Archivo de la categoría: Artigos históricos

VIKINGS EN GALICIA

Os fillos de Ragnar Lothbrok atacan Compostela

Autor: David Sabucedo


Na serie de televisión Vikings nárranse as aventuras do lendario rei viquingo Ragnar Lothbrok e seus “cachorros”, alcume que este caudillo nórdico dáballe aos seus fillos. A serie céntrase nas campañas que os escandinavos fixeron en terras británicas e galas, mais, sabías que os fillos de Ragnar tamén atacaron Galicia?

A Odisea de Björn Ragnarsson “Costado de Ferro”

“No seu tempo os normandos viñeron de novo as costas de Galicia”

(Crónica Albetense)

Corría o ano 858 cando unha flota viquinga que atacara as costas de Francia chegou á Península Ibérica, reinaba naqueles tempos en Oviedo Ordoño I. Ao mando dos cen navíos que a compuñan estaban os fillos de Ragnar Lothbrok, Bjorn (o que chamaban Pel ou Costado de Ferro porque na batalla non había quen o ferira) e Hasting Ragnarsson (este último aínda que non sae en Vikings si ten aparición en The Last Kingdom), o motivo da visita ó noso país era saquear Santiago de Compostela, cidade que xa por aquel tempo tiña fama en toda Europa de ser un lugar cheo de riquezas.

Ordono1of_Asturias
Ordoño I (Wikipedia)

A frota viquinga dirixiuse á ría de Arousa e presentouse no porto de Iria Flavia, que os nórdicos atoparon abandonada polos seus habitantes que acudiran a refuxiarse en Compostela. Tralo saco da sede iriense avanzaron cara Santiago e puxeron sitio á cidade do Apóstolo, onde os veciños tiveron que pagar un rescate para evitar que correra a mesma sorte que Iria. Mais unha vez feito o pago os viquingos non cumpriron o trato e tentaron entrar, foi nese momento cando un exército cristián ó mando do conde Pedro presentouse no lugar e derrotou en batalla ós invasores. Bjorn e Hasteing lograron fuxir, mais as baixas en homes e barcos foron importantes (perderon unhas trinta embarcacións), e puxeron rumbo ás costas de España.

“Dirixíronse logo a España, e devastaron toda a súa zona marítima saqueando a espada e lume” (Crónica Rotense)

Unha vez nas costas de España (naquel tempo tiña esta denominación a España musulmá, e o reino cristián tiña o nome de Galicia) saquearon Lisboa, onde “fixeron moitas mortes”, Alxeciras (cidade cuxo ataque sae na serie) e Asila, xa no norte de África. Parece ser que en Niebla tiveron un encontro cun exército musulmán que os volveu a derrotar. Tras estes ataques cruzaron o Estreito e chegaron o Mar Mediterráneo. Os seguintes obxectivos dos nórdicos sería a cidade norte-africana de Nekor, a levantina Orihula e as illas Baleares.

sensacine
Fotograma da serie Vikings. Björn no centro da imaxe. (sensacine)

Tras pasalo inverno en Francia, onde saquean numerosos enclaves, diríxense a Italia onde terá lugar un episodio que creará o mito de Bjorn “Costado de Ferro”. Parece ser que o destino central desta campaña dos fillos de Ragnar no Mediterráneo era Roma, cabeza da cristiandade, mais os normandos confundírona ca cidade de Luni, que posuía grandes murallas e numerosas igrexas. Véndose incapaz de tomala por asalto o caudillo viquingo viuse obrigado a tirar de astucia: finxiu a súa morte e mandou emisarios á urbe dicindo que antes de falecer convertérase ó cristianismo e quería ser enterrado en sagrado, o bispo aceptou e permitiu que uns poucos escandinavos traspasasen os muros portando o ataúde do seu xefe; unha vez dentro da igrexa, e en plena cerimonia, o “morto resucitou” e, tras saír da caixa, asasina o bispo mentres seus homes abren as portas das murallas permitindo entrar o resto da tropa que saquea Luni. Disque Bjorn gardou a cabeza do bispo pensando que era a do mesmo Papa. Na serie é seu pai, Ragnar, quen emprega a mesma estrataxema para tomar París.

