O OUTRO PARTIDO DAS ELECCIÓNS DO 28A
Autora: Alba Reigada
Viñéronme moitas ideas á cabeza pensando en como facer un artigo resumo da xornada electoral de onte.
Contar os resultados? Iso xa está feito e é evidente.
Facer un artigo de opinión sobre as esquerdas e as dereitas? Diso xa hai moito.
Falar dos posibles pactos de goberno? Moi visto tamén.
Así que esta mañá cando ía no metro mirando Twitter, vin algo que me chamou a atención.
Falábase dun rapaz chamado Roi Méndez, antigo concursante de Operación Triunfo, en clave épica. A súa historia tiña moito paralelismo coa de Ulises intentando volver a Ítaca, pero neste caso, Roi tiña que volver a casa co propósito de votar.
Pero isto non pasou porque si. O cantante tivo un erro de cálculo, e en lugar de atoparse coa ninfa Calipso, atopouse cos prazos e con que deixándoo todo para o último día, xa non puido votar por correo.
E aquí comeza á súa particular odisea: unha viaxe en coche de Barcelona a Compostela o día antes das eleccións para poder votar.

Ao marxe da viaxe, que de seguro foi con moita música e prometendo mil veces non deixar o voto para o último día nunca máis, pódense extraer dúas conclusións claras:
A primeira: O que nos xogamos onte non foi que gañe un partido ou outro, que goberne un ou que gobernen 5 xuntos. Xogámonos o Estado de Benestar, nin máis, nin menos.
A segunda: A importancia de votar. A poboación española asumiu que, pode que ningún partido leve no programa todo o que queres, pero sempre vai haber algún que leve todo o contrario.
10 horas e máis de 898 km máis tarde, en lugar dun poema de 11.600 versos chamado A Odisea, Roi mandou un tweet con foto probando a súa fazaña.
Este Ulises galego votou, e cada voto foi fundamental onte. Máis do 75% da participación.
Somos Roi.
