The Man from Earth

Autor: Phillip Jeffries


Todas e todos temos algunha película fetiche (na maioría dos casos, varias). Unha largometraxe que nos chega moi dentro, por unhas razóns ou por outras. Son bastantes as que podería citar no meu caso (A grande beleza, Érase unha vez en América…), pero de haber unha nesta categoría que escollese en caso de estar obrigado a quedarme só con unha, esa sería The man from Earth. Isto non significa que sexa a miña película favorita, nin moito menos, pero si é un proxecto polo que sinto un cariño especial, e por iso consideraba tan importante o feito de adicarlle a miña primeira publicación nesta revista.

Estreada en 2007, e apenas contando con presuposto (que a práctica totalidade da metraxe transcorra nun único espazo da boa conta disto, entrando grazas a este feito nun xénero tan particular como o de “películas nunha única habitación”, que moi posiblemente tería o seu máximo expoñente no clásico 12 homes sen piedade), constitúe o auténtico paradigma do que ser unha película independente significa. Afastada das canles habituais polas que as películas normalmente distribúense, a súa expansión debeuse ao boca a boca cibernético, grazas ás descargas P2P, co propio produtor da largometraxe agradecendo a distribución a través de BitTorrent.

Dirixida por Richard Schenkman, o guión saíu das mans dun Jerome Bixby que comezou a concibir o libreto xa nos anos sesenta, rematándoo a piques de morrer, en abril do noventa e oito, sendo no seu caso unha película póstuma.

O que nesta largometraxe atopamos é a John Oldman (nun xogo de palabras no caso do apelido que ten todo o sentido do mundo, como xa veredes no caso de ver a película e saberedes se xa o fixeches), profesor universitario que, tras comunicar que abandona o seu posto de traballo, ve a súa casa “invadida” polos seus compañeiros docentes, en busca dunha explicación a esta renuncia. Tras moito insistir estes colegas, as continúas negacións do noso protagonista a explicarse ceden, e comeza a auténtica maxia da película.

Contar que é o que sucede a continuación e destrozarlle a experiencia á xente que aínda non viu este proxecto sería doado, pero non é o que vai a ocorrer aquí. O obxectivo deste texto é precisamente recomendarlle á xente que non tivo a posibilidade de ver este filme que o faga, en caso de ser posible, e non teño a menor dúbida de que, nunha situación coma esta, o que mellor se pode facer é aproximarse á película sabendo o menos posible sobre ela.

The man from Earth constitúe un ensaio sobre a verdade. Ata que punto podemos crer o que alguén estanos a contar? E se estamos ante unha persoa na que podemos confiar, que aínda por riba aporta probas acerca do que está a dicir, pero o que conta é completamente imposible? Nuns tempos coma os presentes, nos que tanto se fala tan continuamente dun termo como o é a posverdade, esta largometraxe non podería vir mellor.

Ver como van trocando os pensamentos dos invitados e as súas reaccións ante o que están a escoitar é algo realmente marabilloso, e non teño ningunha dúbida de que é unha película coa que podería ser moi interesante facer algún tipo de “experimento”, sendo vista en grupo, e preguntándolles ás diferentes persoas ao ir avanzando a metraxe se pensan que o protagonista está a dicir, ou non, a verdade.

A conversa nesa casa non podería ser máis interesante, ao igual que os personaxes alí reunidos, todos eles intelectuais, e moi distintos entre si, aportando diferentes puntos de vista e contrastes entre os presentes. Xa sen ningunha necesidade de ter unha trama, poderíamos quedarnos horas e horas escoitándolles falar e o interese seguiría a ser máximo.

Só un grupo de persoas reunido no salón dunha casa é necesario para crear unha boa película cando esta atópase respaldada por un bo guión; nin de grandes efectos especiais ou presupostos desorbitados precisamos, e o mellor exemplo o atopamos aquí.

A primeira reacción será preguntarse a un mesmo “que acabo de ver?” ao rematar a película, e moi posiblemente a segunda sexa dicirlle a alguén de confianza que tamén ten que ver esta largometraxe, para poder falar dela. Convencido estou de que, na maioría dos espectadores, The man from Earth deixará unha sensación ao finalizar que poucas veces han experimentado co mundo cinematográfico de forma previa.

É posible que o seu tramo final non guste a máis dun, decantándose ao remate polo explícito, nun momento un tanto forzado, cando todo podería quedar moito máis aberto, suxerido, sendo o espectador finalmente o encargado de tomar a decisión de pensar que Oldman di a verdade ou non, pero é máis que evidente que, ao mesmo tempo, a decisión de tomar partido por parte da largometraxe supón todo un golpe de efecto que deixará bastante descolocados aos espectadores, feito sen dúbida algunha de maneira intencionada. Como vemos, ata a conclusión pode ser obxecto de debate nesta película, na que ningún minuto sobra e na que de principio a fin veste envolto.

The man from Earth é un conto, narrado con mestría, e co que será imposible deixarlle de prestar atención ó que está sucedendo en pantalla. Unha película que, desde a súa humilde base, nun primeiro momento provocou un gran impacto, chegando a parecer que podíamos atoparnos ante un novo hito da ciencia ficción, pero que finalmente sufriu as consecuencias da súa propia independencia, quedando coma un produto de culto a día de hoxe bastante descoñecido. Un auténtico tour de force pola parte de David Lee Smith, o seu protagonista, que carga sobre os seus ombros co peso de toda a película, brindando unha interpretación maxistral. Unha película, en definitiva, 100% recomendable, que non deixará a ninguén indiferente e que fará as delicias de todos os seguidores do xenro da ciencia ficción.

Un comentario en “The Man from Earth”

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.