Archivo de la categoría: Artigos

Unha viaxe duradeira. Corenta anos dende as Antillas a Galicia.

Nestas datas nas que semella que nos atopamos xa de volta da gran festividade do San Martiño, sen apenas tempo e folgos para recuperarnos do Samaín, Halloween, Bwin ou a terminación «in» ca que se queira denominar a festividade do 1 de novembro, existen motivos para xentes máis concretas tamén de celebración, e en concreto, falamos dun 40 aniversario, o que se cumpre por estas datas aproximadamente da edición do disco «Galicia. Miña nai dos dous mares.» O autor de tal Lp, casualmente tamén ven de celebrar, ou é de supor que así o fixo, o seu setenta e catro aniversario.

A cuestión de porque debería suscitar interese este artigo, ven derivado do contexto político e social no que se enmarca, e a polémica que levantou tamén é digna de mención. Atopámonos no ocaso do ano 1976, tal que agora nos atopamos no do 2016, por lóxica do mencionado arriba. Lembremos que aínda o PCE non estaba legalizado e nos cárceres podiamos atopar xente relacionada coa política. De feito, uns meses antes, no Coliseo da Coruña, realizárase un concerto de Benedicto e Bibiano relacionado coa solicitude de excarceración de Santiago Álvarez, personalidade recoñecida no ámbito galego de esquerdas, inserido no PCE.

galicia-mina-nai
Juan Pardo

A presentación do disco da discordia tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela, contando coa presencia do sobriño de Ramón Cabanillas, que por aquel entón formaba parte do goberno de Suárez. Quizais este punto, foi o que fixo saltar faíscas no ámbito do Movemento Popular da Canción Galega, considerando que contaba co apoio do goberno a edición do mesmo, mentres as súas cancións sufriran a censura. Pero tan só quizais.

Os medios da época fixéronse eco das protestas que tiveron lugar naquel místico entorno, e que se repetiron nalgún outro, como puido ser en Vigo, no cal ata parece ser que se produciu o lanzamento de ovos cara o artista. O que se agocha detrás destes ataques, ó meu humilde parecer, semella ser quizais un algo de marketing. O ataque realizado e o escrito que en teoría firmaron contra a edición do disco 33 supostos artistas galegos, tivo repercusión a nivel nacional. A resposta de Juan Pardo non tardou moito en chegar, e comentaba cousas tan racionais e de sentido común como “ o primeiro que me gustaría saber é o nome e apelidos dos 33 asinantes da carta,” ou “se ós 33 asinantes da carta lles preocupase a difusión do galego e da obra de Cabanillas, estarían contentos de que o meu disco non tivese problemas coa censura.”

Hai que ter en conta un pequeno detalle tamén nesta historia. Aqueles que falaban dunha especie de intrusismo no ámbito galego por parte do artista, non debían ser moi conscientes de que xa a finais dos sesenta traballara algún tema illado en galego. Pouca cousa, pero foi algo paulatino, coa transición necesaria para alguén que confesaba, naqueles tempos, non ser coñecedor do idioma e carecer da valentía para manter unha certa continuidade na nosa lingua. Por outra banda, malamente a censura podería dicir nada do disco, cando en maio dese mesmo ano se lle dedicaba as letras galegas ó “Poeta da Raza,” podendo adquirir facilmente os seus poemarios, cousa que admitiu descubrir tarde o propio Juan. En canto á cuestión de politizarse nun ambiente máis propicio a meterse en política, tamén deixaba claro que o feito de musicar eses poemas non implicaba, pola súa parte, unha idea de asociarse a movemento contestatario algún. Algunha vez diría moitos anos despois, que non era o seu falar de política (incluso anos despois do “xuntos máis fortes…”).

juan_pardo-galicia_mina_nai_dos_dous_mares-frontal
Portada do disco Galicia. Miña nai dos dous mares.

A marxe disto, o disco en si, artística e tecnicamente falando é realmente bo, e isto é algo que co paso do tempo, tamén foron recoñecendo algúns dos que daquelas o criticaban. Que dúbida cabe de que o paso do tempo amaina moitos sentimentos. Aparte de ser un vinilo moi traballado musicalmente falando, tamén o deseño e maquetación do mesmo ten a súa grandilocuencia, pois foi deseñado polo pintor lucense Tino Grandío, quen, triste e precipitadamente morrería ó ano seguinte. O señor Pardo estaba orgulloso de colaboracións tan especiais como esa, e en parte as críticas tamén lle doeron por toda a xente implicada na realización do Lp.

Aparte de todas estas consideracións, habería que ter en conta tamén que os anos 70 foron, para o artista que nos ocupa, anos de experimentación e de intentar a busca dun estilo no que estivera cómodo. De feito, uns meses antes, neste mesmo ano 1976 publicaría o que, para quen escribe, é unha auténtica xoia, tanto polo estilo que traballa como pola “ricura” das melodías. Aquel disco levaba por nome Calypso Joe, e non lle podería vir máis ó pelo o nome. Os ritmos que se traballaban eran totalmente antillanos, e bebían de estilos varios comentados na época, coma o reggae ou o calypso, e, novamente ó meu entender auditivo, un estilo do que non se falou nos medios, pero que ten unha impronta moi marcada no tema “Adiós Jamaica,” e é tal que o Nyabinghi, no que a percusión toma unha importancia de relevancia maior que a que ten xa de por si en calquera estilo.

juan_pardo-calypso_joe-frontal
Portada do disco Calypso Joe.

