Unha obra de Manuel J. Maside
ESCENA 1
(O salón dunha casa. Na cadeira de brazos unha muller, a nai, con instrumentos de calceta na man, mais totalmente queda, ca vista perdida no público. No chan, xogando cuns coches de xoguete, o fillo)
Fillo: Nai, que lle pasa? (Pausa) Xa está maliña coma sempre, nai? (Pausa) Pódeme contar que lle pasa, non llo digo a ninguén… De verdade, confíe en min.
(Pausa. Segue a xogar)
Nai: Fillo, ti… non sabes… ti… non sabe.. eu…
Fillo: (Volve mirar á nai) Non sei que lle pasa, nai, nunca mo di, nunca fala, so queda aí pasmada, eu… non sei que facer. (Triste, ca testa baixa) Se a lo menos me contara algo…
Nai: Ti… non sabes… eu
(O fillo volve a xogar, metido no seu xogo, a muller segue estática. Entra o pai no salón)
Pai: (Canso pero ledo, sen reparar na nai) Ola, familia (Vai onde o fillo e saúdao cariñosamente) Ola, fillo, como estás? (Vai cara onde a nai) Ola nai, que tal… (Repara no estado catatónico. Anoxado) Outra vez, outra vez?? Xa está outra vez a tola esta papando moscas no seu mundo?
Fillo: Pai, non lle rife, ela está enfermiña outra vez, non lle rife.
Pai: (Moi anoxado) Non rifo, non rifo… soamente me cago en todo!! Puta tola, por que casaría con ela? Por que carallo escollería a esta tola entre todas as mulleres? Cagoental! Estou ata o carallo desta muller, ata o carallo! Non fai nada, non coida de ti, non cociña, a cona, muller, a cona!!
Fillo: (Chorando) Pero, pai! Ela está enfermiña, non ten culpa, ela é boa, é boa!
Pai: (Moi preto da orella da nai, que permanece inmóbil) Quen me pon unha cervexa, quen?! O carallo, póñoma eu? Vai tomar polo cu. (O fillo chora desconsolado) E ti que choras, papaostias? Marcho desta casa.
(O pai marcha da escena. Queda o fillo chorando desconsolado e a nai igual de paralizada)
Fillo: Nai, que lle pasa? El é… el non lle merece a pena… pero a min pode falarme… (Unha bágoa cruza o rostro de pedra da nai, logo baixa a testa) Eu non sei que facer por vostede, se me dixera que lle pasa…
Nai: Eu… non sei… eu… so quero… morrer…
Fillo: (Chora inda máis) Non quero perdela… (Berra) Non quero perdela!! (Marcha correndo da escena)
(Queda a nai sentada na cadeira de brazos, levanta a testa, olla ao público e seca ca man as bágoas. Entra un home vello en traxe e ponse ao seu carón, charlan)
Home: Moitas bágoas, non si?
Nai: Unhas poucas, as de sempre, comezo a estar seca.
Home: Cando o vas facer?
Nai: Dáme tempo.
Home: Vaste despedir? Eu non o faría, é peor.
Nai: Por el dáme igual, é un fillo de puta, ten razón, pero é un fillo de puta, pero o neno.
Home: Non é un fillo de puta, ti non satisfás os seus desexos.
Nai: Coñezo os teus razoamentos, todo a culpa é miña.
Home: E o fillo? Chorando desconsolado por ti? Non é culpa iso tampouco?
Nai: (Volve chorar) Supoño que si, é culpa túa.
Home: Eu so che digo a verdade.
Nai: Supoño que si, que é culpa miña.
Home: Lamento dicircho, pero sabes de sobra que es un lastre para a túa familia, estalos fodendo ben. Un home que desespera e un fillo que non para de chorar.
Nai: Por que deus fixo isto comigo?
Home: Non metas a deus nisto. A que rebenta vidas es ti.
Nai: Se marcho, o me fillo terá un estigma ante a sociedade dunha nai tola que se matou.
Home: O estigma vai telo igual, ou pensas que non se enterarán pronto por aí que ten unha nai trallada da cabeza?
Nai: Certo. Pero inda así, quizais inda me precisa, uns anos máis.
Home: A ti? (Ri) A ti quen carallo te precisa?
Nai: Gozas con isto?
Home: É o meu traballo, en serio, soamente fago o meu traballo.
Nai: Parece que gozas.
Home: Antes dixeches que o teu home é un fillo de puta… Mataríalo?
Nai: Que dis?? Xamais faría dano a ninguén, e menos a el.
Home: Perfecto, soamente quería deixalo claro.
Nai: Non son unha criminal!
Home: Ben. De todas formas vai pensando cando e como.
Nai: Non vas axudarme?
Home: (Sorrí cinicamente) Por suposto! Agora penso que ven o teu fillo. Ata logo!
(Marcha o home. Entra polo outro lado o fillo. Corre a onde a nai e dálle un bico)
Fillo: (Secando as bágoas) Nai, é por culpa miña?
Nai: (Chora e dálle tamén un bico mentres sorrí amable) Como vai ser por ti? Es o mellor que me pasou xamais. Se por min fose estaríamos xuntos toda a vida… Que fuches facer?
Fillo: Nada, nai… Fun chorar.
Nai. Ai, meu fillo, non chores por min!! Eu xa son vella e teño manías. Ti vive a vida sen ollar as miñas tolemias.
Fillo: O pai é malo, bérrache, non entende que estás mal.
Nai: (Con curiosidade) Por que dis que estou mal?
Fillo: Véxote mal, pasmada, cos ollos tristes, queda. Unha vez vin na aldea dos avós unha curuxa nunha póla á que lle pillara a luz do día lonxe do niño. Tiña os ollos grandes coma pratos, e estaba queda coma unha estatua. Ti estás igual de mal, ou a lo menos iso semella, como nunca me falas non sei que che pasa.
Nai: Non me pasa nada, as veces póñome nerviosa, nada máis.
Fillo: Non pareces nerviosa, semellas noutro mundo, case morta.
Nai: (Sorrí) A outro mundo vou, a onde están os meus pensamentos máis escuros, loitando uns cos outros nunha batalla fratricida, e fáltame o ar, e preciso vento, e marcho a un cantil con vento onde ollo o sol morrer no mar, i eu mesmo quero… En fin, son pensamentos meus, non quero que te preocupes, soamente son cousas que me pasan pola testa, como a calquera. Non te preocupes.
Fillo: Non entendín moi ben todo iso.
Nai: Normal fillo, a túa nai ten pensamentos moi complexos, de adultos.
Fillo: Eu tamén penso ás veces.
Nai: En que pensas?
Fillo: Nun mundo mellor.
Nai: Para a xente pobre?
Fillo: Non, para nós os dous, un paraíso onde podamos vivir tranquilos o resto da vida.
(A nai bota a chorar e aperta ben forte ao fillo, que lle devolve a aperta)
Nai: (Berrando) Por que serei tan filla de puta, por que??!!
(Apáganse as luces)
