Se hai algo que caracterice ó pobo galego é o localismo exacerbado, o galego sempre quererá que a súa casa, aldea, vila ou cidade sexa mellor que a do veciño. Esta característica témola dende sempre e condicionou a nosa historia. No século XII o Códice Calixtino (célebre fai uns anos) xa sinala, cando fala das xentes de Galicia, que estes son litixiosos. George Borrows (ó que lle debo un artigo propio) na súa obra A Biblia en España fai mención do exaltado patriotismo local dos galegos nas súas visitas a Pontevedra, onde os veciños mostráronlle a xenreira que tiñan a Vigo e as súas xentes, e a Santiago, cidade da que di “ten o sentimento localista máis forte de España”. Algúns historiadores sosteñen que este sentimento de orgullo pola “patria chica” foi unha das razóns que impediron o desenvolvemento dun sentimento nacional a gran escala en Galicia, como si ocorreu noutros territorios de España.
En Castela hai un refrán que di “O somos gallegos o no nos entendemos” (o cal empreguei para dar nome a este artigo), que ven a referirse a esta falta de unión entre entre os habitantes de Galicia. Este dito ven duns feitos ocorridos moitos séculos atrás, e para algúns investigadores é o comezo da rivalidade norte-sur de Galicia, hoxe en día representada no eido futbolístico polo Celta e o Deportivo. A historia é a seguinte:
A comezos do século XV o rei de Castela (cuxo nome non ven o caso) quixo probala gloria da vitoria militar contra os infieis e declaroulle a guerra a Granada, polo que chamou os seus exércitos. En Galicia foron chamados os tres tercios ordinarios, o de Santiago, comandado polo señor de Moscoso; o de Lugo-Mondoñedo, mandado polo señor de Quiroga; e o de Tui-Ourense, capitaneado polo señor de Soutomaior.

Marchando os tercios dirección a Castela xuntáronse en Benavente o Moscoso e o Soutomaior, na reunión comezaron a discutir que tercio debía abrila marcha, defendendo ambos con tanta paixón o seu dereito e os da súa terra a ir diante que chegaron as mans, feito que derivou nunha batalla campal entre ámbolos dous tercios onde, segundo as fontes, pereceron mil almas de cada bando (hoxe en día podemos afirmar que o número de mortos é esaxerado).

Coñecidos os feitos, os señores locais e algúns cabaleiros galegos acudiron a intentar por paz entre os dous caudillos, o final tras moita discusión botaron a sortes quen iría por diante a auténtica guerra, sorríndolle a fortuna a Moscoso e os da Terra de Santiago. Estes feitos non quedaron sen castigo, o chegar a Valladolid o rei ordeou o detención dos dous nobres e deulle o mando dos tercios a outros capitáns, continuando as milicias de Galicia o seu camiño a guerra contra o musulmán.
Para a posteridade quedarían as verbas dun cabaleiro galego que véndose no imposible que resultaba por de acordo aos capitáns enfrontados exclamou: “Somos galegos e non nos entendemos”.
David Sabucedo Cardero
Un comentario en “O somos gallegos o no nos entendemos”