Ataques vikingos en la península ibérica y el Mediterráneo documentalium
Mapa das incursións de Björn e Hasting (Documentalium)

“Despois de chegados a Grecia, logo de tres anos volveron a súa patria” (Cronicón Sebastiani)

 

Wikinger
Frota viquinga s.IX (Wikipedia)

Parece ser que a expedición continuou cara Grecia e incluso Exipto, na serie de televisión faise referencia ós contactos de Bjorn co mundo bizantino e árabe, pero a día de hoxe ponse en dúbida que chegaran tan o leste. Segundo ás crónicas ao cabo de tres anos de odisea volveron o seu lar, pero antes tiveron tempo de parar unha última vez na Península Ibérica. Desta volta tocoulle ao Reino de Pamplona, onde segundo contan os cronistas musulmáns chegaron cos barcos ó “pé do reino” (é posible que remontaran o Ebro) e secuestraron o rei García Iníguez, polo que obtiveron un rescate de 70000 dinares. No 862 os restos da flota estaban de volta nas costas atlánticas francesas, das cen naves só chegaron vinte, cargadas cun rico botín.

 

Vikings en Galicia

No ano 2015 o arqueólogo da Universidade de Uppsala Neil Price veu a Galicia, cun equipo de rodaxe, na procura das pegadas dos fillos de Ragnar na nosa terra para a grabación do documental “Vikingos: Ao descuberto”, emitido pola canle TNT a vez que a serie para contextualizar o mundo de Ragnar Lothbrok. Price foi asesorado polo investigador galego Manuel Gago e a historiado Irene García, canda eles visitaron a basílica de San Martiño de Mondoñedo, as Torres do Oeste (Catoira) ou a Torre dos Mouros (Carnota), unha fortaleza datada entre os séculos VIII-IX. Un dos lugares ó que acudiron foi o xacemento de Os Moutillos (O Vicedo), onde se cre que houbo un asentamento nórdico e apareceron restos de pedernal, que poido ser lastre dos barcos que os viquingos deixaron na costa para embarcar os tesouros roubados, e unha áncora de pedra que poido pertencer a unha destas embarcacións.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Os Moutillos, O Vicedo (historiadegalicia.gal)

Para Price “o que hai de distinto nas incursións viquingas en España é a resistencia que se atopan, que é moito máis intensa, moito mellor coordinada e máis eficaz que a que estaban afeitos”. A mesma sede compostelá é unha lembranza da campaña dos fillos de Ragnar en Galicia, xa que antes da súa chegada a cabeza do bispado estaba en Iria Flavia, e vendo a debilidade que esta presentaba o estar tan preto do mar o rei Ordoño I pídelle permiso o Papa para trasladala a Compostela.

Anaco do documental Vikingos: Al descubierto

 


 

Para saber máis:

-Morales Romero, Eduardo. Os viquingos en Galicia Ed Biblioteca de Divulgación. Serie Galicia Nº20, Santiago 1997.

 

O CASTRO DE TRELLE (I)

SESENTA ANOS DE DESTRUCCIÓN DUN CONXUNTO ARQUEOLÓXICO

Autor: David Sabucedo


En agosto de 2009 saía nos medios locais, e incluso estatais, a noticia dos desperfectos causados na muralla do Castro de Trelle por parte dun madeireiro que estaba a facer unha corta naquel lugar, cando os gardas pedíronlle explicacións o home argumentou  que descoñecía que alí había dito xacemento. O que parece unha escusa para desculpar o feito pode que sexa simplemente a verdade, meu avó, natural da veciña parroquia de Moreiras, sempre me dicía que naquel monte non había restos de poboado algún, simplemente recibía o nome de castro pola forma que tiña.

A desinformación e ignorancia sobre a nosa historia e patrimonio son as grandes aliadas das agresións que sobre el se cometen por parte de particulares e administracións, polo que a labor dos historiadores é informar e concienciar para evitar que eses males sobre a herdanza dos nosos devanceiros sigan producíndose. Por iso hoxe imos dar unha breve volta por un dos xacementos máis senlleiros e maltratados das terras entre o Miño e o Arnoia, o Castro de Trelle.