Desta maneira, podemos dicir, que fai corenta anos o tempo era propicio para facer e vender discos. Ningún destes dous en concreto tivo unhas vendas esaxeradas para o que era a época, pero sen dúbida, canto non daría calquera dos grupos de hoxe por vender aínda que fose a décima parte. Canto non darían tamén os periodistas musicais, servirse de polémicas como a que se contou no artigo, para reflotar unha profesión que parece afundirse a pasos axigantados. Unha mágoa o que nos toca vivir musicalmente falando. O “Lúa chea” foi o último disco de Juan Pardo, e data do 2003. Ó sacar o cd, por debaixo podíase ler: “Gracias por comprar esta música e apoiar ós artistas, compositores, músicos e outras persoas que o crearon e fixérono posible.” Sergio Dalma, un ano antes, no Festival do Viña, lanzaba unha mensaxe en contra da piratería, que seguramente algúns dilucidaron como absurdo, xa que coa piratería só se danaba a grandes compañías. Hoxe, uns cantos anos despois, vemos o resultado. Sírvase entón o artigo, en frío, para facer unha reflexión de todo un pouco…

David Conde Seoane

DE LINCOLN A TRUMP

Despois dos ríos de tinta que fixeron correr as previas ás eleccións estadounidenses (e que pouco as galegas e vascas en comparación, menos mal que estamos en España), temos o pracer de recuperar un texto que se preparara para referenciar un discurso de Kennedy que foi emitido por radio e televisión para a poboación estadounidense, o 11 de xuño de 1963, no cal John F. Kennedy, con motivo dunha serie de disturbios, ou turbios acontecementos que se estaban a dar no estado de Alabama, facía un reclamo ó respecto e tolerancia entre as xentes dun mesmo pobo, que está chamado a unha serie de deberes e responsabilidades, polo que tamén debe gozar duns dereitos, que lle corresponden en base á constitución que dirixe o modelo lexislativo do país, sen necesidade de facer diferencias en función do rango social, lugar de residencia ou, en definitiva, pola cor da pel.

john_fitzgerald_kennedy
J.F.Kennedy presidente de EEUU (1960-1963).

Ó igual que no seu momento Abraham Lincoln, o presidente presente fai referencia a unha necesaria unión para vivir, en palabras textuais, “nun só país,” no cal “os que chegaron aquí tiveron as mesmas oportunidades para desenrolar o seu talento.” É evidente que aquel presidente que fixera un discurso abolicionista cen anos antes, estaba na súa mente, pois de feito, chega a citalo, intentando facer comprender que a paciencia ten un límite, e unha centuria de anos agardando á culminación dunha promesa de liberdade, é algo que resulta excesivo para calquera.

Non obstante, naquel momento pretérito, no que o presidente Lincoln prometía a liberación dos escravos, hai que ter en conta o contexto no cal se desenrola, que non é outro que o da guerra de Secesión, que en gran medida era unha pugna entre os Estados Confederados e os “Unionistas.” Os primeiros eran os pertencentes ós estados sureños, de tradición escravista, xa que dita man de obra era necesaria para o seu desenrolo, mentres que os segundos pertencían ós estados do norte, que estaban impulsando o desenrolo da revolución industrial, e tiñan unha concentración de man de obra asalariada. Evidentemente, os avanzados do norte, impuxéronse ós do sur, cousa que implicou a desaparición da escravitude. Non obstante, é preciso entender que esta abolición da escravitude, esconde detrás unha actitude en certa maneira reprochable, xa que sen a implicación na guerra dos escravos libertos, que servían de carne de canón en moitas ocasións, a contenda podería ser moito máis longa do que foi, cousa que o propio Lincoln recoñecería.

Por suposto, isto non significaría máis que o inicio dun tira e afrouxa na loita polas liberdades dos afroamericanos. Xa mediados do século XX, é digna de mención a fazaña de Rosa Parks, quen se negou a ceder un asento no autobús a unha persoa branca, o que implicou o seu arresto, pero á súa vez tamén significou a visibilización dun problema de segregación, que era oposto á suposta moral imperante no imperio (yanki). Martin Luther King, pastor da igrexa Bautista, aparecería en escena para protestar polo seu arresto, e encabezaría, ou polo menos sería a cabeza más visible dun movemento que loitaba polo recoñecemento de xustiza cara os afroamericanos, no cal tamén se podería incluír ó particular Malcom X, o cal recorreu a meirande parte de África e do mundo, e que bebía en gran parte das teorías de Marcus Garvey, quen falaba da necesidade de retornar o home negro ás súas raíces, a África, e conseguir a unión do pobo negro.

Despois, pois, do medo que está suscitando Trump coas súas ideas e promesas feitas en campaña, ocórreseme preguntar un par de cousas ó vento. Que nos fai pensar que este home sexa un político diferente a calquera dos que houbo ó longo da historia polo planeta adiante, e cumpra todo o que dixo que ía facer en campaña electoral? A segunda podería ser: Cal é o motivo para pensar que realmente é importante para nós o que acontézaa política estadounidense? A República Democrática do Congo contén no seu terreo as tres cuartas partes do coltán mundial, posúe as madeiras máis cobizadas do mundo, o uranio cobizado para a produción de enerxía, e ten un río que podería xerar electricidade para toda África.

Pode ser, quizais, e so tal vez, os medios deberían fixarse un pouco máis o que acontece no noso sur, porque se hai algo do que depende a nosa comodidade tecnolóxica e social, é de lugares nos que se os nenos deixan de picar pedra, non poderiamos vivir como vivimos nin de lonxe, e non de lugares nos que as medidas políticas estrelas son facer muros e por aranceis. En muros e arandelas, tamén a un servidor lle tocou de traballar, e non por iso están ano e medio antes a ver o que digo do trazado do muro nin de como coloco as arandelas.

David Conde Seoane