Archivo de la categoría: Artigos

Pechamos un Círculo

O sábado oito de abril pechamos un círculo, un círculo que en realidade durou un lustro e onde o simbolismo foi parte esencial da trasmutación de Orballo cara a outra unidade, cara a outra esfera , cara a outro convencemento do que somos nós, que levamos o nome da nosa revista polos recunchos máis obsoletos, que mudamos a nosa conciencia individual por un xesto colectivo amparados na vangarda e na antigüidade como forma de expresión, o dualismo  dunha revista que coñeceu durante todo este último ano a pintores , escritores , músicos, mozos e mozas con gañas de expresar a doenza interior  ou manifestar o “paraíso indolente” ao que estamos destinados como sociedade distópica e disonante que pecha as bocas aos que non queren berrar para ser escoitados. A unión derradeira  nun organigrama de xestos,  iniciativas, ideas e discusións sobre como fortalecer a nosa realidade como proxecto cultural e transformala en palabras escritas e difundidas polas ondas que adquiren un son conxunto a media voz  na cartografía e no territorio ourensán pero que conseguiron espertar por un día,  arengando ao mutualismo de Kropotkin, e proclamando nun recital-exposición  a serenidade dun proxecto con mil voces que falan no idioma da terra.

17888900_10209621398714182_553499581_n

Mais a idea caldeouse tamén un día de abril do 2012 , non recordo cal, mais si o tempo de nubes e claros que deixaban albiscar o sol na ventá da vivenda-taller do meu veciño Manuel Xío Blanco , vivenda cargada de esculturas e cadros que parecían  escoitar todo o que comentabamos na longa mesa de madeira ao pé das sardiñas e do viño e onde recitei por vez primeira o poema “Eterno” (que xa nunca volverei  recitar xa  que os círculos cando fechan é mellor albiscar o horizonte e non voltar a vista ó abismo), poema enfrascado en catro estrofas cuxa estrutura harmónica  e delirante foi escoitada por última vez  este caloroso sábado 8 de Abril se cadra con máis nervios e con menos prudencia das necesarias, declamando ante o silencio dos que asistiron e que xa forman parte da historia de Orballo e conectaron co impulso do simbólico, no soslaio de calor e no cheiro da primavera cinco anos despois na compaña dos que fundamos e continuamos pola senda.  A conexión con esa pequena publicación literaria mosense e liderada por Manuel Xío, nai do noso xermolo , a revista-boletín:  “ Letras Perennes de Folla Caduca” na que publiquei este primeiro poema acompañado cun debuxo dunha vacaloura, prognosticaba o inicio dunha pertenza ó sino, á natureza violenta e á mesma fraxilidade dos “cornos” da cascuda na peripecia dun proceso de cumes e suspiros.

Despois chegaría o contacto con aqueles primeiros cosmonautas dos negocios, que plantamos as primeiras sementes de alta concentración de CBD e arrincamos as plantas cortándonos os dedos e se cadra deixando o sangue na terra, nun ritual incosciente, en setembro do 2014 no que o ceo contemplou o desperfecto e a irregularidade da plantación e da idea de catro homes un tanto impulsiva . Logo sería Leixado  a terceira esencia  cantando e enchendo a Rúa do Paseo cun repertorio da nosa música e da nosa poesía en iniciativa de David Conde e onde a revista comezaba a coller forma no noso subconsciente , introducindo novas ideas coma a creación de artigos xornalísticos e entrevistas ademais da poesía e da música. Foi despois cando lles fixémos a entrevista- introspectiva  a César Prada , padriño de honra da nosa publicación e onde o círculo , emblema de Orballo, volveuse pechar coa exposición dos seus  cadros no local,  de influencia bíblica e salvaxe á vez, pinturas que completamos coas ilustracións vangardistas dos estudantes da Failde e na cal deixamos ver de novo a nosa idiosincrasia , o desexo de futuro e a pertenza as raices clásicas.

