Que cidade ten máis lexitimidade para sela capital de Galicia?
Autor: David Sabucedo
Din que os galegos somos os máis localistas de España, defendemos tanto a nosa cidade ou vila que iso impediu que desenroláramos un sentimento nacional en Galicia. Seguramente o debate que máis nos dividiu ao longo a historia foi o da sede da nosa capitalidade. Sabes que cidades competiron por sela cabeza de Galicia? E que esa competición levou a fundación de Portugal?
Gallaecia, da provincia romana ao reino bárbaro
A designación do NO da Península coma Gallaecia (terra dos galaicos) debémoslla a Roma. Aínda que coñecemos os nomes dalgúns dos antigos poboados dos indíxenas (Coelebriga capital dos coelernos, Dactonium a dos Lemavos, Forum Limicorum a dos limicos, ect.) foi cos latinos con quen chegaron as divisións administrativas do territorio e a primeira capital dos galaicos.

En tempos de Augusto son fundadas sobre antigas poboacións indíxenas as cidades de Bracara e Lucus, estas serán as capitais do sur e do norte da terra dos galaicos, e cabezas dos seus respectivos conventus (subdivisións das provincias romanas). Nun primeiro momento a rexión é incorporada á provincia da Lusitania, sendo máis tarde integrada na Tarraconense, nunha data indeterminada do s.I d.C.; non será ata o século III, en tempos do emperador Caracalla, cando no NO crearase unha nova provincia, a Nova Citerior Antoniniana, a que se lle sumará o conventus Asturiciensis, con capital en Asturica Augusta; este nova demarcación administrativa será o xérmolo da Gallaecia, provincia creada por Diocleciano no s.IV, que terá a súa capital en Brácara, e a que se lle sumou un novo coventus, o Cluniacense, con capital en Clunia.
No século V o Imperio Romano de Occcidente caía e no seu territorio instalábanse numerosos pobos xermanos que crearon nel reinos independentes. A Gallaecia chegaron os suevos, e no 410 d.C. formaron o primeiro reino cristián de Occidente. A capital deste “reino bárbaro” foi a cidade de Braga, a vella capital provincial converteuse na Corte dos novos señores do territorio; mais nos anos de crise e guerra civil que sufriu o novo estado esta mudou a outros lugares coma a cidade de Lugo, a capital do norte, ou Auria (Ourense) vila que segundo a tradición acolleu a Corte sueva. No século VI os visigodos fanse co control do Galliciensis Regnum e convérteno nunha das tres provincias do seu reino (Hispania, Septimania e Gallaecia), mais manteñen as súas leis e o seu territorio que é gobernado por un membro da realeza co título de dux, un deses príncipes godos é Witiza que instala súa Corte en Tude (Tui).
Da Gallaecia alto-medieval ó reino de Galicia medieval
Ca chegada dos musulmáns á Península no 711 d.C. os centros de poder mudan por completo. O norte da vella Gallaecia manterase case ó marxe da influencia dos invasores, mais iso non implica que as vellas cidades coma Braga perderan o antigo rango de sede episcopal e cabeza de provincia, pasando a ser os bispos de Lugo os novos “primados” dos galaicos; por outra banda o poder real buscará instalar a Corte en territorios onda o poder non estea copado polos bispos, coma é o caso de Oviedo, en Asturias, ou León. A hora de Lugo coma capital galaica verase ensombrecida por un novo emprazamento que pouco a pouco chegará a ser o punto de referencia do NO, Compostela. A sede apostólica será engrandecida por reis e nobres, e seu crecemento será ininterrompido durante todo o período. A coroación dos reis galegos Ordoño II, Sancho Ordóñez ou Vermudo II na basílica de Santiago fará que esta comece a competir ca mesma Corte de Oviedo ou León.
No século X xa se comeza a diferenciar nas fontes a Galicia e os galegos; e no século XI o país dos galegos adquire rango de reino cando é nomeado García coma soberano, este restaurará a antiga sede metropolitana de Braga, mais non se lle coñece unha “capital” fixa, aínda que o mito sinale que tivo a súa corte na vila de Ribadavia.
Se tiveramos que buscar un Pai da Patria galega e unha cidade que fose seu berce esta podería sela Compostela de Xelmírez. O primeiro arcebispo de Santiago loitou contra Braga por convertela cidade do Apóstolo na metrópole eclesiástica galaica, unha pugna que rematou cun dano colateral que o compostelán non previu, a división das dúas Galicias, Bracarense e Lucense, e o nacemento do reino de Portugal. Xelmírez tamén tentou converter Compostela en sede rexia cando na catedral coronou coma rei ao futuro Afonso VII e logo cedeulle seu pazo coma residencia real, mais non logrou que o monarca escollera a catedral compostelá coma seu lugar de enterramento. Haberá que esperar os seus sucesores, os reis de Galicia e León Fernando II e Afonso VIII, para que Santiago tivera un panteón real. Aínda así seguirá habendo un recoñecemento por parte dos galegos da cidade de León coma: “nossa cabeça”.
Coruña administrativa do Reino de Galicia
A finais da Idade Media, século XV e comezos do XVI, outras vilas e cidades serán sedes dos poderes do reino: as reguengas (baixo autoridade real) Betanzos e Coruña levarán a voz cantante en eventos tan importantes coma o alzamento irmandiño, o deputado que pide as irmandades nas Cortes de Castela será o betanceiro Xoán Branco; ou mesmo Melide, o ser unha sorte de km 0 do Reino, será sede de asembleas das irmandades e mesmo dos fidalgos de Galicia. Chegados á Idade Moderna será a vila da Coruña a escollida pola monarquía para ser a capital do Reino de Galicia. Será nesta poboación onda os reis instalen a sede da Real Audiencia, que ata o reinado de Felipe II era itinerante, e onde o gobernador do Reino teña súa residencia.

