limicos, e cuxa situación se discute entre San Cribrán de Las e Xinzo de Limia.  “Que ten que ver isto ca lagoa de Antela?” diredes. O certo é que si que houbo unha cidade chamada Antioquía que case desapareceu por un cataclismo, mais non estaba en Galicia senón non que hoxe é Turquía:

“Antioquía a Grande, a de Isauria, por desobedecer os consellos saudables, foi arruinada ó fenderse a terra; só o bispo da cidade, con bastantes que o seguiran, obedientes do temor de Deus, libráronse da destrución, quedando agora sobre a terra tan só a parte superior das torres que emerxen do chan”.

Este é un estrato da Cronicón de Idacio cronista orixinario da Limia, da que foi bispo aló polo século V. A cidade da que fala é Antioquía, capital da provincia romana de Siria, que sufriu un grande terremoto no ano 462 d.C. Esta era unha das vellas metrópoles da Igrexa, sendo o terceiro patriarcado por tras de Roma e Alexandría, polo que a súa destrución debe ser unha nova que callou moi fonda na conciencia da cristiandade, máis na Limia onde Idacio recolleuna na súa crónica e o mellor usouna coma advertencia nos seus sermóns ó vulgo, sendo esta a orixe da lenda da cidade asolagada da lagoa de Antela.

lagoa-de-antela-1
Fotografía da antiga lagoa de Antela na Limia

 “Fai anos dicíase que por baixo das augas da Lagoa de Antela había unha cidade chamada Antioquía. Cando comezaron os traballos de desaugamento todo o mundo estaba expectante polo que puidera aparecer. Desecaron a lagoa, mais Antioquía non apareceu.”  Non fai moito escoitei nunha taberna esta conversa a dous homes, mais coma din no Dicionario dos Seres Míticos Galegos: “Non debemos negar que Antioquía exista aínda que secasen a lagoa. Antioquía existe, primeiro cun ceo de aire, logo cun ceo de auga e agora cunha ceo de lama”.

David Sabucedo Cardero

Para saber máis:

-Cuba, X.R., Reigosa, A., Miranda, X. Dicionario dos Seres Míticos Galegos Ed. Xerais, Vigo 1999.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s