Todas las entradas por ORBALLO

Revista Cultural da cidade de Ourense de contido cultural e social,

O convento de San Francisco de Ourense, lugar olvidado

“Se estiveramos en Roma, teríamos cola ata o auditorio” comenteille a miña acompañante na visita ao Claustro de San Francisco en Ourense, un edificio de grande beleza artística prácticamente no corazón da cidade. A nosa sorpresa comeza no intre de subir os primeiros escalóns para acceder ao mesmo.

Para pornos un pouco en tesitura, comentaremos un pouco de que estamos falando: O Convento de San Francisco constrúese no século XIV, a pesares de ser unha orde que predica a pobreza, o edificio non carece duns detalles e dunha beleza moi grande para os amantes deste tipo de lugares; unha xoia do románico-gótico de grandes dimensión que conta cun claustro moi detallado, columnas dobres e capiteis decorados, onde nos podemos atopar dende figuras vexetais ata batallas de homes con criaturas míticas ou dragóns; ademais contaba con varios pisos e dependencias que facían que os que alí habitaran tiveran dabondo para vivir dunha forma normal. Os estudosos afirman da existencia dun lavatorium, lugar para limpar corpo e alma antes de recibir a palabra.

image-2

Ao longo dos séculos este edificio xa contou con diversas obras e modificacións, ata que chegado o tempo das desamortizacións o claustro convértese en lugar de acuartelamento dos militares, que xa dan noticias do seu estado de ruína pedindo pola súa restauración.

Logo de que as funcións militares de este edificio se viran rematadas, e dando outro salto no tempo, chegamos aos tempos actuais (e que cen anos tampouco son tantos), cando visitando o lugar, nos atopamos que o estado do edificio non mellorou moito.

image-1

Para comezar dicir que a entrada principal está cortada ao público, polo que temos a obrigación de acceder por un lateral, ao lado do albergue de peregrinos, nunha zona na que cun cartel ben sinalizado nos fai a invitación oficial, feitas as presentacións oficiais, permitirase a entrada ao claustro, unicamente, e dicimos unicamente porque é o unico lugar ao que se terá acceso; o resto? Todo en obras, a maioría do lugar carece de cuberta deixando que os elementos actúen sobre a pedra e o resto de materiais que poidan existir, obviamente as fiestras carecen de nada máis que o oco onde se supoñen que habería algo noutro tempo, e o que podería ser unha viaxe a través do tempo nun convento secular transfórmase nunha vista de andamios e cubertas a medio colocar.

image

Todo isto pode resultar vantaxoso pensarán os lectores do presente texto, se non fóra porque no ano 2012 xa se destinaron nada menos que 177.000€ para a rehabilitación deste edificio. Aínda así, parece que hai boas noticias, no mes de setembro de este ano Xunta e Concello firmaron un convenio para a musealización do lugar facendo un edificio de tres plantas e cunha inversión de 1.5 millóns de euros, obras que comezarían entre este ano e o 2017, mentres tanto, agardemos.

Autor: Daniel Luis Otero

Para saber máis do lugar:

O Convento de San Francisco de Ourense. Dolores Fraga Sampedro e Francisco Fariña Busto, Fundación Caixa Galicia.

LA FIESTA: DE HEMINGWAY A CHICK COREA

Xa era tempo de volver facer un artigo deses que teñen un toque de gracia, de ironía ou incluso un algo de esperpéntico para a seriedade que conforma e rexe a nosa sociedade presente, na  cal o humor se atopa cun muro de autocensura co que se esnafra irremisiblemente; en definitiva, a idea era voltar a dar un toque festivo o texto escrito.

A necesidade de facelo así xorde trala escoita dun tema musical nunha recepción, pola altura de 1980 en Polonia, dun autor chamado Chick Corea, ó mesmo tempo que observando un estante nutrido de libros, non moi lonxe da estancia na cal contemplaba dito documento, puiden ver un deles  titulado Fiesta de Ernest Hemingway. Pensei que existía unha ponte marabillosa entre ambos mundos, o da literatura e a música, arrexuntado en tantas ocasións da man dos chamados cantautores. E aínda se podía acabar de redondear o tema pensando no mundo do audiovisual, e a miña mente, recuperando unha conversa “callejera,” rememorou un filme que xa ten os seus anos, titulado, igualmente, La Fiesta.

Semella pertencer a un patrón moi hispano e algo que o mundo latino sabe explotar ata uns límites insospeitados, pero que dúbida cabe que a festa é algo universal, que en calquera parte do mundo saben valorar, aínda que segundo a cultura e o rango de idade a festa derivará por uns derroteiros ou por outros. Para Hemingway, parecía ser válida a consideración de festa as corridas acaecidas no tempo de San Fermín, e a verdade é que non sei como serían por aqueles tempos, pero sendo minimamente parecido ó de hoxe o desfase estaba asegurado. Nunha das miñas estadías en Iruña coincidindo con esta festividade, un oriúndo da zona comentaba que nesas datas ata nas zapaterías che vendían alcohol.

9788497597937
Portada de «Fiesta»

Alcohol, parece ser outro dos elementos claves para poder levar a cabo unha boa festa, e na película mencionada arriba isto semellaba estar claro para todos os participantes, incluso empregando algunha dose de outras sustancias para facer a cousa máis amena. É así, que unha das escenas nos deixa claro que para animar a perforarse unha parte do corpo, non hai tamén á súa vez mellor anestesia que o emprego do noso amigo embriagador. Non obstante, os berros emitidos polo que estaba sendo furado, non puideron ser evitados, facendo pensar ó seu compañeiro de piso que en realidade, mais ca unha perforación, estaba tendo lugar unha penetración por un lugar pouco axeitado (aqueles que puideran ver a película seguro que xa saben ben a que escena se fai referencia).

Recapitulando entón, touradas e alcohol parecen ser a clave para a consecución dunha boa festa. Que podería faltar logo? Quizais animarse cun disfrace… Pois nada. Dito e feito. No disco My Spanish Heart o señor Chick Corea anímase a presentarse na portada do mesmo cunha especie de traxe de luces. O estilo que se traballaba era o coñecido como jazz fussion, e loxicamente combinaba polo tanto estilos clásicos hispanos co mesmísimo jazz. E como non podería ser doutra maneira, un dos temas titulábase tal que “La fiesta.”

E como dirían os de SKA-P, saquemos algo en claro desta merda de canción, neste caso “cutreartigo.” A pesares da infinidade de culturas que existen o longo e ancho do planeta, hai unha serie de elementos que nos son comúns a todos, e na festa e a diversión está claro que hai moitas cousas que nos unen. Exemplo delo son as personalidades dispares que aquí se mencionaron para tratar este tema, no que ambos lle acabaron dando o mesmo sesgo en campos e tempos diferentes.

Autor: David Conde Seoane

Imaxe Principal: Portada do disco «My Spanish Heart» de Chick Corea