Todas las entradas por ORBALLO

Revista Cultural da cidade de Ourense de contido cultural e social,

David Quintas

Reconozcamos en la música la amante más constante en nuestro tiempo, que se desvía y desvaría cada día en función de su momento.

Juan Ignacio Pardo Súarez

 

As palabras expresadas enriba, que pertencen a unha canción que pretendía facer unha homenaxe á música, son o perfecto encabezamento para relatar a perspectiva adoptada polo noso entrevistado, o cal se soubo mover perfectamente polas diversas ponlas desa árbore que representa a música. No barrio da Carballeira, en Ourense, no baixo dunha casa, creou pouco a pouco, ao longo de varios anos, un espazo entrañable e acolledor, no cal realizamos a entrevista, xa que non hai nada cómo intentar percibir o que artista nos quere relatar, dentro do espectacular marco que ofrece o seu lugar de traballo.

20160418_194819
Fotografía: Andrea Pérez Justo

O nome que recibe o estudo de gravación no que nos atopamos esa tarde apacible, na cal catro persoas das que compomos este proxecto cultural mantivemos unha charla bastante coloquial con David Quintas,  é o de Xílgaro estudios, que se atopa precisamente na rúa do Xílgaro, e que se atopa rodeado de vasta vexetación, ao cal se pode acceder a través dun camiño un tanto estreito, se o que se pretende é circular por el con coches. Ese tipo de acceso, tamén lle confire algo máxico ao lugar, ao igual que a finca que se atopa na parte traseira da casa.

Ao pouco de comezar a entrevista, achegáronse por alí unha serie de músicos, que non eran outros que os Guezos. A actividade neste espazo é frenética, e dende logo cando pululan certas personalidades por alí, a atmósfera transfórmase dunha maneira especial. O son das melodías que ensaiaban, non ofuscaban para nada as verbas de David, senon que parecían querer reafirmar o que nos intentaba transmitir: “estamos interferidos,” comentou en máis dunha ocasión, coma se fose unha idea de valores que se foron perdendo na sociedade actual, e falounos das ansias que existían antano nas xentes por reunirse para tocar, escoitar discos enteiros para adquirir a panorámica conceptual que agochaban… A idea que transmitía, en definitiva, era que había una algo da esencia que rodeou a música de sempre, que se estaba a perder en función dos avances tecnolóxicos, e desaparecía ese vínculo comunicativo que en tempos pretéritos era moito máis intenso.

IMG_6386
Fotografía: Lucía Camba

No eido da producción comentounos que estaba a traballar cunha rapaza á que lle veía moitas posibilidades, que tan só conta con dezaoito anos, e que resulta ser unha persoa que domina o terreo no que se move, cun gran rexistro, xa que cómo el mesmo nos contaba, xunta “talento, personalidade, idea de música e coñece a xente coma Billie Holiday.” Afirmou que incluso había un par de discográficas detrás dela, unha radicada en Vigo e outra en Barcelona, cousa digna de admirar nos tempos que corren.

IMG_6398
Fotografía: Lucía Camba

Tamén mantivemos un debate interesante sobre cómo avanzaba a idea musical hoxe, e derroteiros podería seguir o camiño do éxito, ou máis ben, aínda que podería ir ligado, do innovador. No seu estudo hai traballados registrados neste eido, que poden estar representados por grupos cómo Avecrem, que son simplemente un guitarra e un batería, e dos cales nos ensinou un vinilo que tiña alí gardado do que alí fora grabado. Púxonos algo deles, e son certamente resultaba bastante particular, mais non ao nivel das letras, que dende logo é o que semellaban darlle ese punto peculiar, pois eran de signo humorísto. Falounos tamén de Uppercut, unha banda que grabou dunha maneira un tanto arriscada, xa que todo o que alí deixaron rexistrado, foi tocado en directo todos xuntos. A mistura de son tiña a particularidade, aparte, de que non era un todo homoxéneo, senon que podías intuír a colocación do grupo coma se estivese tocando nun escenario.

 A conversa seguiuse desenrolando dunha forma arbitraria, na cal se tocaron, nunca mellor dito, anécdotas acontecidas no lugar, de horas e horas para grabar moitas cousas e a moitos grupos que pasaron por alí, de moitas risas botadas, de improvisación de partes de temas, de colaboracións especiais entre músicos acontecidas case por casualidade, e sobre a necesidade de que os grupos sexan conscientes de que para poder grabar, e tocar cómo, só hai unha receita posible. Estudar, ensaiar e tocar, tocar e tocar.

20160418_211234
Fotografía: Andrea Pérez Justo

Cómo usuario do espazo, tanto na vertente de estudo cómo da finca (básicamente un desbroce, a verdade), teño que dicir que quedei encantado con poder vivir a experiencia de pasar horas nun lugar que foi creado coa intención de lograr unha certa conexión entre músicos e, en definitiva, entre seres humanos que comparten esa idea de que as ideas, son para compartir, xa que por moi bos músicos que nos creamos, sempre vamos poder aprender algo dos outros. Esta idea, podería ser culminada,con parte da  letra da canción que tamén encabezou este texto, e que contaba aquilo de: esta canción es un grito de mi reconciliación con mi etapa de conjuntos, tiempo de preparación, para tocar la guitarra y poder comunicar con tanta gente gemela en la forma de pensar.