 

 

A Reunión no Cercano é xa un fito , un antes e un despois , foi alí cando decidimos comezar co proxecto , nun recuncho de silencio en Ourense onde, como dixen, non fai falla berrar para expresar as túas ideas . E así o decidimos , comezar cunha revista en formato dixital . Nós os do CBD pasamos a fundar unha revista cultural aínda sen título , nós : David Conde, David Sabucedo, Daniel Luis e eu, que lle abrimos as portas o respirar de aqueles que se implicaron nun proxecto que aínda estaba no aire , que non se canalizara, e aí apareceron David Nóvoa e Andrea Pérez para a fotografía ademais de Alberto Otero, Verónica Saavedra e Lucía Camba para logo titular O.R.B.A.L.L.O a nosa andaina pola cidade coa publicación dos primeiros artigos.

 

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

En setembro chegarían Iago Cortón, Roi Nomade, Alba Losada, Antía Alberte, María Romero, Cristina López, Roberto Nespereira e Tomás Fraiz, este último achegando a dose xusta de humor que precisabamos,  e así comezamos a nosa senda en Radio Allariz cun programa de cultura e sociedade os venres e conducido por David Conde. A sección musical chegaba da man de David Novoa con Microcápsulas e logo aventuraríase Iago Cortón con Dona Melitona. Porén, para comprender a estrutura de Orballo tamén debemos recordar a publicación de Un Lobo con Pel de Home  por parte de David Sabucedo, o noso líder espiritual,  que chegaría ao público máis orballeiro e onde, a pesar da falta de difusión deste tipo de contidos máis centrados na historia con toques do mestre Heaminway , dita publicación tivo un volume de lectores de gran importancia e daríamos así un golpe na mesa para expresar o que somos NÓS. Orballo xa estaba funcionando e o círculo iríase pechando ata o 8 de Abril coa remodelación da nosa sede. Agora ábrese outra porta , agora abrimos outro círculo , outra senda onde xa coñecemos os erros e os acertos, nacen agora as novas ideas e canalízase o proxecto e o sentimento de pertenza , O.R.B.A.L.L.O son as súas siglas.  Serás ti o seguinte en descifralas?

Pablo Gómez Portas

O xogo do valor

A nova proposta artística da moldava Natasha Lelenco exibiu en Ourense unha serie de impactantes pezas policromadas sobre madeira que acende o debate acerca da forma en que valoramos a arte

No tempo de Tarquinio, o Soberbio, cando Roma aínda era monarquía, había unha profetisa chamada  Sibila de Cumas que quixo venderlle ao rei uns nove libros que contiñan o seú coñecemento e sabedoría; mais Tarquinio rexeitou a oferta dicindo que o prezo parecíalle excesivo. Entón Sibila destruíu tres libros e voltou propoñendo o mesmo prezo e cando finalmente quedaron tan só tres libros, Tarquinio comprendeu que se trataba de algo moi valioso e pagou por eles o prezo dos nove. Estes libros serviron como libros de consulta para o Senado romano ata que o incendio do 83 a. C queimounos para sempre.

Natasha cóntanos este relato, quizáis antigo xerme do xogo do valor que pon de relieve coa súa exposición “Adopta a un Señor Importante”, onde a subasta non ten cabida, senón a adopción, coma adoptamos tódolos valores dos que facemos uso (ou non) ao longo da nosa vida. Por iso as pezas da exposición son tamén simple material combustible cuxo destino será a fogueira, coma o fato daqueles libros da antiga Roma, a non ser que algún de vos teña a ben adoptalas e salvalas da criba.

_MG_8636
«Adopta a un Señor Importante»/ Exposición en elcercano.com (Ourense)

“Todo está destinado a perecer e cando nos damos conta desta posibilidade de perda aprendemos a apreciar o valor das cousas. De igual xeito, os meus Señores (e Señoras) Importantes son seres que desprezaron no seu tempo o valor da vida cegados pola egolatría, avaricia ou outras obsesións. Por  outro lado son tamén obxectos: retratos combustibles expostos para seren valorados como pezas de arte ou simplemente… leña para arder.”

Que é se non a arte, mais que a adopción dun xeito particular de observar e valorar a realidade? As obras téñense valorado ao longo da historia polo seu contido plástico, polos personaxes representados ou polo autor que a firma (unha obra importante, unha persoa importante, un pintor importante), pero para chegar a prevalecer no tempo precisa dun contexto histórico e da asunción por gran parte da sociedade culta da súa relevancia… et voilá!, estamos diante dunha obra importante, das que marcan xéneros ou épocas, das que se fan miniaturas para os libros de texto e se expóñen nos grandes templos da arte, os museos. Unha obra é lenzo, pintura, creatividade e tempo; que represente máis que o que se atopa dentro do seu marco… iso xa é colleita propia: humanismo, abstracción.

