Todas las entradas por ORBALLO

Revista Cultural da cidade de Ourense de contido cultural e social,

A mítica festa do boi

Arriba o boi!

Boi02

Esta semana xentes de todos os recunchos de Galicia, e de parte do estranxeiro, acoden á vila de Allariz á celebración da Festa do Boi. Durante as festas  os bois corren polas rúas da poboación tras dos corredores que proban a súa coraxe (moitos reforzárona previamente con valor líquido) correndo diante do animal. Seguro que moitos de vós fostes algún ano ao Boi pero, cantos sabedes como xurdíu esta celebración? Se ti es de Allariz seguro que xa o sabes, os demais debedes seguir lendo.

Parece ser que as orixes da festa remóntanse á Idade Media, concretamente ao século XIV, hai dúas lendas que fan referencia a isto, as dúas falan de feitos diferentes pero teñen coma nexo de unión o mesmo protagonista, o cabaleiro Xan de Arzúa.

A primeira lenda conta que  en Allariz estaba prohibido entrar a cabalo, por un privilexio do que gozaba o burgo, un día Xan de Arzúa quixo entrar na vila montado no seu cabalo pero os gardas da porta impedíronllo, amolado o xinete baixou do seu corcel e foi coller un boi que pacía preto de alí, acto seguido montou nel  e cruzou as portas  percorrendo a vila ata o convento. Para conmemorar este feito de astucia, Xan de Arzúa entregoulle moitas terras a Allariz para que os veciños celebrasen tódolos anos un feito idéntico, mais desta vez en troques do cabaleiro colócase un boneco enriba do boi.

A outra historia recorda a convivencia entre xudeus e cristiáns na poboación do Arnoia. Allariz tiña unha das comunidades hebreas máis importantes de Galicia, conta a tradición que durante as procesións do Corpus os xudeus burlábanse dos cristiáns, producíndose moitas veces enfrontamentos violentos entrámbalas dúas  comunidades. Disque un ano un devoto cristián chamado Xan de Arzúa quixo rematar cas falcatruadas dos ismaelitas, polo que un ano durante a procesión apareceu montado nun boi có que arremeteu contra os burleiros, mentres os seus criados tirábanlles á cara cinza e formigas, tras estes actos non houbo máis enfrontamentos nin burlas durante o Corpus. O morrer Xan de Arzúa deixou moitas terras da súa facenda ós veciños, cá condición de que tódolos anos celebraran a festa dos bois.

A festa celebrouse dende o século XIV, sempre coincidindo cás celebracións do Corpus, sendo cancelada durante a Guerra Civil e recuperada polos mozos en 1983. Unha procesión recordar a fazaña de Xan de Arzúa (agora representado por un boneco que pendura toda a semana no edificio do concello) nela as xentes da vila vístense con roupas do medievo,  divídense nos distintos gremios e percorren as rúas acompañando ao boi e o “cabaleiro”.

Boi03

Xa sabedes! se este fin de semana acudides ao Boi xa podedes presumir diante dos vosos amigos que sabedes como comezou a festa, seguro que están desexando coñecela historia…

Redacción: David Sabucedo Cardero

Fotografía: Antón García


 

Para saber máis:

Lendas de Ourense.

Mosquera Pans, Miguel.

Ed.Cumio, Pontevedra, 2011.

 

Páxina Web: festadoboi

 

35 anos sen Bob Marley.

O 21 de maio de 1981 celebrábase o funeral de estado do mítico Bob Marley. Moitos foron os días que pasaron dende o seu paramento ata a celebración de dita ceremonia. Exactamente pasaran dez días. Posiblemente, era necesario gañar tempo para poder elaborar unha despedida á altura da figura á que se lle rendía tributo.

O que foi o seu funeral, foi un espectáculo digno de mención, e aínda pode ser que o atributo “espectáculo” se quede escaso, xa que os medios despregados puideran ser o propios dun macrofestival dos nosos tempos. Os seus músicos, aqueles que o acompañaran en vida, e os seus fillos, foron partícipes dun concerto/funeral ateigado de xente, no cal imitaban os movementos do artista finado con gran algarabía, coma se o seu espírito repousase xa sobre os seus vástagos, cousa que para moitos dos seus seguidores significaba a evidente manipulación por parte da discográfica, para crear un icono que supuxese o inicio dun autor superventas.

A filmografía existente retrata o desacougo que supuxo na illa tal acontecemento, pois a cercanía que amosaba para coas súas xentes Bob Marley non era merecedora, dende logo, de ser un acto pasivo. A imaxe dun home levando as mans á cabeza e case caendo, é algo que impacta a quen o visualiza, e significa unha pequena mostra do que representaba para os seus conxéneres.

O icono Marley colocou unha illa irrelevante no marco da política mundial, un lugar que non ocuparía de non estar ligada ó artista. Jamaica apareceu cómo o berce dun estilo que nos anos 70 comezaría a copar diversos medios musicais a nivel mundial. O Terceiro Mundo éranos achegado a través dun ritmo antillano que causaba furor entre gran parte da xuventude do planeta, e a partires dese facho acendido, dese pequeno foquiño que intentaba alumear un mundo sumido no caos e a desesperanza, a cousa comezouse a difuminar dunha maneira estrepitosa.

Dise que no seu leito de morte, Bob lle dixo ó seu fillo Ziggy que o diñeiro nunca serviría para comprar as persoas. Un home, que nas súas letras propagaba amor e xustiza para os oprimidos (cousa que en verdade chocaba un pouco coa súa adoración a Haile Selassie I), que daba de comer a máis de 4000 persoas necesitadas, que atendía a todo aquel que solicitase a súa axuda e que levou o gueto a zonas exclusivas, o que quedou para o consumidor occidental, que el chamaría de Babilonia, foi a imaxe dun tipo que fumaba porros e levaba rastas, e por iso era un tío molón ou un perturbado, en función de quen fose xulgado.

Moitos din que perdemos posibles grandes cancións coa súa ausencia, mais o probable é que, a día de hoxe non fixera cancións, porque a súa idea era a de retirarse a África, un lugar que el definía cómo o suficientemente grande cómo para vivir nel, e levar unha vida contemplativa, cumprindo en rigor os preceptos do rastafarismo. E posiblemente, se retorcería de ira, por ver cómo a súa figura era lapidada  por productores e consumidores dun producto que nunca tivo a intención de vender, pois a paz e o amor non son algo que se poida mercar, senon que son conceptos que hai que traballar dende, cómo el quería transmitir co seu último disco editado en vida, a concienciación. Mágoa, porque estea donde estea, para el, seguramente, será unha gran decepción.

David Conde Seoane