“Era el año 1128. Oficialmente las dos Galicias se separaban.”
Victoria Armesto, Galicia Feudal.
No corazón da rexión Norte de Portugal atópase a cidade de Guimaraes, tradicionalmente coñecida coma o Berce de Portugal. Este alcume venlle da capital importancia dos feitos que nela ocorreron e que foron claves para o nacemento do país, sucesos que están moi fortemente vencellados a Galicia e que mudarían para sempre a historia de ámbolos dous territorios. Coñezamos estes sucesos a través dun pequeno paseo pola urbe e a súa historia.
A propia toponimia da cidade ten que ver con Galicia, para coñecer de onde ven o nome de Guimaraes temos que viaxar moi atrás no tempo, a esa época que coñecemos por Reconquista: No século IX o caudillo galaico Vimara Pérez emprendeu a conquista e colonización das terras ao norte do río Douro, tomando a cidade do Porto; ao rematar a campaña creou o Primeiro Condado de Portugal, do que el e seus descendentes serían señores ata o século XI, cando o rei García de Galicia venceu ó derradeiro conde da liñaxe e integrou o condado no seu reino. Diredes vale xa sabemos como se fundo o condado portucalense pero, que ten que ver isto co nome da cidade? Pois todo, xa que Vimara Pérez fundou unha nova poboación no seu señorío e púxolle seu nome, Vimaraes, que co paso do tempo evolucionou en Guimaraes.

Ó pasear polas rúas da Cidade Histórica (Patrimonio da Humanidade dende 2001) podemos admirar os fermosos edificios de épocas e estilos dispares no tempo, que van dende estreitas canellas medievais a pazos barrocos, ou edificios decimonónicos, construídos seguindo as técnicas tradicionais portuguesas. Se vos fixades nos balcóns poderedes ver en varios unha bandeira cunha cruz azul sobre fondo branco, o emblema do condado portucalense, o que é un claro exemplo da conciencia histórica dos habitantes da cidade, hoxe en día a bandeira condal comparte espazo ca bandeira nacional portuguesa por mor da celebración do campionato europeo de fútbol.

Se tomamos camiño ao Pazo dos Duques de Bragança veremos os restos da muralla construída no século XIII polo rei don Denís (un dos grandes trobeiros galaico-portugueses) e chegaremos a praza de Muniadona Díaz, onde se atopa unha estatua da mesma muller. Esta señora foi unha personaxe moi importante do medievo de Guimaraes aló polo século X, xa que mandou edificar algúns dos edificios máis representativos coma son o Mosteiro de San Mamede (que actuou coma reclamo para a chegada masiva de xente á nova cidade) ou o castelo que, xunto co pazo ducal, é o monumento máis coñecido do lugar. Díaz foi muller do galego Hermenexildo Sánchez, o cal chegou a ser conde de Portugal.
Unha vez chegados a este punto temos que continuar ata o Pazo dos Duque de Bragança, a carón do cal está o castelo. Ante a entrada principal ao pazo está a estatua de Afonso Enríquez, o primeiro rei de Portugal. Ata o de agora conteivos algunhas curiosidades da cidade que en maior ou menor medida enlazan con nós, pero a historia do nacemento de Portugal é a que ten que ver con este home. Coñezamos como sucedeu:

Aló polos anos vinte do século XII a condesa Teresa gobernaba o condado de Portugal (restaurado había uns anos), o territorio por aquel entón ía dende o Miño a Coimbra, e incluía Tui e Ourense. Esta muller era irmá da raíña Urraca de León e din as crónicas da época que sentía unha gran carraxe e envexa por ela. En segredo Teresa chamábase Rainha, e rexía seu territorio de maneira semi-independente. Estivera casada co conde Enrique de Borgoña, co que tivo dous fillo, Afonso e Urraca. Tras enviuvar viaxou a Compostela e namorouse dun fillo do Conde de Traba (o nobre máis grande de Galicia), Fernando Pérez, co que comezou unha relación amorosa, por aquelas ela tiña 32 anos e el 25. Isto foi un gran escándalo, xa que Fernando repudiou a súa muller e foise a Portugal, onde vivía con Teresa sen estar casados; foi tal a que se liou que din que o bispo de Viseu chegou a rifarlles en pleno sermón da misa polo gran pecado que cometían. Pese a todo a relación entre ámbolos dous continuou, e dela naceron varios fillos. No seu novo fogar portugués e apoiados pola Rainha, os Traba fixéronse co control do condado: Fernando foi nomeado gobernador de O Porto e Coimbra e actuaba coma o conde de facto; e seu irmán Vermudo era gobernador de Viseu (este casara ca filla de Teresa).

O excesivo poder do clan galego en Portugal molestou á aristocracia local, sobre todo ao arcebispo de Braga, o cal pensaba que estas estreitas relacións da Rainha cos galegos podía facer perder a súa sé ser a cabeza eclesiástica de Galicia en favor da Compostela de Xelmírez (aliado dos Traba). O arcebispo valéndose da axuda da fidalguía do sur do país, rebelouse contra Teresa e Fernando, co pretexto de defender o dereito ao goberno de Portugal do fillo desta, Afonso Enríquez. Os rebeldes fixeron de Guimaraes a súa base, polo que ata alí desprazáronse Teresa e os Traba para rematar co levantamento. O 24 de xuño de 1128 os dous bandos enfrontáronse no campo de San Mamede, preto da cidade, batalla da que saíu vitorioso Afonso Enríquez. Os dous amantes foron capturados e Traba foi expulsado do territorio portugués, mais levou con el a Teresa. Afonso foi nomeado conde e anos despois sería proclamado rei de Portugal.
Xa volvendo ao presente cada día de San Xoán se conmemora a batalla de San Mamede en Guimaraes, nunha festa medieval na que se recrean os feitos. A batalla é considerada pola historiografía tradicional portuguesa coma unha guerra de independencia contra os reis de León, polo que este feito será tomado coma o inicio da historia do país coma entidade independente.
Agora xa sabedes porque os veciños de Guimares puxeron cheos de orgullo esta frase nos restos da vella muralla: “AQUI NASCEU PORTUGAL”.
David Sabucedo Cardero
Para saber máis:
-Armesto, Victoria. GALICIA FEUDAL, Ed. Galaxia, A Coruña 1994.
3 comentarios en “AQUÍ NACEU PORTUGAL”