O falso mito de Roi Xordo

Foi o capitán irmandiño merecedor da fama que ten?

Autor: David Sabucedo


Posiblemente o protagonista deste artigo sexa unha das personaxes da nosa historia cuxo nome e feitos sexa máis coñecido polo “gran público”. Salvando as distancias, pódese comparar con outros famosos persoeiros da historia universal coma Xulio César, Napoleón ou Cleopatra, persoas que a maioría de xente coñece aínda que non saiba ben a súa historia. Coma sabedes estamos a falar do capitán irmandiño Roi Xordo, líder da Irmandade que en 1431 rebelouse contra a opresión feudal nas terras dos Andrade.

“Roi Xordo, verdadeiro e único heroe das liberdades galegas”, así o describía Castelao na súa obra Sempre en Galiza, mais, foi realmente un heroe do pobo ou máis ben a súa fama é unha confusión histórica? Antes de destripalo mito coñezamos os feitos.

O Capitán Irmandiño

En 1431 os vasalos de Nuno Freire de Andrade, coñecido coma “O Mao” (o malo), rebélanse contra o seu señor por mor dun tributo extra que este puxéralles para pagar os gastos dunha visita a Compostela do infante Enrique de Aragón. Estes son os feitos tal e coma os narra o cronista L. Galíndez de Carbajal (s.XV):

“E entre outros negocios que o Rei había de despachar (…) era un que pendía entre Nuno Freire de Andrade e os seus vasalos de Pontedeume e Ferrol e Vilalba, que eran súas, que todos se ergueran contra el, dicindo que era señor moi forte e duro e que non podían comportar, e facíanlle a guerra tres mil homes e máis, e derribáronlle certas casas fortes e talláronlle algunhas viñas e hortas  e con estes xuntáronse outros moitos dos bispados de Lugo e Mondoñedo, que serían ben dez mil homes e máis, e tomaron por capitán un Fidalgo que chamaban Roi Xordo; e traían un pendón de Santiago e fixeron todos unha Irmandade e por toda terra os chamaban irmáns e andaban así poderosamente, facendo moi grandes danos e males na terra, que nas rendas do Rei nin contra xustiza non tocaban (…)

anonyme de Saint-Gall
Asalto a castelo (Anonyme de Saint-Gall s.X)

Os ditos irmáns víronse tan poderosos e estaban tan tolos que non só quixeron estar por cousa do que (…) lles foi mandado de parte do Rei, mais tentaron de entrar na cidade de Santiago, o que o arcebispo lles defendeu e xuntou toda a súa xente (…) cos que acordaron de pelexar con estes ditos irmáns. Os cales, como eran xente miúda e de pouco esforzo, acordaron de se derramar e irse algúns deles para o arcebispo, e como Nuno Freire recibirá tan grandes danos desta xente xuntouse (…) co correxedor polo Rei (…) e foron a Pontedeume (…) e tiñan cercado un Castelo seu, onde estaba súa muller e fillos, catrocentos homes e máis destes que se chamaban irmáns. Pelexaron con eles e descercaron o Castelo, e morreron alí algúns dos irmáns, e outros foron presos e enforcados, e así apaciguouse este caso de Galicia”.

(Os Irmandiños, A.López Carreira p.26)

“El hidalgo Ruy Xordo  quien por servir a la causa popular sacrificó primero sus intereses y luego su vida”, así describiu a coruñesa Victoria Armesto ó líder irmandiño en Galicia Feudal, pero realmente, como puidestes ler na crónica, da vida de Xordo non sae máis ca súa elección coma líder militar. “Había necesidad de erigir a un jefe que, al frente de esta multitud, la organizase y dirigiese-y un hidalgo denominado Ruy Sordo fué el que obtuvo esa deferencia” ( Vicetto H.G.); tal coma sinala Vicetto en Historia de Galicia, era común que os cargos militares das irmandades fosen ocupados por fidalgos e cabaleiros, xa que estes eran quen tiñan a experiencia necesaria para tal menester.

800px-Cadaleito_de_Nuno_Freire_de_Andrade,_o_Mao,_no_Mosteiro_de_Santa_María_de_Monfero
Sepulcro de Nuno Freire “O Mao” no mosteiro de Monfero

Entón, sobreviviu á fin da revolta? De ter estado presente na batalla de Pontedeume é moi pouco probable que sobrevivira; en caso de non caer en combate e ser capturado non creo que os Andrade deixaran con vida ao home que quixo destruír a súa casa (se o señor chamábanlle o Mao sería por algo). Hai unha frase na crónica que é moi interesante: “como eran xente miúda e de pouco esforzo, acordaron de se derramar e irse algúns deles para o arcebispo”, poido ser que Roi Xordo mudara de bando no medio do conflito? De ser así non sería o primeiro que o faría, corenta anos despois, durante a denominada Gran Guerra Irmandiña (1467-1469), o capitán Diego de Lemos rendeu o seu exército diante dos señores sen opor resistencia (1469), e un ano máis tarde vémolo co resto de cabaleiros e señores feudais asinando un pacto en contra do arcebispo de Santiago e os restos das irmandades urbanas (1471). Non era raro que estes pequenos cabaleiros e fidalgos empregasen ás irmandades para socavar o poder dunha familia rival, sendo o interese persoal a única motivación de unirse ás reclamacións dos vasalos e viláns. Entón se o noso “heroe” mudou a capa, non habería probas da súa vida anos despois?

