Archivo de la categoría: Artigos

AQUELES IRREDUTIBLES GALOS

 “Está no 50 antes de Xesucristo. Toda a Galia está ocupada polos romanos

Toda? Non! Unha aldea de irredutibles galos resiste inda e sempre ó invasor.”

Se hoxe me preguntaran cal foi a razón pola que estudei historia contestaría que a culpa tívoa Astérix o galo. Non sei que descubrín antes se as películas que emitían os festivos na TVG ou os cómics deste personaxe. Teño un recordo moi claro dunha cousa, cando estaba no colexio, ao remate das clases, un amigo e máis eu saiamos correndo cara a biblioteca do centro. Tiñamos pouco tempo, xa que había que coller o autobús, pero era suficiente para chegar e pedir unha das historietas dos irredutibles galos. Así ca lectura das aventuras de Astérix e Obélix empecei a interesarme por aquel pasado no que se enmarcaban as historias, e sen sabelo comecei o camiño que me levou ata aquí.

A aventura comeza nun suburbio da Galia.

A finais dos anos cincuenta do século pasado no suburbio de Bobigny, no departamento francés do Sena-San Denis, René Goscinny e Albert Uderzo deron vida aos personaxes dunha aldea gala, o primeiro era o escritor dos guións e seu compañeiro o debuxante. O 29 de outubro de 1959 os nosos heroes apareceron por primeira vez na revista Pilote, posteriormente terían a súa propia serie.

lutecia-paris
La Hoz de Oro (1962).

Ó público logo se enganchou á obra de Goscinny e Uderzo. Os máis cativos desfrutaban cas liortas e as aventuras nas que se vían envoltos os personaxes;  os adultos apreciaban o humor que contiñan as mesmas, moi rico en tópicos europeos e franceses, así coma as referencias a arte e a antigüidade clásica e a historia europea de tódalas épocas.

A España chegaron en 1965, sendo publicados por primeira vez pola editorial Molinos. Dous anos máis tarde Bruguera incluínos nas súas revista DDT, Gran Pulgarcito e Mortadelo.

As aventuras de Astérix e Obélix acadaron tal difusión internacional que son consideradas as máis famosas do ámbito francófono, por diante do seu gran competidor o belga Tintín. Serían traducidas a multitude de idiomas inglés, castelán, latín, grego, etc. E por suposto o galego, idioma na que moitos de nós os coñecemos a través dos filmes que emitían no Xabarín Club. En total foron traducidos a 107 linguas.

Unha Europa retratada por tópicos. A acusación de Chauvismo.

Nas historias de Astérix o humor bebe moito de estereotipos doutras nacións europeas e das distintas rexións de Francia. Isto valeulle ós autores unha acusación de chauvismo (crenza de que teu país é o mellor), a que o propio Goscinny respondía en 1975: “Astérix é unha parodia. Seus temas son os da xente que nos rodea, aínda que para determinar as nacionalidades hai que acudir aos tópicos”.

topicos-nacionais
Astérix Legionario (1967)

Botémoslle unha ollada a visión dalgúns países europeos:

Xermania: neste país é onde viven os godos, unha nación moi militarizada que lembra ós prusianos de finais do XIX e principios do XX; os guerreiros empregan uns cascos rematados nunha pica, moi semellante ós Pickelhaube dos alemáns na Primeira Guerra Mundial. O xefe deste pobo é cuspidiño a Otto von Bismark. A súa comida típica son as coles. Os nomes godos están baseados nos nomes xermánicos rematados en –ic (en francés) ou -ico (en galego ou castelán); por exemplo Histeric, Periferic, Sindeneric, etc.

nomes-godos
Astérix y los  Godos (1963)

Bretaña: a illa de Bretaña é a patria dos bretóns, que son mostrados coma os típicos cabaleiros británicos. Este pobo ten coma tradicións beber cervexa morna, fan un descanso nas súas tarefas ás cinco da tarde para tomar auga fervida (aínda non coñecen o té), e deixan de loitar ó final da semana polo “week end”. O líder da tribo que resiste á invasión de César (o resto caera cando os romanos aproveitaron para atacalos na hora da “auga fervida”) está inspirado no histórico primeiro ministro inglés Winston Churchill.

te-das-5
Astérix en Bretaña (1966)

