“Benvidos a Compostela, benvidos á Xerusalén de Occidente”
(Diego Páez en “O final do Camiño”)
O pasado mércores 11 de xaneiro estreouse simultaneamente en TVE e TVG a serie O Final do Camiño, unha produción que mestura o xénero histórico co de aventuras. A trama enmárcase na Galicia do século XI nos anos que comezou a construción da catedral románica de Santiago de Compostela. Teño que dicir que a bagaxe que temos en España de series deste tipo non facía que tivera grandes esperanzas co resultado desta, basta que pensemos noutras obras coma Hispania la leyenda, Imperium ou Toledo, traballos que pasaran ós “anales” da nosa televisión (e cando digo “anales” refírome á zona onde as costas perden seu nome) polo menos no que a rigor histórico se refire. A verdade é que visto o piloto máis que decepción coma nas outras o que me deixou foi un sentimento agridoce. Na súa defensa, hei de confesar, que teño o coñecido coma “mal do historiador”, o que ven sendo que ó coñecer os feitos nos que se basea unha serie, novela ou película histórica vense antes os erros, sobre todo os relacionados co contexto histórico (os de decoración nos que se ve o cartón pedra pode velos todo o mundo).
A construción do templo de Compostela foi un feito transcendental da nosa historia, e os sucesos que naquel tempo ocorreron é probable que sexan chave para entender a Galicia tal e coma é hoxe en día. Por iso eu convídovos a que viaxes comigo á verdadeira Compostela do 1084, onde imos coñecer que historia agocha o final do Camiño:
A Xerusalén de Occidente.
En 1071 Diego Páez (interpretado na serie por Juan Fernández) é nomeado bispo de Iria-Compostela polo rei Sancho II. Por aquel entón ó redor da tumba do apóstolo había unha pequena aldea amurallada, e coma edificio de culto unha basílica que pouco ten que ver co gran templo de agora. En menos de 100 anos a cidade fora saqueada dúas veces, a primeira polos piratas vikingos e a outra polas tropas do caudillo musulmán Almanzor, este último arrasou por completo a poboación, respectando só a tumba do Apóstolo. Por se os inimigos externos non foran de abondo os propios nobres galegos tamén eran unha ameza para os bispos, xa que estaban desexosos de gozar eles tamén das riquezas que atraía o sepulcro. O antecesor de Diego no cargo, o bispo Gundesteo, foi asasinado e despezado polos homes de seu propio tío, o conde Froila, nun episodio que pouco ten que envexar os vistos na televisiva obra de G.R. Martin Game of Thrones. Tampouco os membros do cabido (órgano de goberno da igrexa) eran uns “santiños”, xa que preferían vestir capa e espada ca sotana de crego.

Diego Páez iniciará as reformas que precisaba a sede apostólica tan pronto chega o cargo. Primeiro reforma o cabido impóndolle unhas normas de comportamento e imaxe, e restablece o número de membros deste órgano. Crea unha escola catedralicia en Compostela, de onde sairán homes coma Diego Xelmírez que chegará a ser o primeiro arcebispo compostelán. No eido da seguridade reforza a fortaleza das Torres do Oeste, na ría de Arousa, castelo que era chave para evitar os ataques de piratas sarracenos, que tal e coma se ve no inicio da serie era lago habitual naqueles tempos. Para maior seguridade da súa persoa rodéase de xente da súa confianza nos mandos militares da terra de Santiago, coma é Xelmiro (pai de Diego Xelmírez) o que fai gobernador de Iria (é posible que neste persoeiro se inspire a personaxe de Gonzalo, Antonio Velázquez, na serie).

Mais o verdadeiro obxectivo deste prelado era engrandecer coma ningún outro a Igrexa de Santiago, polo que comeza a construción dun novo templo por riba da vella basílica. En todos os anos que transcorreran dende o “descubrimento” do sepulcro o número de peregrinos non deixaba de medrar e o espazo para aloxalos facíase pequeno, Compostela estábase a converter nun dos grandes lugares de peregrinación da cristiandade, competindo con Roma e Xerusalén. As obras comézanse en 1074 e son levadas a cabo polo mestre Bernardo. En 1088, tras varios paróns nos traballos por diferentes inconvenientes, a nova catedral xa é unha realidade, polo menos na estrutura principal.
O señor de Galicia.
Nestes anos a península vive tempos convulsos. En 1071 fora deposto o rei de Galicia García polos seus irmáns, Sancho (rei de Castela) e Afonso (rei de León), os cales repartíronse o reino galego. Dous anos máis tarde Afonso asasina a Sancho, que nomeara a Páez no seu cargo, e queda cos tres reinos tras pechar a García no castelo de Luna en León. Estes feitos producen na nobreza galega unha gran xenreira cara Afonso de León, o que leva a algúns nobres a rebelarse contra este rei que consideran un usurpador. Neste contexto o bispo Diego tentará poñerse á cabeza da aristocracia galaica e ser o verdadeiro señor de Galicia, como medio de manter a orde no reino.