 O rexedor da Coruña

Será na década dos 50 dese século cando un persoeiro homónimo ó líder irmandiño aparece na cidade da Coruña, Roi Xordo das Mariñas, que ocupa o cargo de rexedor do concello da cidade herculina en 1456 e 1458 e que no 1457 fai testamento no mesmo lugar. Este Roi Xordo era parente de Gómez Pérez das Mariñas, señor da casa de Suevos,  cuxas prácticas rivalizaban cos Andrade en canto a crueldade cos vasalos e abusos de poder se refire, aínda por riba ámbalas dúas casas eran rivais e loitaban polo control do mesmo espazo de poder (lembrades aquelo de empregar as irmandades contra meu inimigo?).

fernán pérez o mozo
Sepulcro de Fernán Pérez (Monfero)

Entón, son este dous “Rois Xordos” a mesma persoa? Non era estraño que dous personaxes compartisen o mesmo nome naquel tempo, por exemplo: o conde de Trastámara e o de Lemos tiñan o mesmo nome Pedro Álvarez Osorio, e ámbolos dous foron coetáneos e non se podían ver diante sen rematar a espadazos un co outro, polo que isto non é unha proba que sinale que o noso protagonista sobreviviu a represión dos Andrade. A proba que nos faga saber se este tratase do mesmo que comandou as irmandades podería estar na súa morte. No ano 1458 estoura unha guerra entre a casa de Andrade e a das Mariñas, por aquel tempo os líderes dos dous clanes era por un lado Fernán Pérez “O Mozo” (fillo de Nuno Freire de Andrade) e Gómez Pérez, tío de Roi Xordo das Mariñas que, durante o conflito,  perde a vida nun dos ataques: “E matastes a Ruy Sordo de las Mariñas (…) regidor de la ciudad de la Coruña, al cual, después de muerto, dice que vos, el dicho Fernán Pérez de Andrade, le cortastes una mano y la habías traído dos días en la punta de una lanza (…)” (Carta de Henrique IV A Fernán Pérez de Andrade). A humillación póstuma que o señor de Andrade faille a Xordo mutilando o seu corpo podería sela proba definitiva, o pago polo sufrimento causado a súa familia é o dunha morte non fidalga, culminando a vinganza que seu pai non poido facer.

O Espartaco galego

Se no século XIX a historiografía rexionalista galega buscaba os fitos da historia de Galicia nos feitos dos grandes señores feudais e nas vitorias militares do noso pobo, coma a Francesada de 1809, o século XX vai traer a nova historiografía nacionalista, onde a ideoloxía de esquerdas será dominante, e que vai na procura dun Espartaco na nosa terra, ese heroe social que quixo rematar cos abusos do poder establecido na súa época. Que Roi Xordo non fose ese home que críamos non implica que non existiran estes persoeiros. No esquecemento está o escribán Xoán Branco, Capitán Xeral da Irmandade de Betanzos en tempos da Gran Guerra Irmandiña, el foi que acudiu ás Cortes a pedir permiso ao rei para facer irmandades en Galicia en 1465, e debeu ser un dos impulsores da chamada “Revolución Irmandiña” e por mor diso matárono anos despois; na mesma Irmandade de 1431 están os irmáns que faleceron na batalla de Pontedeume  ou logo sufriron a represión, persoeiros anónimos que dan forma o mito de Roi Xordo, porque quizais a clave sexa diferenciar o mito da persoa. Morrera na revolta ou nunha guerra nobiliaria moito despois o certo é que a vida do Roi Xordo histórico defínea a seguinte frase do cronista coruñés Vasco de Aponte ca que resume a vida doutro capitán das irmandades, Alonso de Lanzós, e que é aplicable á vida de Xordo: “Quixo acabar ca casa de Andrade e esta acabou con el”.

Para saber máis:

-López Carreira, Anselmo. Os Irmandiños, textos, documentos e bibliografía. Ed A Nosa Terra Vigo 1992.

-Pardo de Guevara, Eduardo. Los Señores de Galicia. Galicia Histórica. Ed Fundación Pedro Barrié de la Maza A Coruña 2000.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s