Quen se mutilaría o rostro pola arte?
Quen?
Quen diría «aló repousa a miña alma»?
«Vendinme, son un traidor»?
Noxo pola vida enlamada, as vísceras quentes
Noxo polo fracaso e a vitoria ao mesmo tempo
A saudade
O descontento
Ollar atrás e ver anos perdidos
Ollar adiante e non ver o éxito nunca
Deixa de ser lixo, faite home dunha vez!!
A arte non leva a ningures
E ti te chamas poeta?
Noxento
Moi noxento
Con ganas de vomitar no medio da rúa
Querer ser visceral e doce ao mesmo tempo
Naufraxio da mente no copo de alcohol
Dúbidas e desacordos fulminantes
Ao lonxe vese un porto onde nunca chegarás
Porque coma Moisés estás condenado
E nas lagoas da mente navegas perdido
Sen vento, só un sopro fedorento
Só a túa vida, nada máis
Nada máis
Hai un tolo que se mutilaría pola arte
Non son eu
Eu son un vendido noxento
Manuel J. Maside.