Un poboado dos vales do Miño e o Arnoia

Situado entre os concellos ourensáns de Toén, Bardadás, A Merca e Cartelle a 600 metros sobre o nivel do mar, atópase o lugar do que estamos a falar. Dende o seu curuto divísanse grandes extensións dos vales do Miño e Arnoia sobre todo cara Castromao e Santa Águeda. O topónimo castro é moi común na zona, preto del atópase o coñecido coma Castro de Pereiras (tamén marcado coma xacemento) e o monte coñecido como O Castro próximo a estes dous, o que fixo que o pobo chámelle vulgarmente ó macizo onde se atopan Os Castros. O propio outeiro onde está emprazado o poboado castrexo ten unha forma peculiar que fai que destaque no horizonte das poboacións da contorna, incluso é visible dende certas zonas da cidade de Ourense, sendo unha característica engadida o brillo do sol sobre a torre de vixilancia de incendios que hai no seu cumio.

Castro de Trelle (Sixpac)
Imaxe do Sixpac ca toponimia do territorio

A día de hoxe coñecemos o emprazamento exacto de poucos pobos prerromanos, sabemos por exemplo que os limicos habitan a terra que hoxe seguiu conservando seu nome, A Limia, ou os coelernos eran naturais das terras de Celanova e súa capital era Castromao (dende o que se divisa Trelle). En 1973 o historiador Rodríguez Colmenero situaba nas terras entre o Miño e os seus afluentes Sil e Arnoia a tribo dos Interamicos, cuxo nome significa “os de entre ríos”, mais isto segue a ser unha teoría de difícil comprobación. O Castro de Trelle non esta datado con precisión, xa que nunca foi escavado científicamente, mais crese que debe ser dunha data próxima á romanización. polo tanto quen eran seus habitantes é descoñecido.

Noventa anos de pequenos estudos e agresións

Plano de Cuevillas
Plano do Castro feito por Cuevillas (1928)

En 1928 un estudo do castro feito por Florentino Cuevillas aparece publicado na revista Nós, nel o pai da arqueoloxía galega describe o xacemento da seguinte maneira: “castro de dous recintos, ó xeito de dúas terrazas ovaladas, superpostas e concéntricas, cinguidas polos seus respectivos terrapléns, de 8 metros de alto o da cima e 6 metros o de embaixo”, a distancia entre os recintos vai dos 46 e 50 metros, uns 30 metros por baixo do inferior cara o norleste hai o que semella unha terceira terraza. Nos terrapléns efectuáronse catas de 50 centímetros e apareceu: «unha muralla de contención, case vertical, feita con cachote pequeno de pedra esquistosa (pizarra), as laxes estaban labradas cara o exterior e formaban un paramento ben xunto e liso», segundo describe o investigador. Durante as investigacións, di Cuevillas: “non atoparon ningún alicerne de casa, nin testo de xerra nin tégula”, dato que parecían corroborar os veciños destas terras que non lembraban a aparición de restos arqueolóxicos ningúns, só contaban os de Pereiras que na croa do castro había uns pozos onde se tiraban pedras e non se oían golpear no fondo, cousa que aínda contan hoxe no lugar de Trelle.

Nunha data anterior a 1948 foi habilitada unha pista forestal que ascendía ata a croa do castro, ditos traballos enmarcábanse dentro dun primeiro plan de repoboación forestal daqueles montes. A pista rachou ambos recintos amurallados e deixou ó descuberto unha cabana circular, na que foron atopadas unhas pezas metálicas (crese que de bronce) que hoxe en día atópanse en paradoiro descoñecido. Dous veciños de Trelle que traballaron na construción da pista falan que os obxectos atopados foron dous: un era unha especie de machada metálica duns 30cm, describen que o obxecto (que un deles tivo na man) tiña fío por un dos lados e polo outro era romo; a outra peza eran anacos metálicos, cunha forma pouco definida, e que tiñan letras grabadas. Ámbalos dous obxectos foron levadas polos capataces da obra (que eran da zona de Cartelle, segundo din), un deles coñecía a existencia do xacemento xa que levaba consigo un libro “onde falaban dos poboados daquelas xentes e tiñan debuxos de ferramentas e obxectos que usaban”, segundo contou o informante tamén levaron unhas pedras para expor na Deputación de Ourense. Outra cousa que atoparon foron unhas estruturas, que eles definían coma fornos, pegados á primeira muralla polo interior: “tiñan a súa cúpula e por dentro as paredes eran moi lisas”, atopáronos cando estando un obreiro enriba dunha delas a “cúpula” cedeu e caeu dentro o paisano. Foi durante esas obras cando se empezou a estender pola contorna a noticia das construcións que había naquel monte, coma curiosidade contan que unha veciña de Trelle acudiu ata alí e mediu o ancho dos muros do recinto.