Hispania: este é o país barato do sur onde os habitantes do norte de Europa acoden a veranear. Rara é que non haxa algún tipo de celebración nalgunha das cidades pola que os nosos heroes pasan, na historia faise unha referencia a unha festa druídica, en clara referencia a Semana Santa. No eido gastronómico os hispanos fan todo con aceite de oliva. Os nomes dos iberos, na versión española, fan referencia á comida, tipos de música, etc. E soen ir acompañados ca terminación –ez (típica dos apelidos casteláns e que significa “fillo de”).Se os romanos saúdanse cun Ave! os iberos empregan o Olé! Hai unha cousa moi curiosa que se da cas lexións hispanas: os lexionarios levan un pano vermello atado ó pescozo, coma os dos mozos en San Fermín; pola súa banda os oficiais da lexión visten unhas camisas azuis coma as da falanxe, debemos lembra que Astérix en Hispania foi escrito en 1969, en pleno réxime franquista.

ole-2
Astérix en Hispania (1969)
semana-santa
Astérix en Hispania (1969)

Moitas veces para marcar a identidade dun determinado país ou rexión francesa os autores introducen anacronismos: os bretóns xogan ao rugby, os belgas sempre falan de patacas fritidas, nun manicomio galo un home crese Napoleón (o que no cómic chámase personaxe descoñecido) e “cameos” de figuras senlleiras dun determinado país coma The Beatles en Bretaña ou o Quixote en Hispania.

Nas súas aventuras por fóra da súa amada Galia a parella gala deixa súa pegada na cultura do país polo que pasan: En Bretaña introducen as herbas do té que os bretóns bótanlle a súa típica auga fervida; en Hispania Astérix inventa as corridas de touros cando tenta burlar a un destes animais cunha capa vermella; ou en Exipto Obélix súbese a Esfinxe rachándolle o nariz.

corrida-de-touros
Astérix en Hispania (1969)

Fonte de cultura.

Coma fonte histórica está repleta de referencias ao período no que se enmarca a vida destes personaxes, o século I a.C., tendo coma base as campañas de Xulio César. Fanse referencia a sucesos da Guerra das Galias coma a rendición de Alesia, que pon fin a conquista romana do territorio galo, as campañas contra os belgas ou a expedición de César a illa de Britania. Tamén saen outros episodios da Guerra Civil entre o propio César e seu rival Pompeyo, coma son as batallas de Tapso ou Munda ou a aparición do propio Pompeyo tentando derrubar o goberno do seu rival. A cultura da Roma clásica está fielmente retratada (tomando os autores certas licencias), a obra recrea as loitas de gladiadores, as “invencibles” lexións romanas ou volve erguer as impresionante obras arquitectónicas romanas (infraestruturas que, segundo os protagonistas, estragan a paisaxe).

rendicion-de-vercingetorix
Astérix el Galo (1961).

A arte tamén ten o seu sitio, a obra de Uderzo está chea de parodias de obras coma A balsa da Medusa de Théodore Géricault, Lección de Anatomía de  Rembrandt, ou a Diana de Versailles.

el-rapto-de-la-medusa
Astérix Legionario (1967)

Hollywood e as súas estrelas tamén teñen oco neste mundo. Non son poucos os actores que fan un “cameo”: temos a Kirk Douglas no seu famoso papel de Espartaco, ou outras celebrities coma Sean Connery ou Arnold Schwarzenneger. A mesma historieta de Astérix e Cleopatra é unha homenaxe ás grandes superproducións do Cine de Ouro.

Unha longa vida.

Máis de medio século despois da primeira edición esta obra está tan viva e fresca coma sempre, non fai moito pasaba por unha librería, fixeime no seu escaparate e alí estaba a nova historieta de Astérix, mentiría senón digo que me sorprendeu para ben.

 A gran pedra no camiño desta obra foi cando en 1977 falecía René Goscinny, quedando Uderzo coma autor principal. O salto ao cinema a finais dos 90 deulle un novo pulo a historia e atraeu a vellos e a novos fans ao mundo dos galos. Polo que se refire ó futuro dos cómics parece estar máis que asegurado ca fichaxe dos novos autores Jean-Yves Ferry (guionista) e Didier Conrad (debuxante), que foron os creadores dos últimos libros de Astérix.

Seguro que este artigo podería estar moito mellor elaborado. Quizais puiden falar máis polo miúdo ou deixei fóra aspectos a ter en conta desta obra. Mais que esta pequena homenaxe serva para pagar a miña débeda con estes personaxes, que tanta ledicia déronme na infancia, e que hoxe leváronme a estar escribindo para vós estas liñas.

Autor: David Sabucedo Cardero

VÍCTOR PRIETO: OURENSE É INTERNACIONAL!

