Nun día indeterminado, un encontro interesante tivo lugar en El Cercano. Un de tantos seguramente, mais nesta ocasión ía ser un algo que deixaría pegada, representada polo feito de que a obra da artista impregnaría o lugar a través da súa exposición pictórica. Existe unha compoñente a maiores, xa que a propietaria da obra queima parte do seu tempo no propio lugar. Unha pequena explicación do que foi o seu traballo, que viría a significar a “inauguración oficial,” daba paso a unha conversa con parte dos integrantes do proxecto para o que aquí se escribe.

Na súa obra está moi presente a temática musical, xa que é unha cousa que sinte moi viva no seu presente, pois a súa forma de traballar é conceptual, polo que sempre fai unha serie de pinturas que van estar encadeadas por un nexo temático. Unha das súas ideas á hora de representar estes músicos, era baixalos á terra para o gran público, xa que debido á correcta técnica no seu campo de traballo, tiñan a consideración de deuses polos seus fans. A idea principal, por tanto, era que non semellaran seres inalcanzables e que tamén tiñan as súas imperfeccións.
Intereseime por se presentaba gusto polo retrato na pintura, pero asegurou que era un apartado que non lle chamaba demasiado, polo feito de que cando alguén lle solicitaba unha copia do seu ser, quería que fose literalmente iso: unha copia. Para traballar con ese concepto, aquel que pide un retrato pictórico debería ser consciente de que para iso xa existe a fotografía, e polo tanto non ía no carácter do retratista pictórico facer un calco exacto da realidade, senón que se xoga con exteriorizar ou esaxerar certos aspectos, que nunha primeira vista poden ser imperceptibles. Un retrato realista, por outra banda, é unha cousa que esixe perfección de traballo en cada trazo, para representar todos os rasgos con exactitude.
No transcurso da conversa saíu a relucir o feito da falta de unión entre artistas. Ela, como muller que fixo os seus estudos a través da carreira de Belas Artes, non lle daba demasiada importancia ó feito academicista, e por iso non comprendía que non houbese máis intercambios en espazos de reunión e faladoiro. Os anos académicos comentábaos con certa nostalxia, pero sempre moi enteira para comentar que cada época ten a súa cousa.

En canto a posibilidade de vivir da pintura, cousa que tamén quixemos sacar a relucir, afirmou que era algo que contemplaba como moi complicado. Hai moita competencia, pois hai xente realmente boa. Poderiamos engadir outra cousa. Quizais en moitos casos, a pintura sexa unha arte desagradecida nese aspecto, porque moitos autores e obras gañan grandeza unha vez finados. Desfrutemos e agradezamos, pois, agora que aínda podemos, desta obra e de poder charlar coa súa autora.
Redacción: David Conde Seoane
Fotografía: Iago Rodríguez Cortón
Un comentario en “MAYTE DIZ NEIRA, UNHA ARTISTA CERCANA”