A posición do bispo compostelán mudará en 1085 cando a cidade de Toledo é conquistada polos exércitos de Afonso VI de León. Historicamente cidade era a cabeza da Igrexa hispana, o que supón que o voltar a mans cristiás Santiago quedaría nun segundo plano, algo que Paéz non pode tolerar. Para máis problema o rei non deixaba de esixir prata a Compostela para as súas campañas militares, e se a todo isto xuntamos a `pouca graza que lle ten o bispo ó rei, que considera un usurpador, a rebelión é cuestión de tempo.
Ese mesmo ano Páez xúntase con algúns dos magnates galaicos e ponse en contacto co Guillerme O Conquistador, rei de Inglaterra, a quen promete entregarlle o reino de Galicia se lle axuda na súa rebelión contra o rei de León. Hai quen di que o trato era casar o rei García de Galicia ca filla do rei inglés unha vez que este axudara a liberar a García da súa prisión. Todo parecía poñerse de cara para os rebeldes galegos cando o mesmo tempo que eles álzanse os almorávides do Norte de África (que na serie lémbranme a membros do ISIS) invaden a península en axuda dos reinos musulmáns e derrotan as tropas do rei leonés. Dous anos dura a rebelión, en 1087 morreu Guillerme de Normandía, rei de Inglaterra, e seus fillos desinterésanse da cuestión galega. Afonso VI ataca ós rebeldes e derrótaos preto de Ortigueira; Páez é detido polo rei, despoxado do bispado compostelán e tras ser xulgado en Husillos é metido en prisión.
No piloto da serie comezan a narrar a rebelión de Páez, mais coma dato curioso en ningún momento refírense a esta coma unha rebelión de Galicia, ou máis ben dano a intuír nomeando ao rei García; incluso prefiren denominala rebelión de Compostela, chegando a chamarlle a García rei de Compostela! E eu pregúntome, acaso alguén teme un efecto Brave Heart? Filme que trala súa estrea subiu os votos dos nacionalistas escoceses.
Diego Páez rematou seu días no reino de Aragón. Tras uns anos de prisión logra fuxir do cativerio e refuxiase nesta terra, da que dise que era orixinario. Antes ca el en 1090 García morre no castelo de Luna, seu irmán Afonso queda coma indiscutido emperador das Españas. O leonés para asegurarse o control de Galicia divide o reino en dous condados, Galicia ó norte do Miño e Portugal ó sur, ámbolos territorios seguirán o seu camiño por separado, quedando a nosa terra vencellada por sempre a León e Castela. As obras da catedral serán continuadas por Diego Xelmírez que será o verdadeiro impulsor do culto xacobeo e quen fará de Compostela unha verdadeira Cidade Santa, iniciando unha era de esplendor cultural e político de Galicia coñecido coma Era Compostelá.
“Cuando Mario conoció a Clio”
Este era o título dunhas xornadas que se facían na facultade de Historia de Ourense, nelas falábanse das novas ferramentas para a difusión da historia como son os videoxogos, unha novela, unha serie ou unha película. Está claro que para o gran público estes medios fan máis sinxelo aprender o pasado, xa que a vez están entretidos, cousa que un vello manual non consegue facer. O Final do Camiño pode cumprir esa función de ensinar algo da historia de Galicia as súas xentes, xa que esta para a maioría dos galegos é unha gran descoñecida.
Para rematar quixera dicir que esta non é unha crítica da serie, xa que eu non fago esa labor, simplemente quixen falar dun episodio da nosa historia que penso que é digno de ser lembrado.
Autor:David Sabucedo Cardero
Tamén pódeche interesar:
Un comentario en “O FINAL DO CAMIÑO”