Archivo de la categoría: Artigos

Lucky

Toda unha ensinanza de vida por parte dun home de 90 anos

Autor: Phillip Jeffries


Harry Dean Stanton era un actor único e irrepetible, ao igual que unha persoa diferente. Eterno secundario de Hollywood (Alien, o octavo pasaxeiro; A última tentación de Cristo ou O padriño II), o intérprete nunca protestou pola inxusta situación na que sempre se atopou. Ao longo da súa extensa carreira participou nunhas 250 películas e 50 series, tendo só a ocasión de protagonizar (ata a chegada desta formidable Lucky) unha delas, que foi a marabillosa París, Texas (polo que estamos ante un absoluto pleno en canto a longametraxes de calidade protagonizadas pola súa parte). Nin a súa prodixiosa actuación neste último dos mencionados proxectos abriulle as portas dos roles principais.

Ao outro lado da cámara, John Carroll Lynch. Outro eterno secundario do cine estadounidense, con participación en películas coma Fargo, Zodiac, Shutter Island ou Gran Torino, e que decide pasarse á dirección por primeira vez con este proxecto.

O resultado: Lucky, unha perfecta mostra, en tan só 88 minutos, de coma afrontar o derradeiro tramo da vida cunha integridade que pon a pel de galiña, ao mesmo tempo que toda unha ensinanza sobre como vivir, tendo que ser un ancián de 90 años quen veña a ensinalo.

Falar desta película é facelo, ao 100%, dun marabilloso Harry Dean Stanton, capaz de cargar por si só con todo o peso da longametraxe. O actor atopábase practicamente retirado cando lle ofrecen a película, pero acepta facer o papel porque ve no guión (elaborado por dous amigos íntimos del, coma eran Logan Sparks e Drago Sumonja, e que o fixeron pensando expresamente na súa persoa) moitas cousas que encaixan con el e que lle gustaría dicir. Harry Dean Stanton é Lucky, e viceversa. Porén, e ao mesmo tempo, non son a mesma persoa. A película non trata da súa vida, pero si hai moitos elementos persoais, coma a súa participación na Segunda Guerra Mundial, o seu gusto polo tabaco ou os concursos televisivos e a súa filosofía de vida. Poderíamos dicir que supón unha especie de continuación, aínda que agora no campo da ficción, do mostrado no documental Harry Dean Stanton: Partly fiction, sobre a figura do actor.

Nun acercamento máis á persoa real, pola pantalla pasaranse David Lynch (que foi amigo próximo na realidade do actor e do propio Lucky na pantalla, e co que traballou en proxectos coma Twin Peaks, Unha historia verdadeira ou Inland Empire) ou Tom Skerritt, que aparece interpretando a un, ao igual que o noso protagonista, veterano de guerra co que charla un rato nun bar, sendo un antigo coñecido do actor na vida real, non compartindo pantalla ambos dende Alien.

O personaxe, que non podería estar mellor retratado, é absolutamente único. O guión non precisa en ningún momento de darlle algunha característica que o faga máis adorable, nin nada polo estilo, de forma que sexa máis fácil que guste entre o gran público. O espectador empatiza con el por, precisamente, a súa forma de ser, non resultando necesario facer ningún tipo de engadido artificial. E o resultado final é do que non hai, dando lugar a un ser humano auténtico, que a persoa que o ve pode crer que é real, e cunha humanidade, a pesar da dureza coa que Lucky parece revestirse, que desborda polos catro costados, sendo a mellor mostra disto cando acude a unha tenda de animais e merca unha caixa de grilos porque eles son o que o resto das persoas adquire para alimentar ás mascotas.

A película deixa momentos deses que, directamente, quedan para sempre na memoria, coma cando Harry comeza a cantar o clásico Volver, volver, composto por Maldonado, tendo a súa versión máis relevante na interpretación de Vicente Fernández, nun momento que nos leva a pensar, de forma directa, na súa interpretación, guitarra nas mans, de Red River Valley en Twin Peaks.

Así coma outros máis estrafalarios, os cales normalmente chegan da man do personaxe interpretado por David Lynch, que non podería ser máis coma el mesmo, e que participou no proxecto por petición expresa de Harry.

E, por suposto, nunha película desta temática, non poderían faltar as reflexións existenciais, nas que unha tartaruga é a mellor metáfora sobre a vida que un poida imaxinar, nunha longametraxe protagonizada por un ateo de 90 anos convencido de que ao final todo desvanécese e ao outro lado non hai nada agardando.