Agora, que se cumpren os vinte anos da marcha do noso acordeonista máis internacional, xa que dita marcha acontecera no ocaso de 1996, recuperamos a charla que mantivemos con Víctor Prieto durante o verán, para intentar transmitir na medida do posible o que proxecta a súa figura. Nun ambiente distendido, intentamos vislumar o fondo do artista.

Cando apenas contaba con 20 anos, a través dunha beca marcha a Boston a intentar darlle saída o seu talento no acordeón. Xa con anterioridade, pasara unha curta tempada en Los Ángeles. O porqué da escolla do acordeón, cousa que me interesou debido a que non existe a posibilidade de estudalo en Berklee, que é onde foi recalar, ven derivada da paixón que xa a súa nai sentía por dito instrumento. Amén diso, cabe citar aquí o feito de que na súa infancia tiña certo éxito unha muller que traballaba co mesmo, chamada, ou que se facía chamar, María Jesús.

thumbnail_dsc_3606
Fotografía de Alberto Otero.

Foron varias as trabas que lle puxeron de inicio, ou máis que trabas, era continuamente instado a que tocase algún outro instrumento, xa que o acordeón non tiña cabida por aqueles lares, sendo máis ben asociado á música folclórica do que se podería denominar o eixo Atlántico, ou en países de Europa do Leste.

Ante a destreza que amosou tocando o acordeón, non quedou finalmente máis remedio que renderse á evidencia, e aceptar que fose ata día de hoxe o único que rematase os estudos en Berklee sen ter un instrumento de estudo programado, pois aínda non existe a posibilidade de acceder a acordeón.

thumbnail_dsc_3622
Fotografía de Alberto Otero.

Moito é o tempo que leva fóra, e moito o que tivo que pasar tamén ata que se puido adicar exclusivamente a vivir da música, xa que nos seus inicios combinaba a súa actividade musical en New York, con outro tipo de traballos que estaba a realizar en Boston á marxe da música. Impresionado por este feito quen relata o artigo, comentou que no seu esquema mental quería fuxir de facer actividades extramusicais na mesma cidade na que contaba vivir da música.

Toda esta problemática remata a partires de 2003, ano no que consigue finalmente encarrilar unha profesión que, dende aquela, foi de crecemento meteórico, chegando a tocar cos mellores, nunha das cidades que están os mellores e, sendo finalmente tamén el un dos grandes do panorama musical a nivel mundial, acadando recoñecementos tales como a edición de nove discos propios, a colaboración en case cincuenta de outros artistas, e a consecución dun Grammy.

thumbnail_dsc_3629
Fotografía de Alberto Otero.

A súa idea, é poder irse achegando a Galicia, aínda que non contempla un retorno definitivo de momento a Ourense. Quere facer escala nalgunha cidade europea para sentirse máis preto de Galicia, pois son moitas horas de voo as que ten que facer nas múltiples xiras ás que é convidado por Europa, e sinte que por estes lares tamén hai cousas interesantes por facer e xentes coas que compartilas. Neste punto, de feito, incidiu na necesidade de escapar dos egos musicais e lograr unha certa unión profesional, cousa que sempre enriquecerá o produto final que se poida obter.

Sen dúbida, é unha persoa certamente cercana. Non ten ningún tipo de prexuízo á hora de tocar temas populares da nosa terra, e el mesmo declarou que tiña un estilo “enxebre,” co cal se sinte moi identificado, enraizando cos costumes deste lugar que o viu nacer. Tampouco tería problema en tocar con calquera dos artistas que pululan pola nosa escena, xa que non rexe os seus movementos polo nome artístico, e ata nos chegou a comentar que subir a un escenario cos Suaves, estilo un tanto distante ó seu, para el sería un orgullo.

thumbnail_dsc_3658
David Conde e Víctor Prieto (fotografía de Alberto Otero).

Por último, ante unha pregunta que pode sonar como a epitafio ou frase un tanto especial, que di tal que que lle gustaría que se dixese sobre el nun futuro en relación á historia da música, a resposta foi dunha sinxeleza espectacular e á súa vez demoledora: “Un tipo que mudou a traxectoria do acordeón.” Por seguir coa literalidade, preguntámoslle se desexaba que titulásemos dalgunha maneira especial este artigo, e a súa resposta foi tal que: “Pono así. Ourense é internacional!” Cumprindo os seus desexos, así o titulamos, desexando que a súa diáspora teña os días contados.

Autor: David Conde Seoane

Fotografía principal: Alberto Otero