Archivo de la categoría: Artigos

POR FAVOR, DÁME GUERRA


Un poema de Manuel J.Maside

I

O ar é difícil de respirar
Afogo nesta tarde de calor
Algo comprime o meu peito a golpes
Desexando estar ou non estar
Na dúbida
No consolo de deus
Un golpe maestro
E todo se fai area
Pides liberdade
E ollas anoxado ao mundo
Porque non hai
Nunca hai
Sempre están ocupados 
Aos que hai que pedirllo

Un verme sae da mazá
Un home grita ao ceo vermello
Non temos saúde
Estamos enfermos
Por simple vaidade
Perfume secreto no teu amor
Ollos que se perden na fronda
Augures, xa os escoitei antes
Límites, xa os roldei antes
Fodo e fodo na ferida
Bótolle moito alcohol
Estes versos semellan baleiros
Mais conteñen o meu sentir
Mundo perfecto
Déixame pregarche
Mundo imperfecto
Déixame facerche o amor
(Mentres Jim Morrison está morto
E a demasiados parécelle importar)

Perdo o norte, o sul
Pérdome a min mesmo
A lembranza está bastante ben
Cando só lembras ledicias
Axiña chegan os trebóns
Axiña a choiva quente
Os homes de deus, os pequenos demos
A saudade foi e será unha forma de vida
Ser barfly é un traballo a tempo completo
Ollar ao infindo, aos collóns dunha galaxia
Ollar ao son que reverbera nas veas
Somos fillos dun solpor quente
Unha noite sen fin
Somos noxo nunha cunca
Somos noxo nun barril

Libre e salgado o bocado
Petisco de almas humanas
Salouco con sabor doce
Milenios de diáspora e son

Só quedo eu e o vaso
Só quedo eu e o ceo
E o calor que cae sobre nós
Vaso, ti e máis eu
E que lle dean ao mundo enteiro

II

A cama danza
O ceo no teito é estrelado
Soamente eu e máis ese ceo
Acubillados da choiva
Asinada a pena de morte
De loito pola luz

Sopra o vento do mar
Un conto de antes
Unha lembranza
Unha situación revirada

Lume no corpo
Non quero durmir
Soñar esperto para sempre
Unha forma de ser

E ti e máis eu loitando
Pola hora na que ir a morrer
Punto morto
Saída final
O mundo escapa dos dedos
Somos o derradeiro solpor
Fotógrafa : Laura Hospes

Consumo de historia

Autora/Fotografía: Alba Reigada


Ultimamente todo o mundo me di que vai a Galicia.

Amigos e amigas que na vida pisaran a terriña andan a facer excursións, rutas no coche…Alá van. Cóntanme que fermoso todo, que como está a comida, que o peixe é incomparábel e que non saben como non foron antes.

Se algún ou algunha entrastes no Instagram este verán (que aínda estamos, porque a calor non vai marchar así como así) veña fotos da Costa da Morte, de Pontevedra, de Compostela, incluso de Ourense e das termas; que mirade que sempre pensei que pasarían desapercibidas por sempre xamais.

Entón púxenme a pensar. Que puido pasar para que houbese este boom con Galicia? Cal foi o motivo (ou un deles ao menos)?

É algo así coma narcoturismo, pero sen consumir

O termo narcoturismo atribúese a unha corrente de turismo que se caracteriza porque os e as turistas van a un lugar a consumir e adquirir droga. Neste caso, penso que van, ou imos, a consumir historia.

Grazas ao boom das ficcións sobre narcotraficantes, hai turistas que van na busca dos lugares clave que viron na serie.

E a que mellor vos pode exemplificar esta nova corrente de turismo son eu mesma.

Pazo Baión

Nunca fun moito de pazos, a contar a verdade poucos vira na miña vida. Pero coincidindo cunha viaxe programada a Vilagarcía de Arousa, e vendo a serie Fariña, a idea de ir a ver o Pazo Baión colleu forma.

IMG-20180918-WA0001

Situado na parroquia de Baión, en Vilanova de Arousa, está a inmensa propiedade. Non tiña moita idea de que pasara co pazo despois da Operación Nécora. Queríame sonar algo de que funcionaba como bodega. O que non sabía é que se podía visitar.

E alá fomos miña irmá, miña prima e máis eu ao sitio.

Chama a atención a inmensidade da extensión de terreo cheo de viña, case non se ve onde remata. Pero é ao ver a porta cando viñeron á miña cabeza, as imaxes de xornais vellos das nais dos drogodependentes manifestándose con Carmen Avendaño de primeira. Foi unha  sensación ben rara cruzar esas portas que anos antes representaran unha lacra para toda unha xeración e que, para moitos, aínda o seguen sendo.

Unha vez alí é curioso ver aquel lugar.

Unha guía da un recorrido durante algo máis dunha hora no que conta a historia da propiedade, a labor de rehabilitación que fixeron ca finca e cos edificios, (de feito a vella adega agora é un salón de eventos). Pódense ver as tripas da bodega, como se fai o viño, e para rematar unha cata das dúas variedades que elaboran.

 

Nalgún momento entre as portas de entrada e o viño final, fas memoria aínda que non queiras:

No 1987 o Pazo Baión tiña como titulares a Laureano Oubiña e Esther Lago. No ´95 Baltasar Garzón embargouno para facer fronte á multa da Operación Nécora, e no ’96 a súa xestión acabou en mans da empresa catalá Freixenet, que mantivo a explotación durante 13 anos.

Despois disto a cousa enredouse e as fillas de Oubiña alegaron que o pazo era herdanza de súa nai.

Finalmente o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos autorizou a venda, e tras saír a poxa pública, e o 23 de xuño de 2008 desvelouse que a gañadora fora a cooperativa cambadesa Condes de Albarei.

IMG-20180918-WA0005

Queda o edificio principal, o pazo en si, por reformar e ao que non se pode entrar.

Alí está, quieto, mirando permanentemente a esas portas que tanta historia contaron e polas que Carmen Avendaño chegou a entrar en xullo do 2008, simbolizando a fin? da súa loita.