Un poema de Manuel J.Maside
I
O ar é difícil de respirar
Afogo nesta tarde de calor
Algo comprime o meu peito a golpes
Desexando estar ou non estar
Na dúbida
No consolo de deus
Un golpe maestro
E todo se fai area
Pides liberdade
E ollas anoxado ao mundo
Porque non hai
Nunca hai
Sempre están ocupados
Aos que hai que pedirllo
Un verme sae da mazá
Un home grita ao ceo vermello
Non temos saúde
Estamos enfermos
Por simple vaidade
Perfume secreto no teu amor
Ollos que se perden na fronda
Augures, xa os escoitei antes
Límites, xa os roldei antes
Fodo e fodo na ferida
Bótolle moito alcohol
Estes versos semellan baleiros
Mais conteñen o meu sentir
Mundo perfecto
Déixame pregarche
Mundo imperfecto
Déixame facerche o amor
(Mentres Jim Morrison está morto
E a demasiados parécelle importar)
Perdo o norte, o sul
Pérdome a min mesmo
A lembranza está bastante ben
Cando só lembras ledicias
Axiña chegan os trebóns
Axiña a choiva quente
Os homes de deus, os pequenos demos
A saudade foi e será unha forma de vida
Ser barfly é un traballo a tempo completo
Ollar ao infindo, aos collóns dunha galaxia
Ollar ao son que reverbera nas veas
Somos fillos dun solpor quente
Unha noite sen fin
Somos noxo nunha cunca
Somos noxo nun barril
Libre e salgado o bocado
Petisco de almas humanas
Salouco con sabor doce
Milenios de diáspora e son
Só quedo eu e o vaso
Só quedo eu e o ceo
E o calor que cae sobre nós
Vaso, ti e máis eu
E que lle dean ao mundo enteiro
II
A cama danza
O ceo no teito é estrelado
Soamente eu e máis ese ceo
Acubillados da choiva
Asinada a pena de morte
De loito pola luz
Sopra o vento do mar
Un conto de antes
Unha lembranza
Unha situación revirada
Lume no corpo
Non quero durmir
Soñar esperto para sempre
Unha forma de ser
E ti e máis eu loitando
Pola hora na que ir a morrer
Punto morto
Saída final
O mundo escapa dos dedos
Somos o derradeiro solpor