Nunha desas arrepiantes casualidades, Harry morrería en setembro de 2017, tan só dúas semanas antes de que a película se estrease (aínda que o actor sempre asegurou que non vía as longametraxes nas que aparecía). Aínda con esas, e malia o que poida parecer, este proxecto non é a derradeira actuación do actor, pois participaría de forma posterior en Frank and Ava e no retorno de Twin Peaks, pero si poderíamos dicir que é o traballo co que realmente despediuse do mundo, e non podía facelo sen ser, por unha vez máis, o auténtico protagonista da función.

Lucky non vai de nada e, ao mesmo tempo, vai de todo, facendo unha marabillosa reflexión sobre a vellez e como afrontala con madurez e sabedoría, tratando o tema da morte dunha forma moi honesta, aportando tamén unha visión diferente da vida e de coma nos relacionamos cos outros. A película, coma dicíamos, supuxo o estreo do director (o cal non ten ningún parentesco co propio David Lynch) tralas cámaras, quen afrontou o proxecto dunha forma moi persoal, pois el mesmo vírase afectado de forma recente polo falecemento da súa nai e toma, ademais, a decisión de incluír ao seu pai, de 88 anos, na longametraxe (é un dos homes do bar). A delicadeza e o coidado cos que todo está feito de principio a fin dan boa conta disto.

En definitiva, estamos ante unha película fermosa, protagonizada por un personaxe que sabe que o seu tempo se esgota, ao que lle está a dar vida un dos mellores actores estadounidenses da historia, xa con 90 anos, e igualmente consciente da situación na que se atopa, decidindo ambos vivir ata o final, sabedores de que ao outro lado non agarda nada. Harry Dean Stanton estaba a despedirse da vida, de si mesmo e de todos os espectadores, resultando isto en que todos os que vexan a longametraxe acaben coa pel de galiña. Non importa que os grandes estudos, ao igual que as entregas de premios, foran inxustos con el (se xa o feito de que nunca optara a un Oscar é impresionante, máis aínda tendo en conta a anteriormente citada París, Texas, que por esta Lucky tampouco recibira a atención dos académicos é xa para directamente renderse con respecto a eles), pois sempre gozou da estima do resto de actores (nos anos 70, Jack Nicholson deixaba gravadas as súas iniciais, H.D.S., en todos os sets de rodaxe nos que participaba, por exemplo) e do recoñecemento do público, que é o que ao final importa.

Grazas por todo e descansa en paz, Harry Dean Stanton.

O ÚLTIMO REI DE GALICIA

A historia da rebelión galega esquecida

Autor: David Sabucedo


Corría o ano 1298, a Coroa de Castela estaba en guerra. Había tres anos que varias faccións loitaban polo trono dos reinos de Castela e León. Cansos do conflito cinco homes reuníronse varias noites nunha igrexa preto do Castelo de Mota, unha das frontes da guerra, para tentar chegar a un acordo. Estes eran o rei portugués don Dinís, o conde Juan Alfonso de Alburquerque, o bispo de Astorga don Nuño, o infante e rexente de Castela don Enrique e o cabaleiro don Rodrigo Álvarez Osorio. A paz tiña un prezo moi concreto: restaurar a independencia do Reino de Galicia.

1295 comeza o “Xogo de Tronos”

Trala morte de Afonso X comezou un conflito sucesorio entre seus fillos. Sancho IV, El Bravo, herdou o trono, mais desprazou a candidatura do seu sobriño Alfonso (fillo do primoxénito do Rei Sabio finado en vida deste monarca) e o irmán pequeno de Sancho, o infante don Juan, tamén reclamou con apoio estranxeiro os reinos de seu pai. Nun principio o rei Sancho fixo valer a súa forza e conservou a coroa, mais trala súa morte, en 1295, deixou coma herdeiro a un neno, seu fillo Fernando, baixo a rexencia da súa esposa, a raíña María, e seu tío o infante Enrique.

Esta debilidade da monarquía foi aproveitada polos pretendentes á coroa para facerse cos reinos chegando a un acordo de repartimento destes: Don Juan proclamouse, co apoio de Portugal, rei de Galicia, León e Sevilla sendo coroado como tal na capital leonesa; e Afonso foi coroado monarca de Castela e Toledo co apoio dos aragoneses. Entre os partidarios do rei de Galicia-León estaban os nobres galegos, liderados polo Endiantado do Reino (unha sorte de vicerrei) Paio Gómez Chariño, que será asasinado a comezos da guerra. O enquistamento do conflito na fronte leonesa e a retirada das tropas aragonesas de Castela fará que as partes busquen un acordo de paz, cuxo tema central será o reino galego.

