Archivo de la categoría: Arte

O convento de San Francisco de Ourense, lugar olvidado

“Se estiveramos en Roma, teríamos cola ata o auditorio” comenteille a miña acompañante na visita ao Claustro de San Francisco en Ourense, un edificio de grande beleza artística prácticamente no corazón da cidade. A nosa sorpresa comeza no intre de subir os primeiros escalóns para acceder ao mesmo.

Para pornos un pouco en tesitura, comentaremos un pouco de que estamos falando: O Convento de San Francisco constrúese no século XIV, a pesares de ser unha orde que predica a pobreza, o edificio non carece duns detalles e dunha beleza moi grande para os amantes deste tipo de lugares; unha xoia do románico-gótico de grandes dimensión que conta cun claustro moi detallado, columnas dobres e capiteis decorados, onde nos podemos atopar dende figuras vexetais ata batallas de homes con criaturas míticas ou dragóns; ademais contaba con varios pisos e dependencias que facían que os que alí habitaran tiveran dabondo para vivir dunha forma normal. Os estudosos afirman da existencia dun lavatorium, lugar para limpar corpo e alma antes de recibir a palabra.

image-2

Ao longo dos séculos este edificio xa contou con diversas obras e modificacións, ata que chegado o tempo das desamortizacións o claustro convértese en lugar de acuartelamento dos militares, que xa dan noticias do seu estado de ruína pedindo pola súa restauración.

Logo de que as funcións militares de este edificio se viran rematadas, e dando outro salto no tempo, chegamos aos tempos actuais (e que cen anos tampouco son tantos), cando visitando o lugar, nos atopamos que o estado do edificio non mellorou moito.

image-1

Para comezar dicir que a entrada principal está cortada ao público, polo que temos a obrigación de acceder por un lateral, ao lado do albergue de peregrinos, nunha zona na que cun cartel ben sinalizado nos fai a invitación oficial, feitas as presentacións oficiais, permitirase a entrada ao claustro, unicamente, e dicimos unicamente porque é o unico lugar ao que se terá acceso; o resto? Todo en obras, a maioría do lugar carece de cuberta deixando que os elementos actúen sobre a pedra e o resto de materiais que poidan existir, obviamente as fiestras carecen de nada máis que o oco onde se supoñen que habería algo noutro tempo, e o que podería ser unha viaxe a través do tempo nun convento secular transfórmase nunha vista de andamios e cubertas a medio colocar.

image

Todo isto pode resultar vantaxoso pensarán os lectores do presente texto, se non fóra porque no ano 2012 xa se destinaron nada menos que 177.000€ para a rehabilitación deste edificio. Aínda así, parece que hai boas noticias, no mes de setembro de este ano Xunta e Concello firmaron un convenio para a musealización do lugar facendo un edificio de tres plantas e cunha inversión de 1.5 millóns de euros, obras que comezarían entre este ano e o 2017, mentres tanto, agardemos.

Autor: Daniel Luis Otero

Para saber máis do lugar:

O Convento de San Francisco de Ourense. Dolores Fraga Sampedro e Francisco Fariña Busto, Fundación Caixa Galicia.

MAYTE DIZ NEIRA, UNHA ARTISTA CERCANA

Nun día indeterminado, un encontro interesante tivo lugar en El Cercano. Un de tantos seguramente, mais nesta ocasión ía ser un algo que deixaría pegada, representada polo feito de que a obra da artista impregnaría o lugar a través da súa exposición pictórica. Existe unha compoñente a maiores, xa que a propietaria da obra queima parte do seu tempo no propio lugar. Unha pequena explicación do que foi o seu traballo, que viría a significar a “inauguración oficial,” daba paso a unha conversa con parte dos integrantes do proxecto para o que aquí se escribe.

thumbnail_rodriguez_iago-1
Mayte Diz Neira

Na súa obra está moi presente a temática musical, xa que é unha cousa que sinte moi viva no seu presente, pois a súa forma de traballar é conceptual, polo que sempre fai unha serie de pinturas que van estar encadeadas por un nexo temático. Unha das súas ideas á hora de representar estes músicos, era baixalos á terra para o gran público, xa que debido á correcta técnica no seu campo de traballo, tiñan a consideración de deuses polos seus fans. A idea principal, por tanto, era que non semellaran seres inalcanzables e que tamén tiñan as súas imperfeccións.

Intereseime por se presentaba gusto polo retrato na pintura, pero asegurou que era un apartado que non lle chamaba demasiado, polo feito de que cando alguén lle solicitaba unha copia do seu ser, quería que fose literalmente iso: unha copia. Para traballar con ese concepto, aquel que pide un retrato pictórico debería ser consciente de que para iso xa existe a fotografía, e polo tanto non ía no carácter do retratista pictórico facer un calco exacto da realidade, senón que se xoga con exteriorizar ou esaxerar certos aspectos, que nunha primeira vista poden ser imperceptibles. Un retrato realista, por outra banda, é unha cousa que esixe perfección de traballo en cada trazo, para representar todos os rasgos con exactitude.

No transcurso da conversa saíu a relucir o feito da falta de unión entre artistas. Ela, como muller que fixo os seus estudos a través da carreira de Belas Artes, non lle daba demasiada importancia ó feito academicista, e por iso non comprendía que non houbese máis intercambios en espazos de reunión e faladoiro. Os anos académicos comentábaos con certa nostalxia, pero sempre moi enteira para comentar que cada época ten a súa cousa.

thumbnail_rodriguez_iago
A autora ca súa obra exposta en El Cercano.

En canto a posibilidade de vivir da pintura, cousa que tamén quixemos sacar a relucir, afirmou que era algo que contemplaba como moi complicado. Hai moita competencia, pois hai xente realmente boa. Poderiamos engadir outra cousa. Quizais en moitos casos, a pintura sexa unha arte desagradecida nese aspecto, porque moitos autores e obras gañan grandeza unha vez finados. Desfrutemos e agradezamos, pois, agora que aínda podemos, desta obra e de poder charlar coa súa autora.

Redacción: David Conde Seoane

Fotografía: Iago Rodríguez Cortón