DE CABEZA Á LOUCURA

A viaxe de Sam Shepard coa Rolling Thunder Revue

Autor: Phillip Jeffries


Estás no ano 1975, chegas unha tarde a túa casa e infórmante de que Dylan (nunha das súas etapas máis misteriosas, tras voltar pouco antes á vida pública tralo seu accidente de moto), ao que non coñeces de nada, chamoute ao teléfono mentres estabas fóra. Cal sería a túa primeira reacción? Pensar que estás ante unha broma dalgún amigo? Un erro de alguén? Ou fas caso ao que estás a escoitar e tratas de poñerte en contacto con el?

Unha mestura de todas estas ideas foi o que pasou pola cabeza dun Sam Shepard, descoñecido ata entón para o gran público, e que naquel entón levaba uns dez anos facéndose un nome coma escritor no mundo do teatro, que finalmente decidiuse por chamar de volta a Dylan.

O resultado foi a súa inclusión na que probablemente sería a viaxe máis tola da súa vida, nun auténtico circo ambulante, creado polo propio Bob, nomeado Rolling Thunder Revue, e no que estaban presentes toda clase de personalidades (dende escritores coma Allen Ginsberg, ata estrelas da música coma Joan Baez, Joni Mitchell, T-Bone Burnett, Arlo Gurthrie, Ramblin’ Jack Elliot ou Mick Ronson; ou auténticas celebridades do momento coma Muhammad Ali, que aparecería xa ao remate da primeira metade do periplo).

A idea era representar sobre o escenario a actuación total, non limitándose tan só á música; senón que tamén incluíndo outra clase de números, coma poderían selo os recitados de poesía.

Vinte dúas cidades do nordeste estadounidense serían as visitadas por este grupo de pseudovagabundos (Dylan insistiu moito en manter ao longo de toda a xira o que el denominaba “estética xitana”), sempre disfrazados, que aparecían de súpeto no lugar para ofrecer esta combinación de música, poesía e espectáculo para evaporarse no aire instantes despois.

Atopamos nesta época a un Dylan caracterizado pola maquillaxe branca e por ir eternamente ataviado cun espectacular sombreiro do máis rechamante, imbuído nunha auténtica tolería, con xente entrando e saíndo da xira continuamente a pracer, sendo un bo exemplo disto a visita de Patti Smith ou as continuas idas y vindas de Joni Mitchell, nun reino anárquico no que a loucura parecía mandar, pero sempre baixo o control do omnipotente e omnipresente xenio de Minnesota, cos concertos soando dunha maneira espectacular, na que moita xente considera a época máis potente de Zimmerman en directo.

Aínda que a maior parte dos recintos nos que actuaron eran de pequena capacidade, aparecendo os artistas ante audiencias que endexamais esperaron ver nada semellante nas súas vidas, todo remataría (ao menos a primeira metade da xira, que é a que contaría coa presenza de Sam Shepard) no Madison Square Garden, nun concerto co obxectivo de recadar fondos para o boxeador Hurricane Carter, encarcerado por causas racistas a raíz dun crime que nunca cometera, feito que non logra evitar que o escritor pregúntese que sentido ten semellante concerto como colofón final ao que fora unha xira ante pequenas audiencias, terminando o periplo nunca metafórica estrada principal, tras percorrer, literalmente, só estradas secundarias.

E cal era a función do noso escritor en medio de toda esa tormenta artística? Pois a de crear o guión dunha película que Dylan tiña pensado filmar de forma simultánea ao transcorrer da xira. Este libreto nunca chegaría a existir, e o resultado final foi un libro estraño; unha crónica ou diario de viaxe, publicado no ano 1977, baixo o título “Rolling Thunder: Con Bob Dylan en la carretera”. O proxecto cinematográfico de Bob, pola súa parte, remataría sendo “Renaldo and Clara”, estreada no 78, de desastrosas críticas no seu momento (e actualmente cada vez más reivindicada, a pesar de todo), imposible de encontrar no mercado, tras deter o propio Dylan a súa distribución, e só dispoñible en Internet.

“Rolling Thunder: Con Bob Dylan en la carretera” é un libro peculiar, no que mestúranse acontecementos reais da xira (visita á tumba de Jack Kerouac incluída), con momentos de auténtico surrealismo, e pequenos textos que chegaron a ser escritos para a película, xunto a outros que incluso chegaron a ser filmados, narrando neses casos como desenvolvíase a escena. Todo isto viu a luz coa compaña das fotos que neses meses tomou Ken Regan, todas en branco e negro.

O libro, a modo de curiosidade, pecha cunha anécdota a modo de epílogo, que da boa conta da peculiar personalidade de Dylan, a raíz do sucedido no estreo dunha das obras de teatro de Shepard posterior á xira; pero falar da forma de ser do músico daría para outras moitas publicacións, e non é hoxe o tema que nos compete.

O recentemente falecido (27 de xullo de 2017) Shepard, que co paso do tempo alcanzaría a fama grazas, entre outras cousas, a gañar o premio Pulitzer ou ser o coguionista da marabillosa “Paris, Texas” e que mantería a amizade con Dylan ao longo do tempo tralo proxecto, e ata chegaría a escribir con el a canción Brownsville Girl, incluída no álbum Knocked Out Loaded, aportou con este libro un punto de vista diferente e único a loucura que a Rolling Thunder Revue supuxo. De que outra forma poderíamos haber sabido de momentos coma esa conversa entre Dylan e Baez, coa segunda vestida de noiva, que o propio autor define coma “ou o peor melodrama do mundo ou a mellor confesión cara a cara que haxa sido filmada nunca”, só por poñer un exemplo?

1975 foi un ano movido para Dylan (publicación de Blood on the Tracks, implicación no caso de Rubin Carter, aparición dunha das mellores cancións do artista como o foi precisamente Hurricane, ou a formación e xira da Rolling Thunder Revue, sendo o ano anterior cando voltara a xirar tras oito anos sen facelo despois do seu accidente de motocicleta) e alí estaba Sam Shepard para contalo e dar boa fe de todo o que ocorría relacionado co mencionado tour, deixándonos coma testemuña este libro único e totalmente recomendable para calquera fan de Dylan, que supón unha boa fotografía dos tempos que naquel entón estábanse a vivir, tanto social coma musicalmente.

Sam Shepard e Bob Dylan
Sam Shepard e Bob Dyllan

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.