Sartego de Paio Gómez Chariño e súa dona en Pontevedra

Nas reunións promovidas polos portugueses no cerco do castelo de Mota, acordouse: “que se le diese todo el reinado de Galicia, de que se llamaba Rey (ó pretendente don Juan), e que lo oviese de allí en adelante él e todos sus herederos”. Dito acordo incluía a cidade de León e outras prazas conquistadas que o rei Juan conservaría ata a súa morte, mais unha vez finado seus herdeiros só se quedarían con Galicia. Esta proposta foi rexeitada pola Raíña rexente, dona María, e os concellos de Castela, polo que dende Portugal partiu cara o reino galego unha mensaxe do rei: comezar a rebelión.


Que se le diese todo el reinado de Galicia, de que se llamaba Rey , e que lo oviese de allí en adelante él e todos sus herederos.

Crónica de Fernando IV

Fernán Rodríguez de Castro: o “Braveheart” galego

Asasinado Chariño un novo líder érguese entre a nobreza galega, Fernán Rodríguez de Castro, que por aquel tempo aínda debía ser un mozo. Este tiña un dos cargos máis importantes de Galicia, a Pertiguería Maior de Santiago, un oficio que o convertía no Capitán da tropas das Terras de Santiago, o principal señorío do noso país. Pertencente a unha das casas nobres máis grandes da Penísula, os Castro, estaba casado cunha filla ilexítima do finado rei Sancho IV, Violante de Castela, que sería a nai dos seus dous fillos: Xoana e Pedro.

Escudo da Casa de Castro

A súa primeira participación na guerra foi durante o sitio de Paredes de Nava, cidade partidaria do infante Juan e que estaba a ser sitiada polas tropas da Raíña rexente e o Rei-Neno Fernado; unha vez chegado á fronte co seu exército pediulle a dona María o señorío de Monforte de Lemos coma condición indispensable para seu apoio, esta concedeulla mais pasados uns días o nobre galego retirouse co seu exército de volta as súas terras, a crónica explica a acción de Castro así: “por ayudar al infante don Juan, que se llamaba Rey de León e que él amaba mucho.”

A Guerra de Independencia de 1298

A rebelión galega foi orquestrada no veciño Portugal, unha vez rotas as negociacións o rei Don Dinís deu a orde ca que todo comezou: “el rey de Portugal avisó al Conde Don Juan Alfonso de Alburquerque e a este don Fernand Rodríguez, porque amos ficieran guerra en Galicia”. Para xustificala súa ruptura co rei de Castela, Fernando IV, e a súa nai, a rexente dona María, Castro esixiu que se lle entregase o antigo Condado de Trastámara (o que sería hoxe gran parte da provincia de A Coruña) que xunto ca Terra de Santiago eran os señoríos máis importante do Reino; a raíña rexente negouse a tales pretensións polo que Castro segundo di a crónica: “ovo esta respuesta, enviose luego despedir del rey e desnaturarse del, e eso se facie todo con consejo del rey de Portugal.

A resposta de Castela non se fixo agardar, a Raíña rexente vendo “que el Reino de Galicia estava en grand cuita” nomeaou novo Endiantado de Galicia ó seu fillo o infante Felipe, que tiña uns sete anos de idade, e que acudía baixo a protección do verdadeiro capitán das tropas reais, Fernán Ruíz de Biedna.


E desde que Fernand Rodríguez ovo esa respuesta, enviose luego despedir del rey a desnaturarse del, e eso se facie todo con consejo del rey de Portugal, porque el infante Don Juan, que se llamaba rey de León, oviese el reino de Galicia, porque este Don Fernand Rodríguez era muy poderoso en Galicia e era pertiguero; e luego el rey de Portugal avisó al Conde Don Juan Alfonso de Alburquerque e a este Don Fernand Rodríguez porque amos ficiesen guerra en Galicia.

Crónica de Fernando IV

Entre os principais apoios que tiña Castro parece ser que se atopaban o bispo e o concello de Ourense, así coma os clanes dos Galiñato, Mariño e Deza. Dentro da nobreza galega os principais partidarios da Raíña e o Rei-Neno era a Casa de Limia, xunto cos Castro a outra gran familia da nosa terra, e os bispos de Tui e Lugo.