“Non quero facer unha crítica ao mercado artístico porque non podo saír do contexto no que traballo, só quero plantexar unha reflexión.”

_MG_8639
«Adopta a un Señor Importante» Exposición en elcercano.com

Calquera dos conceptos básicos que definen unha obra adquiren reelevancia por unha forma concreta de valorar (á marxe do talento), hoxe en día por exemplo, dámoslle moito valor creativo a obxectos de ciclo rápido, perecedeiros: souvenirs do Tiger e pezas de Ikea conforman a identidade artística das nosas casas, pero xa non hai espazo para o arte xenuino. Tampouco é que a nosa casa sexa unha sala do TATE como para preocuparnos do que expoñemos nela, sen embargo grandes eventos coma ARCO, unha das feiras de Arte Contemporáneo máis importantes do mundo, poñen de relevo a crecente industrialización dun mercado multimillonario, que na súa vertente máis contemporánea e nun proceso de producción masivo e global, quizáis está perdendo valor. E quizáis tamén por iso as limpadoras acaban tirando có arte, non disparen todavía, foi un erro que cometeu realizando o seu oficio, confundiu a obra con lixo. Non serei eu quen opine sobre o valor da peza confundida, diso xa se encarga un “mecenas” a golpe de talonario, e aposto que a traballadora precisaría moitos anos de arte hixienizadora para acadar o que costou esa obra de arte que pretendía tirar coma se nada, sacrilexio?

Á marxe do mercado, Natasha tenta representar nas súas pezas a vanidade e a soberbia. Econtrámonos cunha serie de retratos dun incríble colorido (casi fluorescentes) que enlazan cun mundo onírico, de soño ou de conto, utilizando de forma invertida o simbolismo superasumido das cores. Os señores e señoras importantes poderían ser personaxe históricos, un retrato dende a magnicidade e a opulencia, podería ser a imaxe que temos de nós mesmos e dos nosos coetáneos; o retrato máis famoso, e o máis sobrevalorado; a persoa máis querida e a máis odiada; un guía espiritual ou un cantamañás ben rodeado.

“O funcionamento histórico é o eixo da obra, o coñecemento fraccionado e dirixido, a diferenza entre uns, e outros.”

Natasha é unha muller sinxela e sen grandes pretensións que naceu baixo o paraugas da URSS. De pequena facía moitos esforzos para ir á escola, alí xa pintaba e encargábanlle as manualidades porque era moi xeitosa. As circunstancias fixeron que coincidira no espazo cunha das mellores escolas de Chisinau onde estudou distintas disciplinas artísticas e onde coñeceu o coro ¨Lia- Ciocârlia¨ (A laverca que canta) unha das experiencias que máis a marcou, xa que grazas ao seu profesor e posterior titor que puido dedicarse a arte, que asegura, lle salvou a vida.

“As pezas que queden sen adoptar arderán na fogueira de San Xoán, que é unha cerimonia máis na que se valora o que se perde nun rito aprehendido. Como tantas obras desaparecerán e só quedará a súa pegada nos arquivos”.

Como parte final de este proxecto Natasha abrirá un crowdfunding para realizar un libro ilustrado sobre os señores e señoras importantes, así, dalgunha maneira e aínda que algúns xa non existan, quedará rexistro deles. Mentres a exposición continuará en semana santa no estudo no que traballa Natasha, a Casa das Peritas.

_MG_8640
«Adopta a un señor importante» /Exposición de elcercano.com

La Feretería Lugo. Dende 19 de abril ata 10 de maio.

Os Catro Gatos, Espazo para o Arte, Santiago de Compostela. Dende 20 de maio ata 21 de xuño.

Finalmente, o 22 de xuño en Mallas terás a última oportunidade para salvar as pezas sen adoptar da fogueira de San Xoán, polo de agora, 14 xa se libraron da criba. Cántas arderán?

Autor: Roberto Nespereira Pereira

Fotografía: Cris Armadanzas