Archivo de la categoría: Artigos

V.I.P. (VeryImportantPerson), de Els Joglars: A realidade que supera á ficción

Pasou o Nadal, época do ano no que os nenos e as nenas se converten nos verdadeiros reis e raíñas dos fogares. Cando todo lles está permitido. Poden pedir o desexo máis surrealista, o xoguete máis inaccesible, que, por arte de maxia… flash… aparece, cúmprese,… o Nadal… ese momento no ano tan máxico!!! Pero todo o bo acábase…¿ou non?

Os tempos mudaron e si antes os nenos e as nenas non se tiñan en conta para asuntos importantes, hoxe en día sobre- protexémolos de máis, converténdoos no centro de todo fogar.

Nunha sociedade rural e cun nivel económico máis ben baixo como podía ser a sociedade da Galicia fai 40 ou 50 anos, as familias pobres tiñan moitos fillos e fillas para que lle axudasen coas labores do campo e da casa (Si, era explotación infantil na maioría dos casos). A media de fillos/as por familia superaba os tres, chegando a ser oito ou nove irmáns, ou máis. As familias cun estatus socioeconómico superior só tiña un ou dous descendentes como máximo. En ambos casos, o respecto cara as persoas máis maiores inculcábase de forma férrea. Os proxenitores eran tratados con respecto e sempre de “vostede”, o igual que o mestrado, os médicos e as médicas, as persoas maiores, etc. Aínda que, hai que recoñecer, as veces era de máis. Pouco a pouco esa imaxe de “inferioridade” infantil foi mudando e o mundo dos cativos e das cativas foi gañando espazo ata tal punto que hoxe son o centro de tódolos fogares.

A compañía de teatro Els Joglars reflexiona sobre o empoderamento dos nenos e das nenas na súa obra teatral V.I.P. (VeryImportantPerson), función da que puidemos gozar en Ourense o pasado mes de novembro.

vip_cartell
Cartel oficial da obra VIP

Cunha posta en escena modernista e imaxinativa, os actores e actrices metidos na pel de nenos e nenas de curta idade relatan como a través de mimos e permisividade van dominando aos seus maiores, saíndose sempre coa súa e converténdose en pequenos e pequenas tiranos/as.

Colmado de atención dende o seu nacemento, a figura do pequeno tirano vaise formando con cada acción maliciosa non parada a tempo, con cada consentimento, sendo a separación dos pais un memento crucial para afianzar o seu “forte” carácter e aprender a levar aos seus proxenitores polo camiño que el desexa sen piedade algunha.

Els Joglars conseguen que a persoa espectadora, entre gargallada e gargallada, senta a ruborización dunha situación demasiado habitual na nosa sociedade. Unha obra chea de realismo, con unhas críticas moi boas, pero, sobre todo, moi recomendable para pais, nais, educadores/as e para todas aquelas persoas involucradas na crianza e educación dun neno/a, que como reza o proverbio africano: “Para educar a un neno, fai falla unha tribo enteira!” “Donas e Cabaleiros, ¡Desfruten da función!”

vip1
Escena da obra VIP de Els Joglars

 

Autora: Laura González Borrajo

Para saber máis:

http://elsjoglars.com/portfolio/vip/

Un encontro con Xosé Touriñán

«Os galegos temos superpoderes, sobre todo para facer comedia, e temos que aproveitalo.»

Esta fin de semana un ateigado Auditorio Municipal do Carballiño recibiu ó actor e humorista Xosé Antonio Touriñán, que acudiu á vila ourensá a representar o seu monólogo Manolo Lojo, unha actuación que se enmarca dentro do ciclo de humor Carballiño Comedy2. Tan boa foi a acollida por parte do público que tívose que programar outro pase para o domingo, xa que o día propio do espectáculo, o sábado 14, quedábase corto para acoller a tanta xente que quixo acudir a botar unhas risas co humorista de Culleredo. As desventuras da vida de Manolo (personaxe que representaba Touriñán) foron acompañadas durante a hora e media que durou o monólogo ca música que producían as gargalladas do público. Risas e bo ambiente para combater o frío daquela noite no Carballiño.

rodriguez_iag-3
Touriñán durante o espectáculo.          Fotografía: Iago R.Cortón

Revista Orballo acudiu ó evento e tras rematalo pase do sábado puidemos falar con Xosé:

Cales son as sensacións que che deixou o espectáculo desta noite?

