Archivo de la categoría: Artigos

De Freud a Fraiz V

Escribín estas frases na festividade de Santa Prisca e San Volusiano:

 

  • Si es dos que opinan que Rajoy, presidente do goberno, é medio parvo; non nós obrigues a xulgarte  a ti  que non te chaman nin para completar a lista de suplentes nas eleccións do túa poboación.

 

 

  • Son moitos os  que entraron en crise logo de entrar na Champions League. Sirvan de exemplo o Leicester de Ranieri, o Celta de Lotina ou a España de Zapatero.

 

 

  • Mañá, por quincuaxésimo oitavo día consecutivo, Susanna Griso debaterá longo e tendido sobre o ruín e miserable que resulta valerse dunha menor de idade, enferma e con discapacidade intelectual para conseguir  beneficio económico.

 

 

  • Durante a Guerra Civil  a moitos dos nosos avós sacáronos das súas casas para abandonalos en cunetas. Por sorte iso xa non sucede, a sociedade avanzou e agora sacámolos das súas casas para abandonalos en residencias.

 

 

  • Recorda que cada vez que empregas bolsas de plástico de 5 ou 10 céntimos para cargar coa compra estás contribuíndo a salvar o planeta, non coma antes cando utilizabas aquelas contaminantes bolsas de plástico gratuítas.

Autor: Tomás Fraiz Velázquez

Resaca escénica

Cando fun ver Perplexo ó Carballiño, tívenlle que pedir á miña nai que por favor levase ela o coche de volta, xa que ó saír do espectáculo, tremíame o pulso. Aquela tarde subín nun carrusel de emocións grazas a IlMaquinario Teatro e a súa lectura escénica do texto de Marius Von Mayenbug, e non fun a única: lembro que nada mais se prendeu a luz de sala que anuncia o final, un neno berrou dende as primeiras filas “Mamá ¡ha sido alucinante!” . Non fomos os únicos. Esa montaxe acadou 5 premios María Casares consagrando á compañía coma unha das máis prometedoras do panorama galego. Despois de Perplexo, fin de festa. E toda festa digna non se concibe sen unha digna resaca.

O pasado fin de semana puxen a proba de novo ós meus nervios no Auditorio Municipal de Ourense, asistindo ó terceiro dos catro días de funcións inaugurais da nova montaxe de IlMaquinario. En escena  Melania Cruz, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez ,  e nesta  ocasión, Vadim Yukhnevich, toda unha presenza musical que os ourensáns e ourensás poidemos ver recentemente en Normas para vivir na sociedade actual, de Sarabela Teatro. O espazo sonoro é música en directo, o receptor de proxeccións é unha suxerente cortina , as luces da festa son sobrias lámpadas, o misterio é un outeiro de area. Comeza o espectáulo e dous actores interveñen dende as bancadas do público rompendo a cuarta parede e tamén o ritmo escénico que ata o de agora ven marca unha cantante entregada ao amor. Interrómpena para dialogar en clave de relación amorosa. O público está xa preparado para deixarse provocar. E de súpeto, outra rotura da cuarta parede e unha navallada narrativa: despois de todo, resulta que non estabamos alí para que nos contasen outra historia de amor. Somos espectadores das entrañas de IlMaquinario, xa que nos están a contar  en primeira persona do plural a decisión de non falar de amor, de mudar o rumbo dos acontecementos. Nunca é tarde para mudar de opinión e mais cando a vida ( ou quizais a morte?) se mete no medio. Non, non falaremos de amor, falaremos de perda e de memoria. A perda de Álex, unha muller-símbolo  que todos os implicados na obra coñecen, unha muller común , e ó mesmo tempo extraordinaria, que desaparece e que vive agora nas lembranzas que rescatan do tempo compartido con ela.

aitor-uve
Fotografía de Aitor Uve

A través dun despregamento de técnica actoral, preséntasenos a historia desta Álex, que non é outra que a historia dos que a precederon: súa nai, seu pai, avó e avoa, os pais e nais destes… estamos a mergullarnos na súa xenealoxía coma se construísemos un crebacabezas do cotiá, e achegándonos con ese particular anecdotario ao  progreso, ao caciquismo, á opresión da muller, á rebeldía, á morte, etcétera. Nesta ocasión, a compañía do director Tito Asorey, apostou por unha dramaturxia propia, valéndose da colaboración da dramaturga Ana Carreira. Trátase dun espectáculo ó cal se achegan dende eles mesmos, atacando a proposta  pola vía dunha ambiciosa riqueza temática.

As imaxes escénicas revélansenos con potencia: Unha mesa, que mais ben é un baúl, que emerxe soterrada da area;  o frenesí dunha bailarina que aumenta canto máis lle din que deixe de bailar;  descubrir a chegada da luz eléctrica a un pobo galego a través da pantalla dun móbil nunha retransmisión en vivo; un misto que se está a consumir ó mesmo tempo que se esvaece unha lembranza… E máis, tantas máis, que se esvaecen tamén da miña memoria e que vós podedes recuperar visitando os teatros e acompañando a IlMaquinario para reflexionar sobre a perda e para atoparvos na memoria.

RESACA poderase desfrutar o 16 de Febreiro en Lugo e o 17 de Marzo en Vigo, despois de pasar polo festival Escenas do cambio en Santiago de Compostela.

Autora: Carlota Mosquera Rodríguez