Todas las entradas por ORBALLO

Revista Cultural da cidade de Ourense de contido cultural e social,

Que pasa coa tv do Congreso?

Autora: Alba Reigada


Fachada, leóns, patio, pasillo, hemiciclo, escanos…

Este é o paseo natural para chegar a ver a principal sala onde se fai democracia (literalmente). Unha impresionante estancia na que están sentados 350 deputados e deputadas, máis o persoal da Cámara Baixa.

Pouco se fala deste persoal, e en xeral de todos e todas as que fan posible o funcionamento do Parlamento. Aqueles e aquelas que están detrás, que non se ven.

Algúns e algunhas mesmo están xusto por debaixo dos escanos. A pouca, pero suficiente profundidade para que os equipos electrónicos non se quenten, nos accesos ao parking. Non moita xente sabe que alí hai unha porta estilo búnker e detrás, está o que se coñece coma a tv do Congreso, ou o que é o mesmo: Canal Parlamento.

Captura
Redacción de Canal Parlamento no Congreso dos Deputados

Ninguén diría que baixo os escanos traballan 24 persoas para que todas as imaxes que vemos, de plenos, actos e comisións poidan saír ao mundo exterior.

Operador@s, redactor@s, editor@s…traballan na sombra, sen que case ninguén nos demos conta da importancia das súas funcións. Funcións que compren en condicións que están pedindo mellorar.

Quen leva a tv do Congreso?

Para comprender como funciona isto, compre entender primeiro quen o leva.

Este servizo audiovisual sae a concurso cada dous anos, prorrogables a dous máis. O mecanismo consiste en que varias produtoras presentan as súas propostas e é a mesa de contratación primeiro e a Mesa do Congreso en último caso a que elixe a que teña unha puntuación maior, que se divide en: oferta técnica e oferta económica.

Desde decembro de 2016 a tv do Parlamento retransmite o seu sinal a través de Mediatem, filial de Mediapro. Previamente o grupo xa fora adxudicatario do servizo entre 2005 e 2009.

Que reclaman os traballadores e traballadoras?

O 18 de abril deste ano, e despois dunha asemblea cos traballadores e traballadoras de Canal Parlamento, inícianse as negociacións ca empresa para un acordo.

No inicio destas negociacións, entregouse un borrador á empresa que se rexeitou, alegando razóns económicas pola partida económica do Congreso, á que inicialmente Mediatem puxara por debaixo.

O que reclaman é a equiparación das condicións laborais, é dicir, a igualdade entre traballadores novos e subrogados, e a subida salarial acorde aos salarios que teñen outras empresas do mesmo grupo (Mediapro), mesmos salarios e condicións por realizar as mesmas funcións.

Piden tamén unha actitude positiva por parte da empresa á hora de negociar, novas contratacións ou recoñecemento da “polivalencia”, e tickets de comida proporcionados.

A empresa: non responde a máis negociacións

Polo de agora, a empresa leva sen dar resposta de cara a seguir negociando dende o pasado 18 de xullo, cando se produciu a última comunicación.

Dende o 25 de xuño os traballadores e traballadoras de Canal Parlamento portan un lazo laranxa en sinal de protesta por esta situación.

ImaxePrincipal
Hemiciclo do Congreso dos Deputados

Suposta esquirolaxe e despidos

A empresa acumula varias causas dende que comezou a prestar servizo ao Congreso en decembro do 2016.

Unha delas é a denuncia por, supostamente trasladar persoal do Senado ao Congreso para cubrir os postos dos compañeiros e compañeiras que exerceran o seu dereito a folga o día 8 de marzo. A data do xuízo é o próximo día 13 de novembro. (NOTICIA EL DIARIO.ES )

Ese día, con motivo do Día Internacional da Muller, a axenda incluía un coloquio que (a pesar de estar en folga algúns compañeiros e compañeiras) se chegou a emitir, e que contou coa participación de mulleres de diferentes ámbitos da sociedade e portavoces de grupos parlamentarios. Presidindo o acto no Salón de Pasos Perdidos do Palacio, a presidenta da Cámara Baixa Ana Pastor.

Ademais, no que levan de ano acumulan un total de 3 despidos que se produciron o pasado 29 de maio, dous días antes de que os delegados sindicais se reuniran ca empresa para continuar coa negociación do acordo.

Máis recentemente, a empresa supostamente asegurara a continuidade a un traballador en Canal Parlamento, que se encontraba cun contrato de interinidade e que entrou cubrindo unha excedencia. Sen embargo, o 3 de setembro a empresa incorporou a outra compañeira para que entrara no seu posto. O día 13 deste mes foi o seu último día como traballador en Canal Parlamento.

En decembro deste ano a mesa de contratación, e, en último caso, a Mesa do Congreso terán a última palabra para ver se renova a Mediatem no servizo, ao cumprirse os dous anos da adxudicación, prorrogables a outros dous anos.

Esta situación de seguro é descoñecida para moitos e moitas, tamén a existencia dunha tele do Congreso e polo tanto, tamén a existencia das 24 persoas que traballan para que poidamos ver o pleno, as comisións, os actos.

Canal Parlamento, ascensor, planta cero, escaleiras, patio, leóns, fachada…

Este é o paseo natural para  saír da principal sala a través da que podemos ver como se fai democracia.

AS HORAS DIMINUTAS

 

“A memoria, onde se lle toque, doe”
Giorgios Seferis

 

Sabe a man pechada

do tacto

que é figura na memoria?

 

**

I

Baixo as miñas bágoas
xaz un corazón de can
que teme abandonos.

II

Entre as horas diminutas
ningunha conmove esta penumbra.

III

Un sospiro nasce e espeta contra o día.

Hai un intre no que a fatiga prevalez
e se teme o tempo.

IV

Aparentemente inzado
de rotinas,
descansa o irrevogable.

Que a súa fame de non falar escriba unha carta.
Pero de resplandor,
sen que amaneza.

V

Acompaño o pesadelo que coñezo e sei.
Gárdome da impotencia
ante a eficacia da dor.

VI

Eu quixen nadar no estremezo do instinto
pero cambia de lugar
coa brevidade do humano.

 

VII

Lembremos,
lembremos sen aviso
en que xeito fomos pasos entre as follas,
necesaria dor que repasara os vieiros.

 

(É escuramente delicada a memoria)

Amauta Castro

Fotografía : David Novoa