Espectacular, que che digan ó remate dunha función: podemos abrir outra? Pois dálle, acabouse unha función abrimos outra? Home, pero non ma poñades ás 12 da noite que haberá que ir tomar algo polo Carballiño (risas). Por iso puxémola o domingo pola mañá tamén. Foron dúas funcións moi chulas e eu a verdade paseino moi ben.

Fálanos un pouquiño deste espectáculo que hoxe representaches. É parte dunha xira por Galicia?

Este espectáculo ten xa doce anos, xa case podémolo considerar unha xira vital pois levo un terzo da miña vida facendo Manolo Lojo. Este personaxe naceu dun concurso de monólogos, daqueles que facíanse na nosa zona da Coruña e da que saíron xente coma Rober Bodegas, David Perdomo, Osvaldo, etc. Eu naquel tempo traballaba co meu compañeiro Marcos Pereiro e presenteime a un deses concursos no que fun pasando fases e facendo anacos de textos, mais cando tivemos todo o boom de Mucha e Nucha deixeino aparcado e recupereino fai tres ou catro anos, con algunha cousiña nova xa que monólogos de Xosé Touriñán non teño, agás o do Club da Comedia, que por certo parte del é herdanza de Manolo Lojo. Xira non fago, cando teño un tempo libre fago catro ou cinco bolos por Galicia. Xa poucos sitios da nosa terra quédanme por percorrer con Manolo Lojo.

Veste cruzando os Ancares cos teus monólogos? Xa deuche un pasiño acudindo o Club da Comedia.

Vós como veriades se levo a Manolo Lojo en castelán por España adiante? Pensades que funcionaría? A verdade é que estou moi contento ca reacción da xente tralo paso polo programa.

Quixeches rebater eses tópicos que temos os galegos no resto de España, como por exemplo ese sentimento de inferioridade que disque temos cos respectos os outros pobos?

Non, eu fun o Club da Comedia para presentarme. Son galego e estou moi orgulloso, temos que esquecernos, nós os primeiros, dese tópico de que somos menos cos outros, no momento no que esteamos orgullosos nós e saquemos peito do que temos o que digan os demais vainos importar pouco. É unha lousa que temos nós propia, e estou moi contento do que pasou no Club da Comedia porque o que me chegou de volta, por exemplo nas redes sociais, foi certo orgullo de como nós deixei quedar. Hai tamén unha idea de que humor de aquí non se entende fóra, bueno, ó mellor non se entende se digo Carballiño ou Betanzos, é coma se un andaluz fai un chiste con Dos Hermanas, por exemplo, se ti non es de alí o máis seguro é que non o coñezas. En fin temos que rirnos máis e deixarnos de todas esas caralladas, ter máis sentido do humor e tirar cara adiante.

rodriguez_iag-5

Cal é a clave para conectar ca xente? Hai unha fórmula máxica?

O único que intento é crelo eu, ser sincero co que fago, dende que empecei teño claro que primeiro de nada tenme que facer gracia a min. O que intento cada vez que estou nun escenario ou nun plató de televisión é facer rir ó público que estame a ver ou ó cámara, e se tamén rise meu compañeiro, coma cando era Marcos ou Roberto, o que está detrás vai ser cómplice meu e vaise rir tamén comigo. O final é un xogo divertirnos ou non divertirnos punto e final, a comedia é que me faga rir ou que non me faga rir. Non hai fómulas, ou é fácil ou é imposible, non se pode ensinar como facer para ter éxito. Os galegos máis ca o resto temos superpoderes, sobre todo para facer comedia, e temos que aproveitalo.

 O humorista nace ou faise?

As dúas cousas. Tes que nacer, eu nunca na vida pensei que me ía dedicar a isto xa que dábame vergoña estar nun escenario, pero tamén despois é traballar e escoitar de todo, ir buscando nun determinado contexto o que fai gracia e ir probando e seleccionando. É coma calquera oficio cando máis tempo lle dedicas suponse que mellor vai ser, eu espero que cando sexa moi vello sexa a puta hostia (risas).

Como remate unha frase ca que te autodefinirías?

Non o sei, é mellor preguntarlle o resto do mundo, a verdade e que preguntarme a min mesmo por min é a cousa que máis vergoña me da. Non che sei dicir, quizais Forza Depor! (risas).

Autor: David Sabucedo Cardero

Fotografía: Iago Rodríguez Cortón