1[14]1 E O CONTEXTO SOCIAL

Autor: Alberte Momán Noval


Para contextualizar 1 [14]1, debo remontarme ao ano 2012, concretamente á saída do prelo de Vattene!, unha micronovela distópica coa que comezaba a perfilar as bases dunha narrativa fantástica moi persoal. Inmerso na teima de revelar o que de distópico ten a sociedade actual, fixen evolucionar toda a escrita cara a esa liña específica. Dese xeito xurdiu toda a Triloxía Vattene!, O legado extraterrestre, Bosquexos para unha distopía, Lapamán, Ocidente e Barata minha barata.

Por outra banda, xa case dende o comezo da miña traxectoria dentro da escrita, teño a vontade de eliminar as diferenzas entre a lírica e a prosa, utilizando diferentes fórmulas que crean unha poesía moito máis discursiva, de lectura rápida e de fácil comprensión, aínda que dotada de diferentes estratos no discurso que enriquecen a lectura e posibilitan diferentes interpretacións.

Como culminación, até o momento, de todo ese proceso evolutivo escribín este libro de poemas. Trátase de textos en prosa poética que pretenden dar unha imaxe ampla do concepto do exilio, visto dende un punto de vista moito máis amplo do que a simple expatriación. O exilio que crea colectividades dentro da colectividade, polo tanto, falo dun exilio que censura, que discrimina, que exclúe. Todo isto vinculado a unha historia de amor, de dúas persoas que se atopan por casualidade nun lugar dunha galaxia distante. Os motivos para a exclusión son moitos, dende os conflitos lingüísticos, diferenzas de clase, non pertenza a un canon estético ou de calquera outra índole. En concreto, dende o punto de vista das relacións entre clases, a subdivisión da colectividade fai que se constrúan, artificialmente, diferentes estamentos dentro dunha mesma clase, debilitando, como consecuencia, a forza do propio colectivo. A soidade, unha constante na miña obra, é un tema que se trata, neste caso, dende a perspectiva das persoas que acoden a un lugar, despois de viaxar por diferentes galaxias, nun tránsito constante na procura de contacto, como consecuencia dunha necesidade inherente aos seres sociais de pertenza a un grupo, ben para conseguir un ansiado contacto carnal ou ben para sentirse protexidos dunha figura ambigua que aparece durante todo o texto baixo a denominación de o vós ou os outros.

O poder é outro concepto moi presente no texto. Aquel que, segundo esgrimía Foucault, perpetúase grazas ao silencio. A ruptura dese silencio, descrita na segunda parte do libro, é a que incomoda e ese vós indefinido que pretende manter o statu quo, exercendo o poder, ou converténdose nese poder. A ruptura do silencio non é necesariamente unha actividade revolucionaria, aínda que o sexa sen que exista a pretensión, do mesmo xeito que ese vós ou ese outros non é plenamente consciente de estar exercendo un poder, subdividindo a clase, que mesmo os somete e os aliena.

Todas estas son ideas que se bosquexan no libro, buscando unha forma de reflexión colectiva que constrúa o final da historia, ou camiños diferentes cara a finais posibles.

O libro achega un extenso prólogo de Henrique Dacosta que repasa as principais obras da miña poesía, axudando a definir toda a traxectoria poética.


1 [14] 1

PRIMEIRA
 
 
As fazulas embebidas de abril. Un abril tenue, apenas un rubor sen nome propio. A denominación de todas as rúas nun só corpo á deriva.


O puño en alto, na outra man unha cabicha que se consumía no ar.
A única muller en anos que pousara a man sobre o muro do estaleiro. Desta vez, para non caer mentres mexaba.
«As oportunidades non se agardan». Berrara dende aquela posición privilexiada. O muro amplificara a súa voz, proxectándoa cara ás rúas sempre enfrontadas. «Vós sempre estaredes do outro lado». Aquel «vós» indeterminado ofendera máis do que alentara a unha maioría forzada a non atender a arenga.
 
Aprendera a subsistir no humor cáustico do asfalto. Do empedrado coñecera a máis implacable das máculas. Entre as miradas ausentes e reprobatorias practicou pouco máis do que a evasión, sabendo que calquera espazo sería un non lugar.

Amputou a dor, converténdose a rutina na peor das desgrazas. As vexacións apenas un signo de identidade. A casta, construída sobre os alicerces da renuncia, un símbolo da pertenza. A mímese a súa mellor arma.


Alberte Momán Noval

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.