David Conde Seoane

LrMobile3004-2016-111559549562514206
Fotografía: Andrea Pérez Justo

Deja Vu

“Quen non coñeza a súa historia está condenado a repetila”

Lupino non deixaba de dar voltas á habitación,  a cabeza non lle paraba, a situación empezaba a desbordalo e os incesantes ladridos nocturnos dos cans da cidade non axudaban a concilialo sono, unha e outra vez maldicía ao emperador por encomendarlle o asentamento deses malditos bárbaros…

No ano 376 d.C. á guerra contra os invasores hunos destruía o reino dos godos asentados na Escitia (na actual Ucraína), o que levou a moitas tribos desa nación a fuxir dos seus fogares. Esta masa de refuxiados buscou acubillo no seu veciño, o civilizado imperio romano. Tiñan o soño de que Roma, o antigo inimigo, lle concedese novas terras onde seguir cas súas vidas de campesiños en paz.  Os refuxiados godos, tras instalarse na marxe esquerda do Danubio (fronteira natural do Imperio), mandaron legados ó emperador de Valente (gobernador do Imperio Oriental) coas súas peticións. Os romanos aceptaron de inmediato xa que vían nestes novos amigos unha fonte de recrutas para  seu exército, mais tamén existía certa xenreira cara un pobo co que combateran no pasado, xentes “bárbaras” que non tiñan nin a mesma relixión ca eles (a maioría dos godos inda non eran cristiáns), algúns temeron que metían o lobo no curral das ovellas. O encargado de organizar o traslado e asentamento dos godos foi o xeneral Lupino, xefe do exército da rexión.

Europa no século IV

Os romanos mandaron barcas para que os inmigrantes cruzaran o Danubio, tal era a presa por deixar os perigos da súa banda do río que moitos godos tentaron cruzar a nado, perecendo no intento xunto con moitos outros que caían das abarrotadas embarcacións en plena marcha. Unha vez superado o cruce da fronteira as autoridades tentaron facer un censo de poboación, pero tal era a cantidade de xente que pronto a tarefa tornouse imposible. Os refuxiados foron instalados en campos de concentración e áreas de acollida, baixo a férrea vixilancia do exército, que non os deixaba moverse con liberdade.

Nos primeiros días nos campos a administración provincial enviaba  víveres, pero ao pouco tempo deixaron de facelo xa que non dispuñan de recursos suficientes. Isto trouxo unha gran fame á poboación alí internada, e coma sempre a máis ruín das castes humanas ve coma sacar proveito da desesperación. Os romanos comezaron a intercambiar carne por escravos, tal era a urxencia das familias por comer que entregaban os seus fillos á escravitude e prostituían as súas fillas, de onde sacaban esa carne os escravistas? Digamos que Lupino atopou unha solución para rematar cos ladridos nocturnos. Mentres isto sucedíalle aos godos instalados na “civilización”, outras moitas tribos daquel pobo chegaban a fronteira pedindo auxilio, pero Roma non llo concedeu, xa tiñan cubertas de sobra as súas necesidades.

godos-en-el-danubio
Ilustración: Angus McBride

Ante esta situación de fame negra, os líderes godos decidiron acudir á cidade a reunirse co gobernador, seguidos de gran parte do seus paisanos  que esperaban poder comprar comida no mercado. Unha vez chegados a Marcianópolis (cidade onde residía Lupino) o exército impediu a entrada dos esfameados bárbaros,  a tensión acumulábase, as discusións entre estas xentes e os soldados desencadeou unha loita onde pereceron numerosos  romanos, unha rebelión dera comezo. Unha vez entraran no Imperio os inmigrantes tiñan que entregalas armas, mais xa fora por desidia dos funcionarios imperiais ou por negativa dos godos, estes non cumpriron co desarme. Tralo incidente das portas de Marcianópolis, Lupino marchou ao mando do seu exército a rematar ca revolta, mais os rebeledes combateron ca forza que lles daba a carraxe que tiñan polos seus mal anfitrións e derrotaron ao gobernador e os seus homes. Trala batalla os godos espalláronse polos Balcáns na procura de alimento. Coñecidos os feitos na capital oriental o emperador chamou ás lexións e dispúxose a rematar ca rebelión, o resultado da campaña foi o desastre da batalla de Adrianópolis, na que o mesmo césar Valente pereceu ca maioría dos seus soldados, os godos tiveran que conquistar con sangue o seu futuro, xa eran ceibos de ir buscar súa terra prometida, un lugar onde poder vivir en paz, mentres que Roma recibiu unha ferida mortal da que xamais se recuperaría.

Unha vez contado este triste, e en moitos aspectos noxento, capítulo da historia europea, non vos ven á memoria algún acontecemento dos nosos días? Agardemos que o desenlace sexa diferente, mais tamén é certo que o ser humano é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra.

David Sabucedo Cardero

Para saber máis:

La caída del imperio romano. Peter Header

Ed. Crítica, Barcelona, 2005.

 Bárbaros: Los godosCanal Historia