Pódese contar a historia de Galicia en 10 min?

Unha crítica ó video Historia de Galicia en 10 minutos

Autor: David Sabucedo


O 14 de decembro a plataforma vasca Carki Productions publicou na súa canle de youtube o video Historia de Galicia en 10 minutos, traballo que en poucas horas colouse nas redes socias de medio país e nas páxinas dos principais medios de información, acadando unha opinión bastante encontrada por parte do público e variadas críticas en canto a rigorosidade histórica do mesmo. Unha vez vista a filmación, que erros históricos comete?

– O comezo fálase de que a os pobos que habitaban a rexión NO da península eran de orixe celta, mais non vou entrar neste tema xa que debería ter un artigo propio (e de moitas páxinas), digamos que nas derradeiras décadas o debate entre celtistas e anti-celtistas foi dos máis quentes da nosa historiografía.

castro de Viladonga (xunta.gal)
Castro de Viladonga (xunta.gal)

-Cando falan da conquista romana refírense a historia do Monte Medulio (lugar que aínda non foi localizado) un episodio que puxo fin ás chamadas Guerras Cántabras, no 19 a.C., e completou o dominio da Península por parte de Roma. O galeguismo fixo famoso este episodio de resistencia numantina dos galaicos, mais o capítulo máis relevante da conquista romana (que nós coñezamos a día de hoxe) foi a expedición no 138 a.C. de Décimo Xunio Bruto “O Galaico”.

Por aquel tempo Bruto tomou coma sobrenome o do seu inimigo galaico e tinguiu de sangue a terra de Hispania (Paulo Orosio s.IV-V)

Ariamirogaliza
Ariamiro, rei dos suevos (Codex Vigilanus s.X)

-No 409 d.C os suevos entran nas Hispanias e, no 410, supostamente asinan un pacto con Roma, que estaba en decadencia, polo que se poden instalar na provincia de Gallecia. Ó contrario do que se di no video ó principio si houbo enfrontamentos violentos ca aristocracia galaico-romana, mais iso non impediu que os xermanos constituíran un renio na provincia, do que se di que foi o primeiro reino cristián europeo da idade media, e durará case dous séculos, o coñecido coma Galliciensis Regnum.

-No século VI d.C. os visigodos depoñen o último rei suevo e anexionan o reino a súa coroa, mais manterano coma unha das provincias das que son señores: Gallaecia, Hispania e Septimania ou Galia,  e porán a un dux o seu cargo. Este é un dato importante o que si fan referencia e que soe ser descoñecido polo “gran público”.

-No 711 os musulmáns entran na Península e derrotan os godos, mais ao contrario do que se di no video non tiveron dominio directo sobre as terras de gran parte da Gallaecia, só unha breve presenza militar nos primeiros anos. Eses continxentes son que foron derrotados nunha escaramuza por un princep local chamado Paio.

Levantouse en terra de Gallaecia un asno salvaxe chamado Paio… (Al-Maqqari s.X)

-O reino de Asturias, e posteriormente de León, é unha designación que lle deu a historiografía tradicional española no s. XIX, o nome daquel territorio era Gallaecia, e así era designado nas fontes árabes e cristiás peninsulares, e tamén pola europeas. O topónimo manterase ata o século XI.

-A “inventio” do sepulcro do Apóstolo Santiago en tempos de Afonso II de Oviedo puxo os ollos das cristiandade no territorio, mais recentes estudios desmenten a teoría que o NO fose unha rexión illada anteriormente, xa dende tempos dos pobos pre-romanos tivo unha importante rede comercial por vía marítima ca o Norte de Europa e o Mediterráneo.

teodomiro
Bispo Teodomiro descobre o sepulcro (Tombo da Catedral)

-No s.X os reis trasladan a súa corte a León. Por aqueles tempos os árabes comezan a sinalar que dentro da Gallaecia (Yilliqiya) na zona occidental está Galicia (Galisiyya), tamén na documentación do reino cristián comeza a falarse de galegos (antes era moi raro atopalo xentilicio nas fontes). Nese territorio que chega do Cantábrico ó río Mondego xorden cada certo tempo reis propios coma son por exemplo Ordoño II, Sancho Ordóñez ou Vermudo II, príncipes que son coroados en Compostela, e culminará co Reino de Galicia de García.

