JACOBSLAND, UNHA ROMARÍA VIQUINGA

“A furore normannorum libera nos Domine/ Da furia dos homes do norte libranos Señor.”

(Oración altomedieval)

Di a tradición nórdica que Odín é o deus dos camiños e patrón dos peregrinos, el mesmo recorre acotío os camiños do mundo na forma dun home vello de longas barbas brancas; vestido cun abrigo escuro, sombreiro vello e portando un caxato ou vara. Non sei se as peregrinacións de Odín  levaríano nalgunha ocasión a percorrer O Camiño dos camiños, aquel que leva a Compostela, pero dende logo seus fieis viñeron en numerosas ocasións a Galicia atraídos polas riquezas que posuía o santuario do Apóstolo. Inda a día de hoxe os terribles homes do norte desembarcan no noso país.

Na primeira fin de semana de agosto catro drakkars (embarcacións viquingas) chegan a ría de Arousa e intentan tomar terra na localidade de Catoira, onda o pé das vellas Torres do Oeste a poboación nativa tenta impedir o desembarco. Cando xa pasou máis dunha semana da Romaría Viquinga semella que non paga moito a pena falar deste feito, neste mundo onde a información ten que chegar ao público case ao momento de estar ocorrendo o suceso en si, mais neste caso para min non vale ese dito de “pasado o día pasou a romaría” xa que considero que a historia recreada nesta festa é de moito interese, e calquera día é bo para falar dela. Esta celebración, que xa leva case 60 anos celebrándose, recrea as numerosas campañas que cada verán os piratas normandos realizaban nos países cristiáns. De sobra son coñecidas as incursións que fixeron en Francia ou Inglaterra, series televisivas modernas coma Viquingos baséanse nas aventuras dos escandinavos naquelas terras, pero o certo é que Galicia foi un enclave de atracción para estes pobos que denominaban ao noso país coma Jacobsland (Terra de Santiago).

vikingos2
Barcos normandos nunha miniatura medieval.

A primeira vez que os lordemanos (coma se coñecían aquí) chegaron a Galicia foi no 844, e volverían en cinco ocasións máis ao longo de dous séculos. A historia que se recrea en Catoira baséase na derradeira campaña dos escandinavos na nosa terra, que levou a cabo o caudillo Ulf “O Galego” (alcume que lle ven dado polas súas correrías en Galicia) no século XI. Este persoeiro esta dacabalo entre o mito e a realidade, parece ser que durante uns 40 anos pululou polas nosas costas dende que participara noutra incursión en 1015 baixo o mando de Olaf Haraldson, daquela fora saqueada toda a ribeira do Miño dende Tui a Ourense, e ámbalas dúas cidades foron arrasadas. Nos anos seguintes este Ulf, ao parecer, chegou a combater coma mercenario xuntos cos seus homes ao servizo dalgún conde galego que se rebelara contra o rei de León, mais non esta probado (inda que si é certo que naquela época os señores galaico-leoneses empregaron nalgunha ocasión os servizos de guerreiros viquingos). O caso é que “O Galego” en 1048 entrou cas súas naves pola ría de Arousa e saqueou a rexión. Para rematar con esta ameaza, xa que unha vez entrado na ría podíase remontar o Ulla ata Santiago, o bispo compostelán Cresconio reuniu un exército e enfrontouse ós homes do norte, ós que derrotou e expulsou. Unha vez que estes volveron as súas terras o prelado galego mandou construír unha fortaleza onda Catoira para defender a ría dos ataques destes piratas, O Castelo Honesti, que nos tempos modernos chamamos Torres do Oeste.

Parece ser que case mil anos despois daqueles feitos as oracións dos aterrados europeos daquel tempo foron escoitadas, xa que agora os viquingos volven a Arousa unha vez o ano, pero a súa sede de sangue e riqueza mudou pola de festa.

David Sabucedo Cardero

Para saber máis:

Morales Romero, E. Los viquingos en España. Ed. Miraguano, Madrid, 2006.

-Badal Salvador, M.A. El señor de Lordemanos. Ed. De Librum Temens, Madrid, 2011. (Novela).

Un comentario sobre “JACOBSLAND, UNHA ROMARÍA VIQUINGA

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s