No reinado dos Austrias créase en Galicia un órgano de goberno para cubrir os ocos que non daba tapado a Monarqía, a Xunta do Reino de Galicia, un consello composto por deputados das sete cidades: Santiago, Coruña, Lugo, Betanzos, Mondoñedo, Ourense e Tui. As chamadas “Cortes Galegas” reuníanse a lo menos unha vez o ano para tratar os temas que lles mandaba o rei (xeralmente tributos e levas de homes á guerra), a lugar das reunións non era fixo e soía ser a poboación onde se atopaba o gobernador, que actuaba de Presidente da Xunta, e na maioría dos casos era a súa residencia da Coruña. Aínda que neste período eran a cidade herculina a “nosa cabeza” dábase a curiosidade que nas reunións o deputado que falaba primeiro era o compostelán. Ca chegada dos Borbóns no século XVIII este órgano terá cada vez menos influencia.
Das catro provincias á autonomía
En 1833 o réxime liberal español abolía os antigos reinos e señoríos da Coroa de España, entre eles o Reino de Galicia. O Antigo Reino era substituído polas catro provincias actuais: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, as catro cidades adquirían o rango de capitais de cada territorio, esvaecéndose calquera vencelle administrativo entre elas. A Coruña coma sede do poder xudicial e financeiro da “rexión” mantivo o posto de capital de facto.
Un século despois as aspiracións autonomistas que xorden ca Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918 (esta cidade sería berce de numerosos movementos políticos durante o XIX) porá outra vez sobre a mesa a restauración dun “estado” galaico. Nas negociacións do estatuto dúas cidades loitarán por sela cabeza do país: Santiago, que era a escollida polos autonomistas para sela sede do autogoberno, e Coruña que non quere perdelo rango que tivera nos derradeiros séculos. Esa loita volverá na elaboración do segundo estatuto de 1982, onde algúns deputados coruñeses e composteláns chegaran as mans por mor de dito debate, coma lembrada o ex-presidente Rajoy nunha entrevista. A fin desta disputa será unha decisión salomónica: as antigas institucións coma o Tribunal Superior de Galicia ou a Capitanía Xeral do exército, así coma a Real Academia Galega ficarían na cidade coruñesa; indo a Compostela as novas consellerías e o parlamento.

Está vivo o debate da capitalidade?
Fai catro anos o alcalde de Vigo, Abel Caballero, comentaba que a cidade olívica cometera o grande erro de non estar presente no debate sobre a capitalidade, sendo esta a máis poboada e industrializada do país. O alcalde puña de pasada enriba da mesa unha cuestión que parecía saldada cando no proceso autonómico Pontevedra e Vigo deran seu apoio incondicional a Santiago. Nos últimos anos Partido Froilanista (grupo político-retranqueiro aínda que vendo coma esta o panorama poden selos máis serios de Galicia) pide que o pretendente a Rei da Galiza, Froilan III, sente súas reais posadeiras nun trono de granito en Lugo. Pola contra Ourense, fiel a súa liña de estar ó marxe, non tivo nunca dita pretensión, aínda que coma curiosidade dicir que o leste da provincia ourensá ten a cabeza eclesiástica en Astorga (a antiga Asturica Augusta cabeza de convento na Gallaecia) e moitos habitantes da zona fan vida nesa cidade .
Fai un ano falando cun coruñés sobre o tema prendeu de novo o lume do debate que eu cría morto e soterrado: el defendía que Coruña era a lexítima capital, e eu a vella e pétrea Compostela, tras unha longa discusión ó fin chegamos a un acordo, a ningún dos dous nos desgustaría que a capital de Galicia fose Braga.