IMG-20181121-WA0008
Primeira liña de muralla
IMG-20181121-WA0007
Restos de cabana circular

Un home de Moreiras contoume de que a comezos dos anos 70 eran visibles, na croa, na zona orientada cara a aldea de Trelle, unhas tres edificacións circulares feitas de cachote de pizarra, el describe que lle pareceu ver que pegados aos muros había unha especie de banco corrido, tamén feito cas mesmas laxes. Segundo dixo foron as repoboacións forestais feitas nesa década a que máis agrediron os restos conservados, xa que as máquinas empregadas pasaron por riba de todo o que alí había. De finais dos setenta e comezos dos oitenta data a construcción dunha torre de vixilancia contra os lumes na croa do castro.

Pezas Trelle (1)
Pezas atopadas no castro (BAur.)

Foi precisamente a comezos da década dos 70 cando apareceron as pezas hoxe conservadas: En 1971 na escombreira da pista onda a cabana escavada apareceron varias pezas: unha afiadeira, peza feita sobre un canto rodado empregada para afiar; unha fusaiola, unha peza cerámica que fai de peso no fuso dun tear; e unha fíbula de bronce circular sen pasador. En 1972 un vendaval arrincou varios piñeiros da plantación e nas raíces dun deles apareceron varios grans de trigo calcinados e anacos de cerámica pertencentes a dúas vasixas. Nese mesmo ano foron entregados ó Museo Arqueolóxico provincial numerosos fragmentos cerámicos atopados na superficie do castro e no mesmo ano un garda forestal atopou fragmentos dunha ola globular castrexa que foi reconstruída no dito museo unindo os fragmentos.

A semente do Castro de Trelle

Sementes e Cerámicas Castro de Trelle (museoArquOu)
Sementes e cerámicas (MAPOu)

Non foi ata outubro deste mesmo ano 2018 cando o castro de Trelle volvía saltar os medios, mais esta vez por unha noticia positiva, a Peza do Mes do Museo Arqueolóxico de Ourense eran as sementes de trigo alí atopadas. Para Vicente Rodríguez, encargado da presentación, a presenza das semente indica que era un asentamento dedicado ó cultivo e conservación dos cereais, ademais de reafirmar a teoría de que a agricultura avanzou cara o NO dende o actual Portugal. Rodríguez levaba anos en posesión de parte destas sementes, xa que parte delas fóronlle cedidas para o seu estudo tras ser atopadas.

Que o xacemento atópase en montes de man común de varias parroquias de distintos concellos dificulta darlle unha protección eficaz e tentar que sexa escavado, máis aínda cando o terreo está dedicado á plantación forestal, principal fonte de ingreso das mancomunidades, pero o certo é que non se ten intentado.

O poboado dos mouros

Coma todo monumento arqueolóxico de Galicia o Castro de Trelle é moi rico en lendas e mitos, un patrimonio inmaterial que non está agochado por baixo da terra senón na memoria dos máis vellos, e iso amigos si que está en serio perigo de extinción. Coma non me quero estender máis deixarei este tema para unha segunda parte na que terán todo o protagonismo a outra xente ben coñecida polos “cristiáns” que vivían nas aldeas do país, un pobo que habitaba, e quizais aínda habite, o castro: os mouros.

Galería de Imaxes do Castro de Trelle

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Planos do Castro en diferentes anos

 

Para saber máis:

-Rodríguez Gracia, Vicente. Materiales del Castro de Trelle Boletín Auriense, Tomo 8 (1978).

Rodríguez Gracia, Vicente. Las Semillas del Castro de Trelle. Museo Arqueológico Provincial de Ourense (pdf)

-As fotografías do castro foron sacadas por Pablo Sabucedo e Óscar López