Cine de calidade ou facer negocio da miseria?
Autor: Phillip Jeffries
Poucos días despois da clausura do Festival de Cine Internacional de Ourense, e podendo facer xa valoracións máis en frío, é momento de falar dun dos auténticos bombazos do certame: Capharnaüm.
Película de orixe libanés, dirixida por Nadine Labaki, o que aquí atopamos é unha metraxe que logrará remover as túas emocións, cunha sinopse que xa pon a pel de galiña antes aínda de ver nada dela, e que non podería ser máis engaiolante: “Tribunal internacional. Zain, un neno de 12 años, declara ante o xuíz. O xuíz: Por que demandaches aos teus propios pais? Zain: Por darme a vida.”

Ao longo da metraxe coñeceremos a este rapaz, neno de idade descoñecida, pois os seus pais nin tan sequera tiveron a decencia de comunicar o seu nacemento no rexistro civil. A situación deste chico non podería ser máis dramática. De orixe máis que humilde, formando parte dunha familia que recorre a todo tipo de ilegalidades para poder gañarse a vida, e que non sinte ningún tipo de cariño nin por el nin polo resto dos seus irmáns, o noso protagonista leva unha vida chea de miseria, alcanzando o seu punto crítico cando os seus pais dan en matrimonio á súa irmá, de 11 anos, a un home de máis de trinta.
Será nese momento cando Zain, farto, decida marcharse da súa casa. Tras un tempo de vagabundeo, tratando de encontrar traballo nun parque de atraccións, remata coñecendo a Rahil, muller etíope, traballadora nese mesmo parque, coa que pasará a vivir, atopando o máis próximo a unha vida familiar que terá ata ese momento, con ela encarnando a figura de nai, e Yonas, o seu fillo, a de irmán.
Todo parece ir ben, pero os problemas voltarán cando ela desapareza, tendo que ser un neno pequeno o que se encargue de manter con vida a outro que o é aínda máis, pelexando contra todos os obstáculos e adversidades que a vida xeral xa pon de por si, é que, coma é lóxico, increméntanse cando é un neno o que ten que actuar coma se de un adulto se tratase.
Nun mundo tan polarizado coma o actual, esta Capharnaüm, non podía ser doutra forma, está a provocar unha auténtica división entre o público dunha maneira que fai tempo que non se vía. A pregunta é a seguinte: Estamos ante unha película que denuncia a situación que estase a vivir nos países de condicións semellantes ás retratadas na metraxe ou ante un produto manipulador que busca xogar coas emocións do espectador para que fale ben do que viu, sen importar a calidade real do filme?
A xente estase a dividir en dúas faccións. A dos que pensan que supón facer negocio da miseria allea e a dos que pensan que a película supón en todo momento unha denuncia á situación que millóns de nenos viven ao redor de todo o mundo.
Baixo o meu punto de vista, estamos ante o segundo caso, non dándose o primeiro para nada.
A película é máis que evidente que, no aspecto emocional, vai ao fácil, e o mellor exemplo disto é que sexan dous nenos pequenos os que rematan sendo os principais protagonistas do que vemos en pantalla; pero se consegue chegar ao espectador, aínda que sexa grazas a isto, acaso importa? Non é precisamente iso, que provoque en nós emocións, o que lle pedimos ao cine? E se aínda por riba se está a levar a cabo unha denuncia tan potente como a que Capharnaüm leva, na miña humilde opinión, a cabo, mellor que mellor.
Pode que mostrar a situación que alí estase a vivir a través de personaxes infantís (todo o tramo no que Zain coida de Yonas é entenrecedor a máis non poder) teña algo de truco, pero é completamente entendible dende o punto de vista de que só así é posible falar do que está pasando a todos os niveis aos que a película o quere facer.
Outro debate que tamén está a ser posible encontrar na rede é o de se a película está a pedir que a natalidade sexa controlada nos países máis pobres, pero isto é algo que non considero que ocorra na metraxe. Zain loita nun momento por lograr a escolarización, feito que finalmente non consegue. Os pais aseguran que tratan aos seus fillos como eles foron tratados. E por onde pasa precisamente que exista un cambio a ese nivel e en como as seguintes xeracións son educadas e criadas? Precisamente na educación. O que por miña parte vexo é unha denuncia de que a situación é así en determinados países pola ausencia de escolarización e de educación coas que estes contan, continuando a situación no caso de que isto non cambie, e non unha petición de que a natalidade sexa controlada.
Temas coma o das familias casando as súas fillas, cando estas aínda son nenas, só para conseguir algún tipo de beneficio, ou simplemente ter que gastar diñeiro nunca persoa menos; ou a situación da inmigración, que recordemos que é algo que estase a dar en todos os países do globo, e non só nos que presumen chamándose a se mesmos do primeiro mundo, tamén están presentes.
O proceso xudicial a través do que coñecemos a Zain só é unha escusa para que o neno poda contarnos a súa historia, que lle é mostrada ao espectador a través de flashbacks, reflexando un panorama, neste caso situado nas rúas de Beirut, no que a infancia é un mero produto, só benvido cando se pode sacar algún tipo de beneficio dela, cos pais desfacéndose da súa prole no caso de atopar algo que poida ser beneficioso para eles.
Porén todo o previamente dito, a directora, que na película realiza unha breve aparición coma avogada de Zain, consciente da cantidade de drama que estalle a presentar aos espectadores, non dubida á hora de incluír algunha que outra escena de ton algo máis cómico, co obxectivo de restarlle gravidade ao que está a ocorrer.
A película, que non terá o seu estreo en salas ata o mes de febreiro, acadou unha ovación de 15 minutos en Cannes, ademais do Premio do xurado neste mesmo festival. Para os Globos de Oro, a espera de ver que ocorre cos Oscar, xa foi nominada a mellor película de fala non inglesa. Aquí, en Ourense, pese a non facerse co premio a mellor película do festival, si levaría a mención especial do xurado, e o que para moitos é o galardón máis importante de calquera festival cinematográfico: O do público, cunha espectacular puntuación de 4,77 sobre 5.
Estamos ante unha metraxe que provoca arrepíos, pero que tamén é capaz de deixar esperanza, coma vemos nun final que loxicamente non imos a destripar, a través de actores e actrices non profesionais, na súa maioría, e que conseguen dar vida a personaxes que quedarán contigo moito tempo, principalmente no caso de Zain, interpretado polo neno de mesmo nome Zain Al Rafeea, conformando unha película máis que recomendable, e que estamos convencidos de que dará moito de que falar nos próximos meses, converténdose nunha das auténticas revelacións do vindeiro ano.
Tamén che pode interesar:
Un comentario en “CAPHARNAÜM”