O Señor Ferreira

Por Manuel J Maside

O señor Ferreira bebe viño de Oporto en cantidades industriais. Sentado nunha terraza dun bar elegante da cidade, sol nos edificios ó leste, no oeste tebra e fresco. O camareiro vestido elegantemente con chaleco e pantalóns negros e camisa branca. Algún coche transcorre polo largo que leva de sur a norte, do porto á estación. Algún tren zumba de fondo. 

É unha tarde fermosa de outono baixo un sol que inda quece os ósos. Á sombra, lúgubre, o señor Ferreira non ten máis que facer que beber e observar á xente. Unha parella de novos avanzan baixo o sol suando e dándose bicos calorosos. Unha gaivota observa a rúa enriba dun farol coma xefa que é da cidade. O camareiro olla con noxo ó mundo, farto de estar de pé naquel lugar día tras día. 

O señor Ferreira érguese con dificultade da cadeira, colle o bastón e ponse a andar. Percorre as rúas do centro, edificios señoriais do estado, igrexas barrocas e casas señoriais que lembran os quintais do rural, eses edificios con amplas viñas que dominan as aldeas e vilas. O señor Ferreira camiña canso, pero ollar ós edificios reverberando é unha sensación única. Os doutores dixéronlle na súa última estancia no hospital que non lle quedaba moito tempo neste barrio, polo que el cumpre unha promesa de cando era neno. Prometéranse mutuamente el e o señorito de VilaPouca que de estar a piques de morrer beberían ata morrer bébedos. Por aquel entón comezaban a tomar alcohol e semellaba marabilloso. Estivo décadas sen beber levando a facenda que agora leva o seu fillo. E agora que vai morrer volve ó vicio como o faría un vello calquera da súa idade, pero para non saír máis. 

O señor Ferreira senta nun banco da praza, está esgotado, a saúde está resentida. Tuse ata case trousar, perde forza e desmaiase, ten febre… Un home novo acércase a el. 

-Ola, son Artur Morães, un escultor da capital contratado polo concello para facer unha escultura aquí na praza que lembre ó pobo. Pareceralle estraño pero levo días observándoo peneque polas rúas da cidade e teño interese certo en facer unha escultura de vostede aquí sentado. Aceptaría ser o modelo? 

O señor Ferreira dubida pero o final acepta. 

-Veranme todos aquí sentado? 

-Si, todo o que pase por aquí. 

-E haberá unha placa co meu nome? 

-Se vostede o desexa, por suposto. 

O que queda de tarde o escultor está debuxando bocetos do señor Ferreira alí sentado. 

De súpeto o señor Ferreira ten un motivo para vivir a lo menos ata ver a escultura feita. Deixa de beber e comeza a coidarse, ata volve ca familia para que o coiden mellor. Pero pide ir do quintal á cidade todos os días para ver se xa puxeron a escultura. De nada serve que lle diga o fillo ou a nora que aquilo leva o seu tempo. 

A saúde acabouse. Foi a derradeira visita do señor Ferreira ó hospital. Morreu na cama soñado ca escultura. 

-A lo menos lembraranme -di entre as súas últimas palabras. 

A escultura foi inaugurada dous meses logo do deceso do señor Ferreira. Unha placa pequena pon ós pés:

«Aquí sentaba o señor Ferreira, sabio e borracho»

A familia obrigou a retirar a placa por denigrar a imaxe do señor Ferreira. O escultor reitera que ó señor Ferreira gustaríalle. 

O espírito do señor Ferreira estaba contento porque aparecía o seu nome ó lado do seu rostro, sería lenda viva da cidade. Mais non se pode telo todo, como lle di espírito do señorito de VilaPouca, ó seu carón de novo.

fotografía: [[Imagem:Praça D João I.jpg|thumb|180px|Legenda]]

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.