Entón naqueles días dous condes excitaron os galegos a unha guerra entre si…(Testamento de Odoyno s.X)

-No século XII o reino de Galicia divídese en dous, e Portugal converterase en reino independente, o norte do Miño seguirá vencellado ós monarcas de León, que se denominarán reis de Galicia e León. A unión das coroas de León e Castela no s.XIII levará a nosa terra a ser domino dos reis casteláns, mais iso non fará que perda o estatus de reino.

-No video dáse a entender que as guerras dos Irmandiños foi un levantamento popular na que as xentes ían destruír castelos con fachos e forcados, mais foi un movemento que emerxeu das cidades e vilas e era dirixido por burgueses e fidalgos, e os exércitos que dirixían ían ben armados, non esquezamos que era o pobo quen servía os señores nas súas guerras. Tamén, o contrario do que se di na filmación, despois da derrota non houbo unha represión xeneralizada, o castigo imposto foi a reconstrución das fortalezas derribadas.

Ao dito tempo Pardo de Cela, mariscal, dixéralle ao dito Conde que enchese os carballos dos ditos vasalos, e o dito Conde dixera que non se había de manter dos carballos (Preito Tabera-Fonseca s.XVI)

-O vicerrei que poñen os Reis Católicos non está para controlar que non haxa máis revoltas coma a dos Irmandiños, senón para “domar” á nobreza; é máis, Isabel e Fernando rematan a labor que comezaran as Irmandades, e polo camiño rematan cas forzas vivas do país.

SAMSUNG DIGITAL CAMERA
Fortaleza dos Andrade (wikipedia)

-As Cortes de Castela xa as había na Idade Media. Nunha data indeterminada do s.XV o Reino de Galicia perde a representación nelas, quedando representado polo deputado da cidade de Zamora. A loita por recuperar o voto en Cortes durará case dous séculos, ata o reinado de Felipe IV (s.XVII non XVIII), o Reino debe pagar por el 100 mil ducados que son destinados á construción de seis navíos para defensa das costas galegas (Malditos turcos!). O que recupera é o voto nas Cortes de Castela, non o título de reino que nunca se perdera.

O dito Reino (de Galicia) […] poda elixir e nomear procuradores e darlles seu poder bastante para vir ás ditas Cortes e asistir nelas e facer e conceder por Cortes no nome de dito Reino… (Célula de Felipe IV dándolle o voto en cortes o Reino de Galicia, 1623)

-No século XIX comeza o éxodo masivo de galegos cara o exterior, mais o certo é que a emigración xa comezara nas centurias anteriores cara Castela e Portugal, e en menor medida a América.

-A historia do nacemento do galeguismo é contada brevemente e céntrase na labor cultural, cousa que non me pareceu mal, xa que este movemento onde maior éxito colleitou foi neste eido; no que á política se refire non acadou unha gran masa social coma nos casos catalán e vasco.

Participantes-Asamblea-noviembre_EDIIMA20131118_0422_13
Asemblea de Lugo de 1918 (cultural.gal)

Algúns feitos importantes da nosa historia non son tratados: a expedicións de Bruto e Xulio César ó NO; a creación da provincia de Gallaecia por Roma no s.III d.C.; o papel de Galicia na Coroa de Castela (s.XIII-XIV) na que o reino foi escenario da Guerra dos Cen Anos; a Xunta do Reino de Galicia, a asemblea das sete cidades no Antigo Réxime; a batalla de Rande; a Francesada, a guerra contra os franceses de Napoleón, cando a nosa terra foi o primeiro reino que expulsou ós invasores; etc. Pola contra inclúe temas coma o narcotráfico, unha moda dos últimos anos que non fixo máis que “blanquear” a imaxe dos “narcos”.

Resumir en 10 minutos a historia de XX séculos é unha labor imposible, pero polo menos que o que se conte estea ben documentado é importante. Este tipo de traballos nos que a historia se narra dunha maneira amena e dinámica soen ter éxito e chegan a milleiros de persoas, e se a mensaxe está trabucada á labor divulgativa fará máis dano que beneficio; e por desgraza o coñecemento do pasado da noso país por parte dos seus naturais non está para danalo moito máis, xa chegou dabondo o que fixo a serie O Final do Camiño.


Para saber máis:

Historia de Galicia en 10 minutos (Carki Productions)

Un comentario en “Pódese contar a historia de Galicia en 10 min?”

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.