Despois dos ríos de tinta que fixeron correr as previas ás eleccións estadounidenses (e que pouco as galegas e vascas en comparación, menos mal que estamos en España), temos o pracer de recuperar un texto que se preparara para referenciar un discurso de Kennedy que foi emitido por radio e televisión para a poboación estadounidense, o 11 de xuño de 1963, no cal John F. Kennedy, con motivo dunha serie de disturbios, ou turbios acontecementos que se estaban a dar no estado de Alabama, facía un reclamo ó respecto e tolerancia entre as xentes dun mesmo pobo, que está chamado a unha serie de deberes e responsabilidades, polo que tamén debe gozar duns dereitos, que lle corresponden en base á constitución que dirixe o modelo lexislativo do país, sen necesidade de facer diferencias en función do rango social, lugar de residencia ou, en definitiva, pola cor da pel.

Ó igual que no seu momento Abraham Lincoln, o presidente presente fai referencia a unha necesaria unión para vivir, en palabras textuais, “nun só país,” no cal “os que chegaron aquí tiveron as mesmas oportunidades para desenrolar o seu talento.” É evidente que aquel presidente que fixera un discurso abolicionista cen anos antes, estaba na súa mente, pois de feito, chega a citalo, intentando facer comprender que a paciencia ten un límite, e unha centuria de anos agardando á culminación dunha promesa de liberdade, é algo que resulta excesivo para calquera.
Non obstante, naquel momento pretérito, no que o presidente Lincoln prometía a liberación dos escravos, hai que ter en conta o contexto no cal se desenrola, que non é outro que o da guerra de Secesión, que en gran medida era unha pugna entre os Estados Confederados e os “Unionistas.” Os primeiros eran os pertencentes ós estados sureños, de tradición escravista, xa que dita man de obra era necesaria para o seu desenrolo, mentres que os segundos pertencían ós estados do norte, que estaban impulsando o desenrolo da revolución industrial, e tiñan unha concentración de man de obra asalariada. Evidentemente, os avanzados do norte, impuxéronse ós do sur, cousa que implicou a desaparición da escravitude. Non obstante, é preciso entender que esta abolición da escravitude, esconde detrás unha actitude en certa maneira reprochable, xa que sen a implicación na guerra dos escravos libertos, que servían de carne de canón en moitas ocasións, a contenda podería ser moito máis longa do que foi, cousa que o propio Lincoln recoñecería.
Por suposto, isto non significaría máis que o inicio dun tira e afrouxa na loita polas liberdades dos afroamericanos. Xa mediados do século XX, é digna de mención a fazaña de Rosa Parks, quen se negou a ceder un asento no autobús a unha persoa branca, o que implicou o seu arresto, pero á súa vez tamén significou a visibilización dun problema de segregación, que era oposto á suposta moral imperante no imperio (yanki). Martin Luther King, pastor da igrexa Bautista, aparecería en escena para protestar polo seu arresto, e encabezaría, ou polo menos sería a cabeza más visible dun movemento que loitaba polo recoñecemento de xustiza cara os afroamericanos, no cal tamén se podería incluír ó particular Malcom X, o cal recorreu a meirande parte de África e do mundo, e que bebía en gran parte das teorías de Marcus Garvey, quen falaba da necesidade de retornar o home negro ás súas raíces, a África, e conseguir a unión do pobo negro.
Despois, pois, do medo que está suscitando Trump coas súas ideas e promesas feitas en campaña, ocórreseme preguntar un par de cousas ó vento. Que nos fai pensar que este home sexa un político diferente a calquera dos que houbo ó longo da historia polo planeta adiante, e cumpra todo o que dixo que ía facer en campaña electoral? A segunda podería ser: Cal é o motivo para pensar que realmente é importante para nós o que acontézaa política estadounidense? A República Democrática do Congo contén no seu terreo as tres cuartas partes do coltán mundial, posúe as madeiras máis cobizadas do mundo, o uranio cobizado para a produción de enerxía, e ten un río que podería xerar electricidade para toda África.
Pode ser, quizais, e so tal vez, os medios deberían fixarse un pouco máis o que acontece no noso sur, porque se hai algo do que depende a nosa comodidade tecnolóxica e social, é de lugares nos que se os nenos deixan de picar pedra, non poderiamos vivir como vivimos nin de lonxe, e non de lugares nos que as medidas políticas estrelas son facer muros e por aranceis. En muros e arandelas, tamén a un servidor lle tocou de traballar, e non por iso están ano e medio antes a ver o que digo do trazado do muro nin de como coloco as arandelas.
David Conde Seoane