Archivo de la categoría: Arte

O xogo do valor

A nova proposta artística da moldava Natasha Lelenco exibiu en Ourense unha serie de impactantes pezas policromadas sobre madeira que acende o debate acerca da forma en que valoramos a arte

No tempo de Tarquinio, o Soberbio, cando Roma aínda era monarquía, había unha profetisa chamada  Sibila de Cumas que quixo venderlle ao rei uns nove libros que contiñan o seú coñecemento e sabedoría; mais Tarquinio rexeitou a oferta dicindo que o prezo parecíalle excesivo. Entón Sibila destruíu tres libros e voltou propoñendo o mesmo prezo e cando finalmente quedaron tan só tres libros, Tarquinio comprendeu que se trataba de algo moi valioso e pagou por eles o prezo dos nove. Estes libros serviron como libros de consulta para o Senado romano ata que o incendio do 83 a. C queimounos para sempre.

Natasha cóntanos este relato, quizáis antigo xerme do xogo do valor que pon de relieve coa súa exposición “Adopta a un Señor Importante”, onde a subasta non ten cabida, senón a adopción, coma adoptamos tódolos valores dos que facemos uso (ou non) ao longo da nosa vida. Por iso as pezas da exposición son tamén simple material combustible cuxo destino será a fogueira, coma o fato daqueles libros da antiga Roma, a non ser que algún de vos teña a ben adoptalas e salvalas da criba.

_MG_8636
«Adopta a un Señor Importante»/ Exposición en elcercano.com (Ourense)

“Todo está destinado a perecer e cando nos damos conta desta posibilidade de perda aprendemos a apreciar o valor das cousas. De igual xeito, os meus Señores (e Señoras) Importantes son seres que desprezaron no seu tempo o valor da vida cegados pola egolatría, avaricia ou outras obsesións. Por  outro lado son tamén obxectos: retratos combustibles expostos para seren valorados como pezas de arte ou simplemente… leña para arder.”

Que é se non a arte, mais que a adopción dun xeito particular de observar e valorar a realidade? As obras téñense valorado ao longo da historia polo seu contido plástico, polos personaxes representados ou polo autor que a firma (unha obra importante, unha persoa importante, un pintor importante), pero para chegar a prevalecer no tempo precisa dun contexto histórico e da asunción por gran parte da sociedade culta da súa relevancia… et voilá!, estamos diante dunha obra importante, das que marcan xéneros ou épocas, das que se fan miniaturas para os libros de texto e se expóñen nos grandes templos da arte, os museos. Unha obra é lenzo, pintura, creatividade e tempo; que represente máis que o que se atopa dentro do seu marco… iso xa é colleita propia: humanismo, abstracción.

“Non quero facer unha crítica ao mercado artístico porque non podo saír do contexto no que traballo, só quero plantexar unha reflexión.”

_MG_8639
«Adopta a un Señor Importante» Exposición en elcercano.com

Calquera dos conceptos básicos que definen unha obra adquiren reelevancia por unha forma concreta de valorar (á marxe do talento), hoxe en día por exemplo, dámoslle moito valor creativo a obxectos de ciclo rápido, perecedeiros: souvenirs do Tiger e pezas de Ikea conforman a identidade artística das nosas casas, pero xa non hai espazo para o arte xenuino. Tampouco é que a nosa casa sexa unha sala do TATE como para preocuparnos do que expoñemos nela, sen embargo grandes eventos coma ARCO, unha das feiras de Arte Contemporáneo máis importantes do mundo, poñen de relevo a crecente industrialización dun mercado multimillonario, que na súa vertente máis contemporánea e nun proceso de producción masivo e global, quizáis está perdendo valor. E quizáis tamén por iso as limpadoras acaban tirando có arte, non disparen todavía, foi un erro que cometeu realizando o seu oficio, confundiu a obra con lixo. Non serei eu quen opine sobre o valor da peza confundida, diso xa se encarga un “mecenas” a golpe de talonario, e aposto que a traballadora precisaría moitos anos de arte hixienizadora para acadar o que costou esa obra de arte que pretendía tirar coma se nada, sacrilexio?

Á marxe do mercado, Natasha tenta representar nas súas pezas a vanidade e a soberbia. Econtrámonos cunha serie de retratos dun incríble colorido (casi fluorescentes) que enlazan cun mundo onírico, de soño ou de conto, utilizando de forma invertida o simbolismo superasumido das cores. Os señores e señoras importantes poderían ser personaxe históricos, un retrato dende a magnicidade e a opulencia, podería ser a imaxe que temos de nós mesmos e dos nosos coetáneos; o retrato máis famoso, e o máis sobrevalorado; a persoa máis querida e a máis odiada; un guía espiritual ou un cantamañás ben rodeado.

“O funcionamento histórico é o eixo da obra, o coñecemento fraccionado e dirixido, a diferenza entre uns, e outros.”

Natasha é unha muller sinxela e sen grandes pretensións que naceu baixo o paraugas da URSS. De pequena facía moitos esforzos para ir á escola, alí xa pintaba e encargábanlle as manualidades porque era moi xeitosa. As circunstancias fixeron que coincidira no espazo cunha das mellores escolas de Chisinau onde estudou distintas disciplinas artísticas e onde coñeceu o coro ¨Lia- Ciocârlia¨ (A laverca que canta) unha das experiencias que máis a marcou, xa que grazas ao seu profesor e posterior titor que puido dedicarse a arte, que asegura, lle salvou a vida.

