Todas las entradas por ORBALLO

Revista Cultural da cidade de Ourense de contido cultural e social,

Se hai unha deusa

Se hai unha deusa

esíxolle que se encarne

que sinta a dor da conciencia

que pouse os pés na area da praia

para que atravesen ós seus dedos coma estrelas

que saboree as bágoas das árbores

cando sexa outono e todas choremos

que molle os seus cabelos de desexo

nunca satisfeito

que veña de onde sexa que more e sufra o tempo

que viva na miña pel e se lamente

por min

por ti

por tódalas miñas compañeiras

Esíxolle

que berre de pracer non censurado

que pase fame

frío

morte

que te mire ós ollos e deteña o tempo

que derrube os templos erixidos no nome da ignorancia

que se desgarre na existencia

que baile tangos coa túa pel de barro

que probe as ondas salgadas das túas costas

Se hai unha deusa

que veña e que dance

que xirando me explique

por que me alegro de coñecerte

por que non choro e me desgarro

e a maldigo e lle cuspo

por atoparte tan tarde e tan pronto.

Se hai unha deusa

que me regale un cabelo

para atar o meu desexo á túa cintura

que me abra o peito para sacar o que sinto

e regalarcho en San Xoán salpicado de sardiñas

Se hai unha deusa

esíxolle que se encarne

para chorar comigo

a túa presencia de pantasma.

poema 1

Autora: Lourdes Blanco

Fotografía: Cris Armadanzas

AQUÍ HAI ENTROIDO!

Xa rematou o entroido… alá se foi!!! E con el marcharon días de troula e de festexos, días nos que podías xogar a ser outro/a, días nos que podías agochar a túa personalidade e disfrutar meténdote na pel daquelo que pasase pola túa imaxinación…

Data sinalada de tódolas cores no noso almanque, sabemos ben como disfrutala, sobre todo aquí na nosa terra: Ourense.  Quen máis, quen menos…coñece o entroido de Laza, Xinzo e/ou Verín. O Triángulo Máxico do Entroido galego. Pero máis aló das nosas fonteiras, moito máis aló, o entroido tamén existe, e con características semellantes ás nosas. E é que esta festa da a volta ao mundo ela soa, deixando alegría en cada rincón do planeta. Ide apuntando ideas para o ano vindeiro!

A primeira parada non pode ser outra que no país por excelencia do carnaval: Brasil, onde a música e o baile son imprescindibles. Carrozas e comparsas desfilan durante catro días seguidos no Sambódromo, lucindo traxes e decoracións elaboradas con minucia ao longo de todo un ano, así como as coreografías espectaculares que só as persoas que levan o ritmo da samba no corpo saben cómo darlle vida.

 Indo cara o Noroeste, facendo parada en Pananamá, atopámonos cun carnaval que se festexa durante catro días seguidos. A festa comeza coa coroación da Raíña do Carnaval que da paso ás “mojaderas” o «culecos”, nos que camións cisterna verten auga por riba das persoas deseosas de festa nas prazas públicas e privadas. A que nos recorda esto aos galegos e ás galegas…? Desfiles, música tradicional, comparsas e raínas continúan a festa ata o martes antes do mércores de cinza, no que todo conclúe co enterro da sardiña.

carnaval de Panamá
Momento do carnaval en Panamá. Fonte: Youtube.

Continuando pola costa Pacífica, paramos en La Ceiba, en Honduras, onde o carnaval celébrase uns meses despoís, concretamente o terceiro sábado de cada mes de maio na honra de San Isidro Labrador. Os festexos comenzan unha semana antes cos “carnavalitos” nos barrios da poboación, que culminan co “Gran Carnaval” ou “Carnaval Internacional de la Amistad”. Polo resto é moi semellante ao entroido noutros lugares: traxes espectaculares, cheos de cor, música, sons, danzas populares, etc.

Xa en México nos atopamos co carnaval de Tenosique, que aínda conseva as súas raíces ancestraís. Os seus habitantes lánzanse fariña entre eles para dar paso á Danza do Pochó, na que interveñen personaxes que loitan represntando o ben e o mal.

Cruzando o charco, facendo parada no continente africano, o carnaval ten unha maior incidencia naquelas pooacións con influencia latino-portuguesa como son Cabo Verde, Angola, Guinea-Bissau e Mozambique, sendo o de Cabo Verde o máis coñecido a nivel intenacional. Os traxes e o colorido poden recordar ao estilo brasileño, mais a música e os sons son propiamente locais.

carnaval de cabo verde
Desfile do carnaval de Cabo Verde, África. Fonte: Carnaval.sapo.

Xa de volta por Europa, todos e todas coñecemos o famoso carnal de máscaras venecianas e as súas singularidades. Sen embargo, noutras localidades do vello continente, estos festexos son igual de vistosos e con alta importancia. Así, o “Carnaval de Bohemia de Praga” trasladanos á época Barroca por medio do seu desfile de máscaras de alegoría medieval, actividade central da festividade. Unha oportunidade para revivir o entroido doutras épocas.

Por moi formais que parezan os alemáns, tamén teñen o seu carnaval e cuns festexos un tanto pecuiares: na localidade de Düsseldorf sustitúen o Xoves de Comadres polo “Xoves Gordo”, nos que as mulleres asaltan o Concello e secuestran de xeito fictício ao seu acalde para que lles entregue simbólicamente as chaves da cidade, polo que o poder será seu durante esa xornada. Os festexos remata o Mércores de Cinza coa queima de Hoppeditz (a nosa Sardiña).

Pechamos este pequeno percorrido trasladándonos a Suiza onde nos atopamos co Carnaval de Basilea, no que o festexo máis importante é ao luns seguinte do Mércores de Cinza, cando de madrugada apánganse tódalas luces da cidade para das paso ás luces das linternas que guían o paso de tamborileiros e frautistas basilienses en comparsa. Todo un espectáculo.

E ti, xa sabes que entroido escoller para o ano 2018? A verdade é que vaias a onde vaias, disfruta desta festa única, chea de cor, música e alegría.

Laura González Borrajo