Agora, que se cumpren os vinte anos da marcha do noso acordeonista máis internacional, xa que dita marcha acontecera no ocaso de 1996, recuperamos a charla que mantivemos con Víctor Prieto durante o verán, para intentar transmitir na medida do posible o que proxecta a súa figura. Nun ambiente distendido, intentamos vislumar o fondo do artista.
Cando apenas contaba con 20 anos, a través dunha beca marcha a Boston a intentar darlle saída o seu talento no acordeón. Xa con anterioridade, pasara unha curta tempada en Los Ángeles. O porqué da escolla do acordeón, cousa que me interesou debido a que non existe a posibilidade de estudalo en Berklee, que é onde foi recalar, ven derivada da paixón que xa a súa nai sentía por dito instrumento. Amén diso, cabe citar aquí o feito de que na súa infancia tiña certo éxito unha muller que traballaba co mesmo, chamada, ou que se facía chamar, María Jesús.

Foron varias as trabas que lle puxeron de inicio, ou máis que trabas, era continuamente instado a que tocase algún outro instrumento, xa que o acordeón non tiña cabida por aqueles lares, sendo máis ben asociado á música folclórica do que se podería denominar o eixo Atlántico, ou en países de Europa do Leste.
Ante a destreza que amosou tocando o acordeón, non quedou finalmente máis remedio que renderse á evidencia, e aceptar que fose ata día de hoxe o único que rematase os estudos en Berklee sen ter un instrumento de estudo programado, pois aínda non existe a posibilidade de acceder a acordeón.

Moito é o tempo que leva fóra, e moito o que tivo que pasar tamén ata que se puido adicar exclusivamente a vivir da música, xa que nos seus inicios combinaba a súa actividade musical en New York, con outro tipo de traballos que estaba a realizar en Boston á marxe da música. Impresionado por este feito quen relata o artigo, comentou que no seu esquema mental quería fuxir de facer actividades extramusicais na mesma cidade na que contaba vivir da música.
Toda esta problemática remata a partires de 2003, ano no que consigue finalmente encarrilar unha profesión que, dende aquela, foi de crecemento meteórico, chegando a tocar cos mellores, nunha das cidades que están os mellores e, sendo finalmente tamén el un dos grandes do panorama musical a nivel mundial, acadando recoñecementos tales como a edición de nove discos propios, a colaboración en case cincuenta de outros artistas, e a consecución dun Grammy.

A súa idea, é poder irse achegando a Galicia, aínda que non contempla un retorno definitivo de momento a Ourense. Quere facer escala nalgunha cidade europea para sentirse máis preto de Galicia, pois son moitas horas de voo as que ten que facer nas múltiples xiras ás que é convidado por Europa, e sinte que por estes lares tamén hai cousas interesantes por facer e xentes coas que compartilas. Neste punto, de feito, incidiu na necesidade de escapar dos egos musicais e lograr unha certa unión profesional, cousa que sempre enriquecerá o produto final que se poida obter.
Sen dúbida, é unha persoa certamente cercana. Non ten ningún tipo de prexuízo á hora de tocar temas populares da nosa terra, e el mesmo declarou que tiña un estilo “enxebre,” co cal se sinte moi identificado, enraizando cos costumes deste lugar que o viu nacer. Tampouco tería problema en tocar con calquera dos artistas que pululan pola nosa escena, xa que non rexe os seus movementos polo nome artístico, e ata nos chegou a comentar que subir a un escenario cos Suaves, estilo un tanto distante ó seu, para el sería un orgullo.

Por último, ante unha pregunta que pode sonar como a epitafio ou frase un tanto especial, que di tal que que lle gustaría que se dixese sobre el nun futuro en relación á historia da música, a resposta foi dunha sinxeleza espectacular e á súa vez demoledora: “Un tipo que mudou a traxectoria do acordeón.” Por seguir coa literalidade, preguntámoslle se desexaba que titulásemos dalgunha maneira especial este artigo, e a súa resposta foi tal que: “Pono así. Ourense é internacional!” Cumprindo os seus desexos, así o titulamos, desexando que a súa diáspora teña os días contados.
Autor: David Conde Seoane
Fotografía principal: Alberto Otero
Un comentario en “VÍCTOR PRIETO: OURENSE É INTERNACIONAL!”