Parece que os primeiros obxectivos atacados polos rebeldes foron os prelados tudense e lucense, fieis partidarios de Castela. Segundo di a crónica  unha vez que o infante Felipe e seu aio chegaron a Galicia pararon na fortaleza de Vilalba (en Lugo), cando Castro se enterou de que se atopaban alí: “vino allí a Villalba por lo matar, e non pudo, e cercolo (…) tóvolo cercado tanto timepo fasta que le fizo comer las carnes de las bestias, e non avía agua, en guisa que llegó a peligro de muerte”. Unha vez controlada a ameza dos casteláns os rebeldes centráronse en acabar cos Limia, non sabemos como se produciu o choque nin en que circunstancias mais Castro e seus aliados capturaron ao señor da casa, Fernando Rodríguez de Limia, e a seu fillo e tivéronos presos ata o final do conflito.

A guerra parecía que ía rematar ca independencia do Reino dos galegos mais a sorte virou de golpe. O pretendente don Juan perdía o apoio portugués, parece ser que ao rei Dinís non lle gustaron algunhas alianzas que o pretendente á coroa de Galicia fixera. Sen aliados exteriores ao infante Juan non lle quedou máis remedio que pedir a paz ao seu sobriño o Rei-Neno e a Raíña rexente. Tódolos rebeldes galegos foron perdoados por petición do infante Juan ós vencedores; mais Fernán de Castro, que aceptara o perdón real, seguiu conspirando na sombra e como dixo o historiador Emilio González López: “ía selo camiño da carreira que o levaría á morte”.

Sepulcro do infante Don Juan en Burgos

O derradeiro rebelde: a batalla de Monforte

Dez anos despois do inicio da guerra en Castela volvía prender a faisca da violencia en Galicia, onde Fernán de Castro volveu a erguer as bandeiras da rebelión contra o Rei. Non sabemos moi ben como se iniciou desta vez o conflito, algúns historiadores coma Emilio González López sosteñen que Castro abandeiraba na nosa terra as reclamacións das vilas e cidades, que aspiraban a desprenderse do señorío dos bispos; tamén se dicía que Castro sempre cobizara o Condado de Trastámara e esta era súa verdadeira pretensión. Nesta nova aventura contra o Rei o galego procurou aliados nos señores de Vizcaya e La Rioja, pertencentes á poderosa familia dos Haro.

Segundo nos di o historiador Antonio López Ferreiro en 1304 a catedral de Santiago atopábase nun “entredito”, polo que non se podían realizar a liturxia nela; por aquelas mesmas datas Castro está na cidade apostólica, alí fai testamento e pide un préstamo económico o Deán da catedral, é posible que o templo de Santiago se atopase ocupado polas tropas dos rebeldes, non esquezamos que era unha das principais fortalezas do lugar. Para rematar ca nova rebelión o infante Felipe e seu aio son enviados de novo a Galicia, desta vez contaban con apoio de antigos aliados dos Castro coma o clan dos Deza. O primeiro obxectivo das tropas reais é Monforte de Lemos onde se atopaban o capitán Andrés Arias, lugartenente de Fernán Rodríguez, e alí poñen cerco á vila. Cando o líder rebelde é coñecedor da noticia parte dende Ourense ó mando dun grande exército e nas ribeiras do río Cabe ten lugar unha cruenta batalla na que Castro, que parece ser que tiña máis tropas e mellor preparadas cos seus rivais, perece no combate, dando así a vitoria as tropas do Rei.


E en este tiempo el infante don Felipe tenía cercado un lugar de Galicia que era de don Fernand Rodríguez de Castro (…) que decian Monforte, e esta cerca ficierala don Felipe por mandado del Rey. E estando en esta cerca don Felipe, asomose don Ferrand Rodríguez con muy grand gente, e vino contra don Felipe para descercar el lugar.

Crónica de Fernando IV

A morte de Fernán Ruiz significará a fin da rebelión, e levará a súa a casa a desaparecer de Galicia durante case vinte anos. Súa muller retírase a un convento e seu fillo é enviado ó exilio a Portugal, onde o Rei Dinís protexerá o herdeiro do seu antigo aliado. Esta é a historia da derradeira vez que se tentou restaurar a independencia do Reino de Galicia, haberá no futuro outros intentos de arredar a nosa terra de Castela, pero xa será para tentar unila a Portugal, mais iso xa é outra historia.


Para saber máis:

Grandeza e decandencia do Reino de Galicia. González López, Emilio Ed Galaxia 1978 Vigo