“As pezas que queden sen adoptar arderán na fogueira de San Xoán, que é unha cerimonia máis na que se valora o que se perde nun rito aprehendido. Como tantas obras desaparecerán e só quedará a súa pegada nos arquivos”.

Como parte final de este proxecto Natasha abrirá un crowdfunding para realizar un libro ilustrado sobre os señores e señoras importantes, así, dalgunha maneira e aínda que algúns xa non existan, quedará rexistro deles. Mentres a exposición continuará en semana santa no estudo no que traballa Natasha, a Casa das Peritas.

_MG_8640
«Adopta a un señor importante» /Exposición de elcercano.com

La Feretería Lugo. Dende 19 de abril ata 10 de maio.

Os Catro Gatos, Espazo para o Arte, Santiago de Compostela. Dende 20 de maio ata 21 de xuño.

Finalmente, o 22 de xuño en Mallas terás a última oportunidade para salvar as pezas sen adoptar da fogueira de San Xoán, polo de agora, 14 xa se libraron da criba. Cántas arderán?

Autor: Roberto Nespereira Pereira

Fotografía: Cris Armadanzas

 

Deseño con selo ourensán

Visitamos Basquiart, un concepto distinto de tenda que xa está ben arraigado nas grandes urbes, e que fai tempo empeza a poboar o ecosistema cormercial ourensán e galego

Dende fai aproximadamente un ano, e recorrendo a cidade, podemos notar un aumento dun tipo de tendas un tanto distintas, primordialmente no núcleo cultural da urbe, o casco vello. Con escaparates singulares e un coidado interiorismo, estas centrais do deseño e da cultura coñécense nas grandes cidades como gallery shops (tendas galería), onde xa levan ben tempo formando parte imprescindible da súa oferta comercial. Agora estas tendas, aglutinadoras de novos artistas e deseñadores, chegan a Ourense e Galicia.

_MG_6726

Camiñamos pola rúa Colón e case ao final, facendo esquina entre o centro de Iniciativas Empresariais e o Pequeno París, atópase un verdadeiro descubrimento, Basquiart. Dentro agárdanos a voz de James Brown cantando “this is a man´s world” e aínda que o que nos recibe é un home, Abraham Caride, artífice deste espazo, aquí tamén hai moito traballos de mulleres coma non podía ser doutro modo: pezas de artesanía e souvenirs de deseñadoras autóctonas, parches retro, materiais de pintura, libros de bolsillo, axendas de Castelao e Rosalía, unha zona para exposicións… na tenda respírase espíritu galego con vocación universal, quizáis “Dende Galicia para o mundo” inspirou máis a toda unha xeración do que podemos imaxinar.

_MG_6761
Abraham Caride na porta de Basquiart

“Comencei facendo traballos de ilustración, encargos de cadros e retratos, tamén graffiti, facía un traballo freelance en xeral”

Falamos con Abraham para coñecer un pouco da historia trala tenda, e explícanos que estudou Deseño e Ilustración na FAILDE pero a vocación emprendedora sempre estivo na súa xenética, polo que a idea de montar o seu propio negocio rondáballe xa antes de rematar os seus estudos. Abraham fixo prácticas nunha imprenta pero ese non era o seu soño polo que comezou a buscar clientes.

“Quería aproveitar o espazo. A tenda da para manterse e compenso cos encargos que teño como deseñador pero quería ter un lugar onde expór o traballo doutros artistas e artesáns, que a xente poida ver os seus productos”

Abraham pecha algunhas mañás para atender aos seus clientes facendo Basquiart as veces de oficina/estudo de deseño, pero o seu gusto pola calidade estética e artística impulsouno a materializar finalmente un espazo deste estilo, unha gallery shop. Entre os seus vendedores están: Cestola na Cachola, Andrea Gurumis, Mágicos Gagarin, Iria Prol, Xira Lúa… xente que está a vender xa incluso a nivel internacional pero tense que abrir paso a empurróns aquí en Galicia.

Rematamos de falar con Abraham e coméntanos que a súa predilección é o muralismo polo que lle ofreceu ao Concello reiteradamente embelecer fachadas deterioradas da zona vella gratuitamente, pero decidiron declinar a súa propósta. O seu esforzo está centrado na expresión cultural en tódalas súas formas.

_MG_6728

“Estou aberto a colaborar con todo o mundo por iso acollo exposicións e ata concertos, no campo da arte non hai nada escrito e os gustos da xente son moi diversos, por iso trato de ofrecer un abanico amplo”

Quedamos un rato na tenda porque é imposibel saír sen curiosealo todo, eu merco un parche de Mars Attacks e un par de artículos para regalar, agardando que tanto Basquiart como todos os novos artistas que aquí se expoñen non se convirtan en extraterrestres na súa terra, senón máis ben, en embaixadores dela.

Autor: Roberto Nespereira Pereira

Fotografía: Cris Armadanzas